Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O novo disco de Fía na Roca

É o sexto disco do grupo, gravado quince anos despois daquel primeiro 'Fía na roca' (1993), que chamara a atención mesmo da BBC, e servira para promocionar o Xacobeo 93 en toda Europa

Montaran daquela unha editora (Antirritmo C.B.) logo de autofinanciarse a gravación. Fía na Roca funcionou sempre de xeito independente. “Cando comezamos, no 93, a cousa estaba mal, e agora está peor”, afirma Vázquez. “Sobrevaloráronse as producións e non se souberon adaptar os prezos. A xente perdeu moito o hábito de mercar discos”. Coa iniciativa conxunta con A Nosa Terra que están a desenvolver queren evitar intermediarios, mover o disco practicamente do produtor ao público, e conseguir que sexa máis doado para a xente mercar o disco. “É un xeito de comercio xusto”. A respecto da independencia na produción, explica Vázquez que “tal e como funciona o mundo do disco, moitas veces vímonos obrigados: Unha discográfica grande significa moitos compromisos, e nós non queriamos nada que nos atase”.

E o reto non queda aí: en Quince maios achegan moito máis ca música. Trátase dun DVD onde podemos ver o concerto co que Fía na Roca celebrou o 15 aniversario no Teatro Principal de Compostela para gravar Quince maios. “É bonito, ademais de escoitar un grupo, velo tocar”, afirma Vázquez. O DVD achega unha serie de regalos de persoas que acompañaron a Fía nesta andaina de década e media, coma Mini, Uxía ou Miguelanxo Prado, artífice da portada do primeiro disco. Trátase de 16 temas que recollen a evolución do grupo. “Non fomos moito de sacar un disco e despois facer concertos arredor dese repertorio”, explica Vázquez. “O noso directo foi medrando con cada nova achega. Fía na Roca traballou bastante en estudio, pero nesta ocasión queriamos reflectir a alma do grupo, que é tocar en directo”. Parécelle importante xerar este tipo de material discográfico, “nunha época en que pecamos un pouco de exceso de produción e edición. Interésanos o directo por riba dos artificios”.

Quince anos de historia

Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno xa se coñecían da agrupación vilalbesa Xorima, que se desfixera no 89, cando lanzaron unha proposta que bebía da tradición sen renunciar ás innovacións. Coa incorporación do violinista Quim Farinha e Xosé Enrique Comesaña nos instrumentos de corda (ambos os dous se incorporarían despois a Berrogüetto), gravaron Fía na Roca no 91. Dirixiu a produción artística Luís Delgado, que tamén tocaba diversos instrumentos (entre eles a autoharpa), e aínda houbo sorpresas, coma a presenza de Segundo Grandío, baixista de Siniestro Total, Carlos Castro na percusión, e Ana, Carme e Leo Bueno nas pandeiretas. Xoán Manuel Estévez cualificou, nunha crítica n’A Nosa Terra, aquel traballo como folk experimental, “en permanente encrucillada”. Gravouse no 91, pero aínda tardou dous anos en saír.

“Realmente houbo un momento forte no folk contra finais dos 70 e comezos dos 80”, explica Vázquez, “e cando nós empezamos co proxecto levabamos xa un tempo noutros grupos. O que queriamos era facer música folk saíndo un pouco do celtismo, que era o que se levaba daquela, partindo da tradición e tamén de músicas do mundo, pero non as estándar. Eses foron os principios fundacionais. “A historia de Fía, como moitas outras historias, ten as súas turbulencias. Logo de varias entradas e saídas de xente consolidamos o que queriamos facer”.

Para Agardando que pase algo, no 96, incorporáronse Gião Rodrigues á guitarra, Roberto Santamaría ao violín ou o baixista Pablo Pérez. No seguinte traballo, Contravento (2001) incorporouse a vocalista Sonia Lebedynski, que daquela tiña quince anos, pero axiña había dar moito que falar. “Foi unha incorporación importante”, salienta Vázquez: “empezou como colaboradora, pero foi unha chispa que deu lugar ao cambio. Eramos un grupo instrumental, como moitos outros, e foi unha oportunidade para achegármonos ao público. A voz, o idioma, sempre tenden unha ponte”. Naquel ano coincidiron no festival de Ortigueira coa formación quebequesa La Bouttine Souriante, que estaban a celebrar o seu 25 aniversario, e convidáronos a participar nun documental que estaba a gravar sobre o grupo Renal Bellenare.

Celebrando aniversarios

Despois viñeron Dez anos ao vivo, que gravaron no Teatro Principal de Compostela no 2003, para celebraren a primeira década, e Vente Vindo, xa no 2007, “un golpe de temón” no rumbo da banda, ao cobraren xa as pezas cantadas especial relevancia. Ao maior protagonismo da voz de Lebedynski. Ademais, o grupo gravou, desta volta, todo xunto, o mesmo que nun concerto, para conseguir un resultado natural, que soase próximo e vivo. Por desgraza, había dúas ausencias notábeis: a de Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto, e a de Cris Gándara, contrabaixista, pero os que están seguen coa mesma forza: entran Xabier Olite, ex-Psicofónica de Conxo, aos baixos, e Roberto Rama, coas gaitas, saxos e low whistles, e seguen Sonia Lebedynski, X. Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, ademais de Pablo Barreiro, técnico de son e responsábel da gravación.

Fía na Roca inician unha xira de verán, que os levará pola Bretaña e Portugal, entre outros lugares.



www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 02-06-2009 14:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer