Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pancho Álvarez presentou o seu novo traballo
O multinstrumentista porriñés Pancho Álvarez presentou no marco do Festival de Cans o seu terceiro traballo en solitario, 'Sólidos Galicianos' (Pai Música), trece temas nos que se mergulla nos ritmos galegos tradicionais. O músico deuse a coñecer como violinista do grupo Na Lúa a comezos dos 80, formando parte despois de Matto Congrio e da formación de acompañamento e gravación de Carlos Núñez.

Por que Sólidos galicianos?
O título fai referencia a estas moedas que se acuñaron no Reino Galiza. Chamoume a atención o significado que de aí se pode extraer. Era para min unha sorte de reafirmación da identidade galega. Por outro lado tamén imaxino esas moedas formando parte dos tesouros que os mouros agocharon nos castros e nas mámoas como di a mitoloxía popular. Para min é unha metáfora da riqueza do noso patrimonio cultural.

Pasaron oito anos dende o seu último disco en solitario, Nas cordas. O público vaise topar aquí cun novo Pancho Álvarez?
Agardo que a xente tope aspectos mellores froito da maduración, aprendizaxe e da evolución que dá o tempo. Neste disco atopei novas sonoridades da man de instrumentos cos que fun experimentando. Son un curioso compulsivo nisto da música. Empecei a tocar a viola de gamba, que se adapta a todo tipo de estilos, experimentei con instrumentos de corda doutras latitudes, descubrín a zanfona galega con todas as súas posibilidades, topei na casa a forza da voz de María Solleiro, e todos estes elementos xuntos conferíronlle un carácter diferente ao disco.

Que peso ten a composición propia neste disco?
Basicamente é un traballo de composición aínda que incluín algún tema tradicional arranxado. Cando compoño pretendo que soen a música tradicional, con melodías próximas ás que coñecemos. Neste disco tamén está recollido un cantar de cego que interpreta Hermelinda do Muíño, de Sarreaus, pero actualicei a letra cos problemas que nos toca vivir hoxe.

Como definirías o traballo?
Como unha aposta persoal para topar un camiño propio dentro da tradición.

Que dificultades existen para un músico que forma parte de grupos coñecidos á hora de iniciar unha carreira en solitario?
As mesmas que calquera outro artista. Non é nada doado saír adiante, menos co mercado do disco tan tocado. Evidentemente para un estilo de música máis limitado como é o tradicional, as dificultades poden ser maiores. O que si é certo é que este tipo de música goza de gran recoñecemento internacional. Se creas un proxecto claro e atractivo é posíbel que consigas un mercado, reducido, pero moi diverso e estendido. Vivo moi de cerca esta experiencia con Carlos Núñez [Pancho Álvarez forma parte da banda habitual de Carlos Núñez] e percibo ese interese constantemente.

Ademais de presentar o disco, no Festival de Cans interpretará un cantar de cego.
É a primeira que interpreto un cantar de cego destas características. Este concretamente narra o sucedido tras embocar dun autobús nesta parroquia do Porriño, no que morreu moita xente.

A pesar de todo, os cantares de cego xa están presentes no seu repertorio.
O meu primeiro disco en solitario dediqueino a Florencio, o Cego dos Vilares, un dos últimos músicos de prestixio destas características, recoñecido pola xente que se dedica á musica tradicional pero non tan ben considerado socialmente. Por aquel entón non había cobertura social para os cegos e esta era unha saía económica máis. Naquel disco homenaxeábao interpretando boa parte do seu repertorio, tanto cantigas de cego como outras melodías de música tradicional que tocaba. No segundo tamén incluín algunha outra peza do seu repertorio.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 26-05-2009 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer