Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Som do Galpóm
Som do Galpóm representa na música a mestizaxe que marca o século XXI e que non ten volta atrás. “As fórmulas musicais están mortas”, pensa a formación. Despois de sorprender e gañar varios premios pecháronse con Segundo Grandío na Casa de Tolos para gravar o que será o seu primeiro disco. Falta pouco máis dun mes para poder escoitalo

Som do Galpón están metidos en Casa de Tolos, de Segundo Grandío, en pleno proceso de gravación do seu primeiro disco, que sairá no mes de marzo. Brais e Gael de Estebam, Xurxo, Aitor e Jano, os gañadores da última edición de Nsaio no Camiño, apuran as horas de estudio porque saben que, co lanzamento, se botarán á estrada para ofrecer unha boa xeira de concertos por todo o estado.

Contádenos: como está sendo a vivencia da gravación? Como estades pasando estes días nos estudios Casa de Tolos?

Gael: De moito traballo; erguerse cada día, coller os instrumentos e sesións perpetuas de "jam". Pasamos as 24 horas do día xuntos: horas de moita convivencia, pero ningunha discusión!!Jano: Incluso durmimos no mesmo cuarto… pero en liteiras, eh!Xurxo: E iso que, ao comezo, todo facía prever o peor: o primeiro día chegamos pouco menos que de casualidade, caía unha nevarada de impresión nun lugar que nunca neva, e aínda con GPS perdémonos para chegar ao estudio.

Aitor: E o segundo día que estivemos, martes e 13… e lúa chea.

Os estudios Casa de Tolos son todo un clásico da música galega. En que inflúe ter a Segundo Grandío producindo os temas?

G:Unha terceira persoa sempre achega novas ideas pero, sobre todo, a súa xestión emocional axúdate moito. Segundo é un solucionador de problemas. Ademais, é un grande oído e iso sempre suma.B: A música é unha forma de expresión artística. Non é a forma, é o que sentes á hora de tocar, e iso nótase na habitación: como resoan as caixas, a presenza do baixo, como arrastra o violín, a forma de proxectarse a voz…

A:O malo é que cando empezas a collerlle o truco, xa estás acabando, e quedarías gravando aínda máis tempo. O que temos que facer é desfrutar: é algo que nos está a dicir todo o mundo.

Pero a medida que ides ensamblando os temas, iredes tendo unha idea máis clara do que é o disco, non si?

G:A idea xa está moi mastigada dos ensaios e dos directos. De momento hai catorce temas, pero aínda hai que mirar os que entrarán ou non. Musicalmente, o grupo está medrando: estamos máis abertos e absorbendo moito. Por outro lado, é unha experiencia ilusionante, pero doe. Despois de tantas horas ensaiando, semella que o noso fillo vai marchar.

Que imos atopar no disco, vai haber novidades?

G: No disco vai haber algúns temas descoñecidos e inéditos, a xente vai levar unha grata sorpresa nese sentido. Hai máis temas que poden parecer que están fóra do noso estilo habitual… pero a ver como responde a xente, porque aínda non están probados en concerto.

B: Compilamos algúns dos temas da maqueta e aínda lle damos un empurrón máis, con novas sorpresas, novos arranxos.

Que achega Som do Galpóm á escena musical galega?

G: É unha proposta innovadora, orixinal, colorista e fresca, un pouco máis de riqueza ao que xa hai. O tempo dirá se gusta. B:O conto é: hai algo por aí que se lle pareza? En calquera caso, cada vez vai haber máis rapeiros que se unan a bandas, máis unión entre os músicos na procura de novas propostas e discursos musicais: As fórmulas están mortas.

Como vedes o panorama galego? Que grupos son os que vos gustan máis?

G: Os nosos referentes son Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Resentidos… pero tamén gostamos de Duplo–Som, Loretta Martin ou Ataque Escampe, cos que temos unha rivalidade moi sá, todo hai que dicilo. Por outra parte, hai grupos que están triunfando na escena nacional ou internacional que non terían nada que facer ao lado de moitos grupos galegos. B: O que queda é proxectar toda esa riqueza cara a fóra. Que se vexa como algo normal e non reducido a este territorio. Bótase en falta que os músicos se poidan converter en profesionais da música, todo o mundo ten traballos alternativos. Igual que hai discográficas, estudios de gravación…. Que se asuman riscos para ter ganancias. Sen risco, devalúas o conxunto e seguiremos vinte anos máis con Ana Kiro como referente da música galega. En Galicia segue habendo moito playback, e esa grande fraude mata a naturalidade da música.

G: Non estamos en contra da sesión vermú, que é algo moi noso, pero hai que ofrecer alternativas, hai que cambiar un pouco.

Nesta xira de máis de cen concertos pasastes por case todas as vilas da Galiza. Como se recibe a Som do Galpóm?

G:A xente tratounos dunha forma espectacular. Cancións como África chegan máis aos maiores, e Na Cama báilaa máis a xente nova. Tocamos por vilas, pero tamén por cárceres, en escolas.

E agora que marchades a Madrid e Barcelona como cambia o conto?

G: Pois levarémoslles a nosa proposta, con ganas de crearlles esa espectativa. O noso verdadeiro son é o son directo, esa enerxía e compenetración co público.

E así gañastes o GzCrea, Nsaio, Foundación Reggae, o Festival Terra/Lingua… que dá estar neses escaparates?

G: O traballo diario, esa ilusión e a paixón… é o que engancha máis que gañar os festivais. Os premios son ganas de traballar máis, máis, máis…B: O beneficio de certos premios está aí –gravar, editar…–, pero tamén ir a máis e máis concertos, seguir ensaiando…J: Queremos ir aos concursos para tocar máis. É o que nos motiva nos concursos. E iso que os premios son case máis para a xente que nos segue, a que nos quere. Aí si que ves a alegría, que á xente lle chega a nosa proposta.

A: Nós levamos a festa, un concerto para pasalo ben, bailar, cantar, desfrutar.

E sen esquecer que vides da Moniña…

B: A Moniña é coma Springfield. É unha aldea, un lugar da Galiza se imos ao significado exacto do termo, que podería ser calquera outro. É como a etiqueta
"ser da casa".

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer