Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ábrese a tempada gaiteiril
Éxito de público e calidade nos intérpretes

Co Certame de Gaiteiros Solistas 'Manuel Dopazo' ábrese a tempada anual de eventos que outorgan todo protagonismo ao instrumento nacional do noso pais: a gaita. A ocasión merecía adicarlle un 'Contrapunto' dos que nesta 'bitácula' adico a cuestións distintas á programación de fontes abertas.


O evento tivo lugar no auditorio homónimo na vila da Bandeira, alí onde os vestixios das culturas neolítica e celta asistiran no lonxano 1809 a un chanzo significado no proceso de cristalización da soberanía política do pobo galego no contexto da súa loita contra a ocupación napoleónica. A reflexión sobre o desleixo historiográfico relativo a ises feitos históricos daría para moitas páxinas; mais refirámonos primeiro aos que tiveron lugar no Auditorio bandeirense o domingo 24 de maio.

Debimos de ser dos últimos en chegar e tivemos sorte de atopar bo sitio pois a abundante afluencia de público deixaba poucas prazas baleiras alén das reservadas. O escenario amosaba unha estampa costumista na que os apeiros agrícolas se dispoñían nun contorno de xestas florecidas onde un labrador ataviado co traxe da comarca apilaba as alpacas de herba seca que complementaban o atrezzo. Sen consultar as bases do concurso, todo indicaba que nos atopabamos ante un evento herdeiro da escenografía que o Rexurdimento canonizara como a tradicional e, por tanto, que coa sucesión de intérpretes teriamos tamén un desfile de vestimentas froito da reinterpretación da moda napoleónica.

Solistas de calidade

Tras unha presentación de caracter institucional, no idioma proprio, no que se anunciou a composición do xuri -Anxo Lorenzo Álvarez, Anxo Pintos e Xosé Casal- subiu ao escenario o primeiro intérprete. Tratábase nada menos que de Gonzalo Abelairas, ourensán integrante do laureado cuarteto Abelente e membro do Grupo de Música Tradicional "Gomes Mouro", desfrutando así da discutibel honra de romper o xeo dun público que se amosaría respectuoso, esixente e atento, mais que tardaría en entregarse.

Vestido de negro rigoroso e chapeu da comarca como é habitual nel, o de Ourense subiu ao escenario acompañado de tambor tradicional con gaita de buxo en Re e triple harmonium composto de ronco e ronqueta, a dúas oitavas por debaixo da tónica o primeiro e da quinta xusta o segundo, e afinando o chillón a unha oitava da cuarta xusta. Gaita clásica galega pois, afinada nun acorde pedal co que Abelairas buscaba un "efecto de dominante" para realzar o paso da primeira das pezas -un popular Canto de Arrieiro- á segunda -Tres Cores, muiñeira da súa autoría. Precisamente esta última peza, que merecera un accésit na última edición do prestixioso certame adicado a Constatino Bellón, supuñía unha dificuldade engadida por acabar nunha pasaxe escrita en Fa que tería introducido disonancias con aquel acorde, e por eso veriamos o ourensán compoñer ao final o acorde de Re Maior baixando o chillón medio tono.

Tratouse dunha interpretación meritoria e non exenta de dificuldades que para o xuri mereceu o terceiro premio, dotado de 500 euros e á que seguiu a de Manuel Fernández Alén, o primeiro gaiteiro que subiu ao escenario sen máis apoio que si propio. Trouxo para a súa interpretación un profundo La de granadillo co que interpretou dúas pezas: Fisterra e Sen Máis, a primeira unha variación de Brian Boorhby da coñecida Noitébrega e a segunda autoría dunha das promesas convertidas en realidade, o ferrolán de Barallobre Daniel Bellón. A interpretación de Manuel, caracterizada por ese pausado tempo do que tanto gosto -e que contrasta coa obsesión pola velocidade e a prestidixitación (que non virtuosismo) tan estendida lamentabelmente na escena galega profesional- pareceume honesta e sentida, por moito que a tensión escénica condicionara a precisión da afinación de notas pedais e punteiro.

Chegaría despois o turno doutro gaiteiro dos de renome: Alberte Coia, quen proclamando a mestría de Carlos Núñez dende o seu Hío natal se fixo co primeiro premio -de 1500 euros- grazas á interpretación de tres pezas. Así, abriu cun Cantar de Serán emocionado, seguiu cunha xusta homenaxe a Edelmiro Fernández -o compositor de Lusiña, a peza que escolleu como centro da súa interpretación- e fechou cunha Paxota na que fixo gala desa técnica de ornamentación que identifica o do Morrazo: busquen os vídeos na rede e descúbrano por si mesmos. Alberte subiu ao escenario acompañado dun tamborileiro que demostrou comprender a importancia dunha axustada tensión do instrumento; fíxérono os dous sen sombreiro, o que chamou a atención do público mais sen lograr desviar o protagonismo de quen o merecía: a súa gaita qu combinaba o granadillo do harmonium co buxo dun punteiro correctamente afinado en Mi.

Seguíronlle Daniel Blanco Carpente -o único que escolleu unha pandeireteira para a percusión- Anxo Piñeiro Souto e Xoán Manuel Ríos Alcaide, que amosaron un excelente gusto na escolla das pezas, entre as que considero importante sinalar tres pola súa autoría: a Xota de Recadadores de Ernesto Campos, a Lúa Arreghoada de Roxelio Groba e unha das máis coñecidas -e das máis que máis respecto deberan inspirar- como é o O soño da Papuxa, de novo do inefábel Edelmiro Fernández.

Unha actuación a destacar

Tras todos eles chegou o que para min foi o momento memorabel do Certame: a interpretación do nicraniense Pedro Álvarez Fariñas. Non se molestará Alberte comigo, pois é sabedor da admiración que lle profeso e nada do que eu diga podería menoscabar a calidade da súa executoria, se digo que na miña opinión foi aquela, e ningunha outra, a interpretación merecedora do primeiro premio. Tampouco se sentirá cuestionado o xuri, pois ao apuntar esta alternativa, non fago máis que sinalar a complexidade dunha decisión que deberon tomar por apenas unhas décimas porcentuais; dende logo a calidade dos gaiteiros demostrou estar á altura do Certame.

Pedro subiu ao escenario cunha gaita de granadillo en Do con harmonium de pallón, convenientemente vestido e conxuntado cun tamborileiro que tivo a virtude de lembrarnos a importancia que ten a percusión na nosa música patrimonial, tan frecuente como inxustamente esquecida: tratábase de Ramón, neto e discípulo do reputado mestre Antón Corral, quen permanecía no público atento á evolución das distintas actuacións. Pedro tivo a cortesía de afinar sen darlle a espalda ao público e, unha vez logrado o equilibrio en harmónicos, interpretou un emocionante Amencer en Fisterra de Ernesto Campos, fechando a súa actuación con Urbión, unha peza de Pedro Lamas. Foi unha interpretación xusta na ornamentación, limpa e afinada, cunha expresión e firmeza que deron lugar a unha actuación na miña opinión sentida, honesta e potente e cuns fraseos moi ben definidos e resoltos cunha execución moi coidada.

Seguíronlle David Valladares Ocampo quen, cunha gaita de García de Riobó con punteiro de Seivane en Do e ronqueta na tónica, interpretou a Xota do 3 -de Pedro Lamas- e a clásica Aires de Pontevedra, o que fixo non sen dificuldades na afinación e na execución dos arranxos de Anxo Lorenzo, precedendo á interpretación de Alberto Falcón Cazás, quen cunha boa técnica interpretou con gaita en Do de Tonecho Varela a popular muiñeira O Burriño -de novo Pedro Lamas- e a Xota Novo Milenium, de Agustín Sánchez.

A honra de fechar o concurso correspondeulle a Isidro Vidal Gallardo, gaiteiro do Carballiño que actualmente estuda o Grao Medio de gaita no Conservatorio Mayeusis de Vigo da man xustamente de Ernesto Campos, interpretando dúas obras de creación propia nunha actuación na que a afinación do bordón e a execución do fraseo impedirían unha mellor valoración do xuri.

Premio de honra para a familia Seivane

Tratouse dun certame moi completo, ben organizado e de calidade que contou coa posta de longo das Ruadeiras de Loimil e unha homenaxe a Xosé Manuel Seivane Rivas

Se cadra para facer máis levadeiros os nervios de solistas e acompañantes na espera do fallo do xuri, a organización tivo a previsión de regalarnos a posta de largo das Ruadeiras de Loimil, un conxunto que recuperou a tradición do baile, relacionada coas pandereteiras de Barro de Arén, no concello de Cerdedo.

A decisión do xuri, que se axustou a criterios de afinación, expresividade na interpretación, dificuldade de execución e orixinalidade no arranxo e/ou composición das pezas -tal como sinalaban as Bases do Concurso- foi ben recebida polo público, e os protagonistas foron aplaudidos como merecían. Esto foi especialmente certo para outro dos protagonistas do serán, o gaiteiro e luttier Xosé Manuel Seivane Rivas, que recibía unha mención de honra outorgada pola organización do Certame, que agradeceu emocionado, antes de dar paso ao feche do acto, que tería lugar coa interpretación ao unísono polos gaiteiros do Himno nacional. Ao respeito é preciso comentar que o público se abstivo de acompañar a interpretación coa súa letra se cadra por estar tocado en Do; seguramente sexa este un punto mellorabel pola organización, en especial habida conta da presenza da gaita en La de Manuel Fdez. que con seguridade tería impedido esta descortesía vogal coa homenaxe que Eduardo Pondal adicou ao noso antergo Breogán.

Con seguridade a edición do próximo ano amosará aínda máis a experiencia acumulada, polo que a cita debera quedar marcada xa nas nosas axenda como a que dá inicio á tempada gaiteiril do noso país coa dignidade que esta merece.

Suso baleato
www.anosaterra.org
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 04-06-2009 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Habería que ter coidado de pronunciar palabras maiores como"fraseo" nun instrumento tan sumamente difícil como é a gaita. Habería qu#blgtk08#e estar moi moi moi metido no tema para facer unha crítica de tales características. Precisamente é o que falta en moitos gaiteiros
Comentario por (07-06-2009 03:10)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer