Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Retranca está de cabodano
A revista cumpre un ano e celébrao cunha festa e unha sorpresa: un 'desnudo' na portada dun famoso político galego asentado en Madrid.

"Hai un ano moitos crían que a Retranca estaba morta e que a nosa revista duraría dous telexornais". E van xa doce meses, doce números. A revista celebra o seu primeiro cabodano, é dicir un ano dende o que moitos a deron por morta mesmo antes de nacer. O vindeiro 31 de outubro, na noite de Samaín, Retranca celebra a súa festa en Pontevedra, a partir das oito da tarde no Café Moderno da Fundación Caixa Galicia. Ese mesmo día ás 12 da mañá inaugurarán a Sede da Editorial Retranca, na rúa Peregrina.


Ademais desvelarase a portada do número 12 da revista, na que aparecerá un 'posado' dun dun famoso político galego asentado en Madrid. Apostas?

Primeiro cabodano de Retranca, tempo de botar contas. Como valoras o que foi até agora? Respondeu ás túas expectativas?
Foi bastante mellor do que esperaba. Son realista, e sei o que é Galiza, e os problemas de distribución que ten unha revista aquí. Ninguén apostaba por que pasaramos do número 3 e de feito un amigo confesoume que houbo unha porra para ver até que número chegabamos e perderon todos. Sabíamos que ía ser difícil, pero tiñamos moi claro o obxectivo: sacar unha revista sen subvencións, e que se vendese nos quioscos, que é un lugar moi difícil, porque están moi saturados de cousas, e hai moita competencia. Nós en realidade somos un produto moi caseiro, case unha empresa familiar, e competimos con revista que pertencen a grandes grupos empresariais, e que publican milleiros de exemplares. Foi moi importante o boca a boca, funcionou moi ben. En El Jueves dicíanme que se nalgún momento tiñamos problemas só tiñamos que publicar un pelotazo, pero aquí non temos familia real, e a duquesa de Lugo xa se separou.

Algún asunto a mellorar?
Un dos asuntos pendentes é o da publicidade. Non somos quen de captar moita publicidade; conseguir tres páxinas para cada número supón un esforzo titánico. E se non tes asegurada a publicidade, estás a expensas de que un baixón nas vendas nun número non che permita publicar o seguinte.

Que foi o que fixeches ben en Retranca que nos outros intentos de facer unha revista de humor galego se fixo mal?
Precisamente polas experiencias que houbo e que fracasaron, tiña medo, dá moito respecto. No camiño quedaron o Golfiño, o Xatentendo, ou o Can sen Dono, con fortes apoios empresariais e algunhas moi ligadas a importantes medios de comunicación, repartíndose cos xornais. Pero o problema é que estas publicacións estaban feitas dende o punto de vista da non supervivencia: ao depender deses apoios tan fortes preocupábanse menos por sobrevivir. Pero esas experiencias axudaron, porque en realidade todos os que estamos en Retranca estivemos tamén nas outras. Sabiamos que non podíamos deixar que entrasen cartos institucionais, ou apoios demasiado determinantes das empresas, nin de medios de comunicación, porque sempre che van condicionar á hora de publicar os contidos. Tiñamos que ser independentes.

Soubestes ver un oco, tamén...
Si, aquí había un oco. Non había iniciativas de produción propia que arriscasen. E tivemos un factor sorte, claro. Saímos no momento idóneo, despois dun cambio de goberno, no que a xente tiña gana de cambiar os tópicos sobre Galiza. E a cousa foi ben tamén pola calidade dos autores, combinando a vella garda e a súa experiencia coa nova garda, que ten moita calidade e creatividade. Isto non é El Jueves, nós non competimos con El Jueves, porque se estivesemos competindo con eles, perderiamos, evidentemente. Nós cubrimos un oco que a eles non lles interesaba cubrir. Non se facía humor sobre as cousas de aquí, primeiro porque non saben o que pasa aquí. Propúxenlles á xente de El Jueves facer algo sobre a Cidade da Cultura, e déronme unha viñeta, non lles interesaba.

Tamén porque non lle chega información. O humor precisa de información previa...
Si, non hai retranca sen afondar nos temas.

E como vai de vendas a revista?
Temos 200 subscritores. E en canto á tiraxe, do último número, de seis mil exemplares devolveron tan só 700.

Que novidades vai traer Retranca no seu segundo ano?
Recentemente comezou a colaborar o Carrabouxo, e tamén incluímos unha sección na que damos entrada a escritores galegos, porque temos aquí a autores con moita retranca. E nos próximos números entrarán Rober Bodegas e Pepe Carreiro. En canto á revista, queremos incorporar máis páxinas en cor. Tamén imos facer fincapé na Colección Retranqueira, en libros de humor galego que non se van vender no quiosco, senón en librarías. Así conséguese que permanezan máis tempo á vista, dispoñíbeis; os quioscos son moi efémeros. A comezos de ano sairán un de Alberto Guitián e outro de Mel.

E os colaboradores cobran, cousa insólita en Galiza...
Sabiamos tamén que isto non podía funcionar a base de achegas voluntaristas, que tiñamos que pagar as colaboracións, aínda que fose pouco, dentro das nosas posibilidades. É como se montas un bar; non te plantexas pagarlles aos camareiros ou non. Se queres esixir calidade, e constancia, ten que pagar, e pagando consegues tamén unha maior motivación, porque este tipo de publicacións queiman moito.

O outro día Xaquín Marín laiábase de que se estaba perdendo o humor galego...

Os galegos de hai trinta ou corenta anos eran moi distintos a como somos agora, eran labregos e tiñan ese humor moi particular. Vivimos nun tempo de globalización de estandarización e a galeguidade e ese xeito de facer humor esváese. Pero o humor galego evoluciona e ten que evolucionar, e nós na revista temos que seguir esa evolución, e facer un produto de acordo cos gustos dos nosos lectores.

www.vieiros.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-10-2008 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer