Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Voces Ceibes, o nome do compromiso

Os románticos do pasado están de noraboa.Logo de anunciarse o volta de Fuxan os Ventos nun concerto especial en Santiago, A Coruña ofrecerá un de homenaxe a Voces Ceibes

O Teatro Rosalía de Castro, da Coruña, acolle o vindeiro xoves, 16 de outubro, un concerto dos cantautores Raimon e Miro Casabella. O recital servirá de homenaxe a Voces Ceibes, un nome xenérico que hai xa 40 anos integrou un grupo de mozos que na década dos 60 decidiron poñerse a cantar co dobre obxectivo de reinvidicar a lingua galega e loitar a través da música contra a inxustiza, a desigualdade e o sufrimento do pobo galego.

Na cociña de Voces Ceibes tivo o seu papel o concerto que o 9 de maio de 1967 ofreceu Raimon no estadio universitario de Santiago. Naquela altura existía un movemento de canción protesta en boa parte do mundo occidental, e en particular en Cataluña.

Pero a primeira aparición pública do colectivo galego tivo lugar case un ano despois, nun recital de música galega organizado no paraninfo da facultade de Medicina da Universidade de Santiago o 26 de abril de 1968. Ao recital acudiron 2.000 persoas e os folletos de promoción foran redactados por Xesús Alonso Montero. Neste primeiro concerto participaron Benedicto coas cancións Eu son a voz do pobo, Un home, Loitemos e Carta a Fuco Buxán; Xavier con Monólogo do vello traballador, María Soliña, Romance incompleto e Longa noite de pedra; Guillermo Rojo con Quen tivera vinte anos, Tirade ao chan os fusiles, A vós irmáns, Señor, eu fun poeta; Xerardo Moscoso con Deuda cumprida e Réquiem Nº II e Vicente Araguas con Comunión, A cea e Eles non sabían cantar. Os poemas de Celso Emilio Ferreiro formaban a parte fundamental do repertorio, xunto a composicións propias.

En maio dese ano realizouse unha xuntanza no hotel Compostela de Santiago para organizar un colectivo de canción galega ó xeito dos cataláns Els setze jutges ou os vascos Ez dok amairu. A ela acudiron Vicente Araguas, Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, así como Margarita Valderrama e Alfredo Conde. O colectivo, que tiña como características sobranceiras cantaren unicamente en galego e a canción social e belixerante, déuselle o nome de Voces Ceibes a proposta de Xavier.

En xuño de 1968, e por mediación de Salvador García Bodaño, chegouse a un acordo con Edigsa de Barcelona para publicar o primeiro disco de cada un dos catro compoñentes. En outono de 1968 realizouse a gravación en Barcelona: chegáronse a poñer no mercado dez singles.

A finais dese outubro realizaron trece actuacións en varias localidades galegas (Vigo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Pontevedra...) e o 1 de decembro tivo lugar a actuación máis importante, no teatro Capitol de Santiago. Nela tocaron Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e xa daquela tamén, Miro Casabella.

O 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción que supuxo a paralización dos recitais. En 1969 actuaron en París. En 1970 Xavier deixa Voces Ceibes e entra Xaime Barreiro Gil. Benedicto marchara a facer o servizo militar, e Guillermo Rojo acaba deixando tamén o colectivo. No mes de decembro de 1970 entra durante breve tempo Tino Álvarez. Na primavera de 1971 deixouno Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano.

En 1972 participaron na gravación do disco colectivo Cerca de mañana con Lluís Llach, Elisa Serna, Julia León, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, Adolfo Celdrán e Juanele, que saíu ó mercado en 1973 fóra de España.

As pelexas internas que xa levaban tempo furando no colectivo fixeron que o grupo desaparecera en decembro de 1974.

O concerto de Raimon e Miro Casabella no Teatro Rosalía celebrarase ás 21 horas e as entradas sairán á venda a 10, 13, 15 e 20 euros, con descontos dun 20 por cento para os posuidores de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados.

www.elcorreogallego.es

Foto: Benedicto, á esquerda, falando con Raimon, e Miro Casabella, de frente, en 1976
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-10-2008 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer