Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

La Voz lanza unha colección de libro-discos de música tradicional
En dez volumes reuniranse os temas máis coñecidos dos sons populares con guías culturais das comarcas

La Voz de Galicia inicia o próximo domingo 30 de novembro unha colección inédita ata agora en Galicia. Baixo o título de O son e a terra , dez libro-discos reunirán os douscentos temas máis coñecidos da música tradicional galega, que irán acompañados por unha completa guía que debuxará un percorrido xeográfico-cultural polas comarcas do país. Este ambicioso proxecto está patrocinado polo Banco de Sabadell.

Cada libro-disco incluirá un compacto con as dez cancións máis representativas da historia sonora de cada un dos espazos físicos que reflictan as 68 páxinas de cada volume, que se encargarán de contar os elementos culturais, sociais e naturais máis destacados de cada zona do país en cuestión. Este produto editorial irá profusamente ilustrado con decenas de fotografías.

A música, gravada por músicos especialistas na interpretación de pezas tradicionais, incluirá dez melodías, que estarán interpretadas en dúas versións diferentes: unha que respecta a forma histórica en que eran tocadas con instrumentos como a gaita, o tamboril e o bombo; e outra que se interpreta dunha forma máis evolucionada cos sons do acordeón, a frauta, o violín ou o bouzouki. Os temas gravados están extraídos dos grandes estudos musicolóxicos que contribuíron a fixar a historia sonora do país, como son o Cancionero musical de Galicia , de Casto Sampedro, e o Cancionero gallego , de Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay. Nos dez cedés que forman O son e a terra tamén aparecen temas procedentes de séculos de saber popular, que foron recollidos de diversas fontes orais de todo o país.

Os sons incluídos nos discos ofrecen melodías tan coñecidas e definitorias da cultura galega como son as muiñeiras, foliadas e alboradas máis famosas da historia de Galicia.

«Muiñeira de Chantada»
Un exemplo é unha das pezas que aparecen no primeiro libro-disco, que será entregado xunto co periódico o domingo 30 de novembro por 5,95 euros, e que está dedicado ás terras da Ribeira Sacra, Valdeorras, Trives, Viana e Caldelas. Nese volume pódese atopar a celebérrima Muiñeira de Chantada . Sobre esta melodía, quizá a máis coñecida do corpus sonoro tradicional do país, realizáronse recentemente unhas investigacións que atribúen a súa creación á banda dos Ferraias, unha agrupación musical formada nas terras chantadinas en 1865 polos irmáns Manuel e Antonio Fernández. A peza sería pasada a partitura por primeira vez por Victoriano, fillo de Manuel. A mesma investigación, realizada polo colectivo Barcas do Minho, explica que os Ferraias estrearon en público a peza en 1916 nas festas da parroquia chantadina de Veiga. Para esa ocasión, os Ferraias contaron coa colaboración do grupo de gaitas máis famoso da historia de Galicia: os gaiteiros de Soutelo de Montes. A mítica banda que dirixía Avelino Cachafeiro colaborou na súa difusión coa gravación que fixo da Muiñeira de Chantada en 1928. Estas e outras historias son as que se poderán atopar na colección O son e a terra.

A historia da recuperación e dignificación das melodías máis famosas do país

A recuperación e transmisión da música tradicional de Galicia foi unha labor inxente na que destacan algúns nomes que protagonizaron o estudo e interpretación duns sons que non serían o que hoxe se coñece sen a súa intervención. Un dos nomes que merece figurar no panteón de honra de defensores da música galega é Faustino Santalices (1877-1960), que está considerado o investigador máis importante de zanfona en España da primeira metade do século XX.

Este completo músico -ademais da zanfona, tocaba tamén outros instrumentos como a gaita e cantaba- realizou as súas primeiras gravacións en 1929 -aínda que outras investigacións falan de 1927-. Alí aparece Santalices cantando e tocando a zanfona en temas como Canto de romería ou Canto de Seitura . Nas mesmas gravacións tamén se pode escoitar a súa gaita en cancións como Muiñeira de Cartelle ou Alborada antiga de Ourense . Santalices volvería a gravar música tradicional galega moitos anos despois, concretamente en 1949 xa con 73 anos.

O primeiro disco galego
Outro dos grandes protagonistas na dignificación da música do país foi Perfecto Feijoo (1858-1935), que ademais de ter contribuído ao carnaval pontevedrés co loro Ravachol -agora protagonista da festa, pero unha ave real a principios de século que habitaba na farmacia de Feijoo-, fundou en 1883 a agrupación Aires da Terra, fundamental para entender a música galega. Feijoo foi tamén é protagonista, xunto o empresario coruñés Pedro Ferrer, do primeiro disco que se gravou en Galicia, realizado en A Coruña en 1904.

Os sons que aparecen nos dez volumes da colección O son e a terra traen á memoria algúns dos grupos de gaiteiros máis famosos da historia. Nun lugar de honra aparecerían os gaiteiros de Soutelo de Montes, agrupación liderada polo mítico Avelino Cachafeiro (1899-1972).

Este combo levou a música galega por toda a península e diversos países de América, converténdose nas primeiras décadas do século pasado nun fenómeno sociolóxico, que incluso provocou que existan composicións dedicadas por outros músicos a esta banda. Un exemplo é a melodía titulada O gaiteiro de Soutelo , que aparece na colección O son e a terra . É a mostra da consolidada fama que tiña un Cachafeiro que xa a mediados dos anos vinte foi nomeado mellor gaiteiro de Galicia nun solemne acto celebrado en Santiago.


www.lavozdegalicia.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-11-2008 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer