Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Benedicto
'Botar unha ollada serena para atrás' é a intención coa que Benedicto García Villar (Compostela, 1947) escribiu o seu libro de memorias 'Sonata de amigos' (Xerais). Nas súas páxinas, este fundador de Voces Ceibes, rememora as súas orixes, a súa formación, a loita antifranquista e a música entendida como instrumento de intervención social.

No libro ofrece unha crónica biográfica que é a vez musical e persoal. Nela narra todos os camiños posíbeis que tiña un mozo dos anos 60.

Vivíamos unha situación de ditadura. Todo estaba prohibido para un mozo daquela época que se interesase pola música. Foi realmente difícil porque existía un muro tremendo ao que enfrontarse, unha parede que semellaba inexpugnábel. Co tempo decatámonos de que era posíbel derribalo coa forza colectiva. Se algo saquei en limpo daquela época foi precisamente o valor do colectivo. Naquel caso resultou ser o grupo de canción Voces Ceibes e con eles fixen a travesía.

Como empezou vostede na música? Como aprendeu a tocar a guitarra?

Fun autodidacta, (ri), por iso nunca cheguei a tocar ben. O feito de cantar xa me viña do colexio La Salle, no que estudei en Compostela, onde formei parte do coro dende pequeno. Non sei explicar ben por que escollín o camiño da música. Na miña familia non existían antecedentes, pero aquilo de cantar presentóuseme como algo realmente importante, máxime cando me topei co público, co feedback, e sentín que lle chegaban as mensaxes, que contestaba e arroupaba o meu traballo. Foi tamén a miña maneira de protestar.

As súas influencias musicais son diversas pero, de que bebeu máis: da canción francesa, dos cantautores norteamericanos ou quizais dos cantantes en catalán?

Un pouco de todo. Despois de cantar en latín no colexio comecei a cantar en catalán os temas de Raimon. Dunha maneira totalmente casual, este cantautor catalán actuou no colexio maior no que residía cando estudaba Telecomunicacións en Madrid. Quedei absolutamente impactado. Comecei entón a cantar en catalán. Un grupo de compañeiros suxeriume que, do mesmo xeito que interpretaba en catalán, podía facelo en galego. Ese foi o motivo que me levou a escribir o tema O home, en galego. Era unha elección dobremente contestataria, cantar e facelo en galego.

Con todo, na súa obra translócese unha influencia e, sobre todo, unha gran admiración por Zeca Afonso.

Evidentemente. José Afonso foi un ídolo para min. Traballei con el só dous anos pero foi o meu mestre non só musical senón tamén espiritual e ideolóxico. Era un home dunha sensibilidade fóra de toda norma. Vivir ao seu lado era sempre motivo de algo interesante. Estreou en Santiago o tema Grândola, Vila Morena en abril 1972, na Facultade de Económicas. Estaba no escenario con el, porque naquela época o acompañaba coa voz e a guitarra. O público estaba moi receptivo e ocorréuselle cantala a pesar de que non estaba previsto no programa. Agarroume polo brazo, do mesmo xeito que fan os coros alentexanos, e fíxome acompañalo. Logo viría a historia e a decisión dos militares de sacar o 25 de abril en Radio Renascença, curiosamente a radio da Igrexa, o tema do Zeca, á hora prevista como sinal do levantamento.

Esa admiración por un músico como Zeca, tamén significaba un anhelo por lograr a calidade dos seus arranxos musicais?

Iso era imposíbel. Sempre digo que se non fose portugués José Afonso sería un cantor mundialmente recoñecido, máis que os americanos. Era un monstro, tanto dende o punto de vista compositivo como interpretativo. Os seus arranxos e as súas cancións eran espeluznantes. Por outra parte, todos recoñecemos que Voces Ceibes era un movemento necesario pero que non destacou polo nivel artístico dos seus integrantes. Nós fixemos o que se podía facer, que xa era moito. Puxémonos a cantar en galego cando era, daquela o máis absurdo do mundo. Malia todo, os que posteriormente decidimos apostar pola música de xeito profesional dedicámoslle moito tempo á formación.

Outra persoa que cita como clave na súa música foi Celso Emilio Ferreiro. Que significaron os poetas galegos, tamén Lois Diéguez e Manuel María, para Voces Ceibes?

No meu caso Diéguez foi moi importante. Cantei temas dun cancioneiro que me mandou Manuel María con coplas feitas a máquina por eles dous. Púxenlle música a tres das asinadas por Lois Diéguez, Loitemos, No Vietnam e A voz do pobo, que formaban parte do primeiro disco. Foron ademais, en certo sentido, os abandeirados de Voces Ceibes. Habería ademais que nomear, aínda que non era letrista, a Xesús Alonso Montero, que tamén estivo detrás animando.

Chama o libro Sonata de amigos mais a historia de Voces Ceibes e as súas diversas continuacións tamén é unha historia de desencontros. Tivo que ver con isto as distintas militancias políticas dos seus integrantes?

Discrepo de que esta fose unha historia de desencontros. Gardo un recordo magnifico de todos eles. No recital que se acaba de celebrar en Compostela para festexar o corenta aniversario de Voces Ceibes, rememorando aquel concerto emblemático de Medicina, constatouse esa boa relación. Existe unha lenda sobre Voces Ceibes en canto a relación entre os seus membros. No referido á cuestión política, os que eramos militantes, Bibiano, Xerardo Moscoso máis eu, estabamos adscritos ao PCG. Outros militantes non había.

Que tiñan contra vostede os gobernadores civís?

Gustábamos moito (ri). O feito de cantar en galego o que cantabamos era como meterlles o dedo nun ollo. Pero hai un informe da policía do 1970 onde o autor, que era da [Brigada Política] Social, por suposto, demostra ter unha enorme simpatía polo grupo. Na relación que fixo do resto de cantores da época que non pertencían a Voces Ceibes citou a Juan Pardo ao que lle criticaba, por oposición, "a mala calidade" e o feito de ser "comercial".

Gravar co selo catalán EDICSA sinalaba tamén as carencias do noso país naquel tempo.

Todo quedaba por facer e aínda se tardou en crear un selo galego. Logrouse a mediados da década dos 70, na Coruña, pero durou catro días.

En 1975 cantaban para 5.000 persoas nun pavillón. Que dano lles fixo a vostedes a Transición?

Foi moi dura. Fomos todos vítimas do desencanto. Desincháronse todas as estruturas en que actuaramos e atravesamos momentos moi duros. Despois esmoreceu todo.

En 1980 coincidiu a súa despedida da música co seu abandono do PCG, estas dúas decisións teñen algún tipo de lectura?

Coincidiu. Efectivamente deixei de cantar e de militar. Logo dediqueime a dar clase como mestre.

Coa perspectiva que dan os anos, que importancia lle daría a Voces Ceibes dentro da historia da música do país?

Facendo unha lectura seria e non excesivamente pasional, aquilo foi necesario para que agora gocemos dunha pluralidade de intérpretes e de formacións, tanto de canción de autor como de estilos máis contemporáneos. Fomos ademais os primeiros en cantar en galego, en dar os primeiros pasos na normalización do idioma no eido da música e iso non o pode negar ninguén.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer