Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os festivais, en perigo pola crise
Promotores musicais galegos aseguran que a crise económica nótase 'moitísimo' neste sector, xa que, a diferenza doutros anos, 'ninguén dá un duro' e moitos patrocinadores e institucións deixaron de apoiar este tipo de concertos nos que se dan cita varios artistas.

Así o sinalaron varios organizadores e produtores de música independente en Galiza, que destacaron as "dificultades" para sacar adiante concertos nun momento en que "o soporte económico falla".

No diagnóstico coincide o crítico musical Nonito Pereira, redactor da sección galega da revista especializada Mondosonoro. Na súa opinión, noticias como a da cancelación do estival Summercase son "un claro síntoma da crise".

Segundo explicou Pereira a Europa Press, un dos problemas fundamentais para os festivais en Galiza é que "non existe cultura empresarial de patrocinio privado". Desta forma, indicou que a maioría dos proxectos "responden á iniciativa de concellos, institucións públicas e fundacións das caixas de aforro".

Marcas como Estrella Galicia, Coca Cola, Movistar –en 'Festival do Norte'– San Miguel ou a propia Mondosonoro –en 'Flupop'– son as habituais no patrocinio de festivais. "Oxalá Coren, Calvo ou Inditex puxesen un pouco do seu parte", comentou o xornalista.

Situación “estraña”

"Estamos atrás en forma de traballar, vivimos unha situación un pouco estraña", sentenciou, tras o que explicou que abunda o formato dun día "que substitúe a programación do propio concello". "A filosofía é: traemos tres ou catro grupos e xa facemos un festival", aseverou.

Ademais, baixo o seu punto de vista "un festival non pode ser gratuíto", como o son os que se celebran en Arzúa –'Queixo de Arzúa', que celebrou o pasado marzo a súa segunda edición– e en Caldas de Reis –'Cultura Quente', con doce anos de realización e un dos máis consolidados da xeografía galega–. "É unha cuestión de calidade e recompensa a artistas e promotores", alegou.

Así, considerou "clave" para organizar un festival "empezar desde abaixo", convocar o público "a unha escala real" e mostrar "un criterio de selección" dos grupos e bandas. Para el, 'Festival do Norte' –en Vilagarcía de Arousa–, 'Castelo Rock' –en Muros–, 'Felipop' –en Fene–, 'FM Tendencias', 'Sereas e Piratas' ou 'Seriapop' –todos na Costa da Morte– son modelos "exemplares".

Festival do Norte

Neste sentido, o responsábel do Festival do Norte, Antonio Caneda, valorou en declaracións a Europa Press, que en Galiza afloren novos festivais, pero resaltou que "o importante é afianzarse e manterse no tempo".

Desta forma, o encargado do evento –que terá lugar os próximos días 1 e 2 de maio e a prensa especializada inclúeo "entre os 12 mellores de España”– fixo fincapé no feito de que aparecen "festivais como cogomelos", aínda que "o fácil é aparecer un ano e desaparecer ao seguinte", indicou.

Festivais fugaces

Nesta liña, o responsábel de Ernie Producións, José Carballo, resaltou que hai "cantidade" de festivais "fugaces" e asegurou que "o panorama este ano está peor que nunca". "Os recortes orzamentarios son grandes", dixo, polo que puntualizou que "hai que fiar fino" para confeccionar os carteis.

Carballo, que organiza desde hai tres veráns o festival Lolapop en Ponte Caldelas, advertiu que "este pode ser un ano de transición", xa que "ao non haber moita axuda" baixará o caché, os carteis non serán "tan impactantes" e pode que algúns festivais "non se celebren".

Así, referiuse ao "complicado" que teñen os festivais "de menor tamaño" competir cos "grandes". "Neste momento", para levar a cabo proxectos no mercado de festivais "hai que pelexarse" e "apostar diñeiro propio", indicou.

A súa opinión é que "existe un sector festivaleiro rendíbel" de afeccionados á música independente, pero que "para atraelos" hai que "ofrecer algo diferente" e "esquivar moitos obstáculos".

A Nosa Terra
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 06-04-2009 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer