Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xosé Manuel Budiño, primeiro premio

O gaiteiro moañés é o único artista que acadou dúas veces o máximo galardón dos PREMIOS OPINIÓN. Hai uns anos conseguira ser o mellor disco folk do ano por Zume de Terra e agora repite distinción polo traballo desenvolvido en Home.

-Que tal lle foi ao longo do verán presentando o novo álbum?
-Tocamos moitísimo. A primeira actuación tivo lugar en Glasgow, no mes de xaneiro. Fomos a sitios en Galicia, como Noia, nos que nunca actuáramos e, en xeral, notei ao público máis entregado ca noutras ocasións. É o primeiro disco que saíu ao mercado antes do verán e o que notei é que o tiñamos máis rodado. A xente xa sabe del e coñece algúns temas. Deste xeito dá máis tempo a dixerilo.

-E non faltaron abondosos recitais no estranxeiro.
-Non nos podemos queixar. Estivemos en lugares como Líbano, Siria, Xordania, Marrocos, Italia, Dinamarca, Bulgaria e México. Estes dous últimos anos foron os máis viaxeiros da miña carreira. En Damasco tocamos no teatro Nacional da Ópera, un recinto grandísimo. Estabamos avisados que o público é máis ben frío e empeñeime en que bailasen na parte final e conseguímolo, o que abraiou ao programador, que nunca tal vira. En México chegamos a participar nun programa cultural en televisión que ven catorce millóns de espectadores e ao día seguinte recibín moitos correos de persoas que nos viron actuar alí. Internet amósase como unha boa ferramenta para chegar lonxe da túa terra. Para o 2009, tentaremos entrar máis forte no mercado francés e tamén apostaremos por Alemaña, Holanda e Bélxica. As viaxes resultaron importantes a nivel creativo porque cada vez que chegaba a casa púñame a plasmar as melodías que xurdiran na miña cabeza cando estaba fóra.

-Xa son catro discos publicados e unha década enriba dos escenarios. Considera asentada a súa carreira?
-Non o sei. Non penso no que pasará no futuro. Cando rematei Paralaia parecíame imposible chegar a realizar outras doce composicións e logo foron saíndo temas para outros tres discos. O de cismar en que era difícil facer cancións no futuro sucedeume tamén con Zume de terra.

-Nunca lle escoito facer mención ao seu álbum Arredor. É o disco do que se sente menos satisfeito?
-Non, para nada. Foi un traballo que tocamos pouco en directo e metinme no estudo sen saber o que ía pasar, ao contrario do que aconcera con Paralaia, que xa estaba moi rodado. Ao longo destes anos vexo que a xente ten visións diferentes da miña obra e escollen como preferida calquera dos catro discos. Hai cores para todo o mundo. Podo dicir que me metín ao 100% con todos eles e sempre realicei o que quería.

-Na entrevista realizada cando gañou o seu primeiro PREMIO OPINIÓN botáballe piropos ao público coruñés. Segue a pensar o mesmo?
-Penso o mesmo dos espectadores coruñeses. Desde que presentei Paralaia, a miña ópera prima, constatei algo especial no público da cidade respecto a miña música e iso aconteceu todas as veces que estiven alí. Ademais, teño moitos amigos na Coruña.

-Houbo unha novidade no último ano e agora exerce como o seu propio mánager. Que tal vai esa experiencia?
-Fago unha valoración moi boa. Ter dúas persoas traballando na oficina fai que todo sexa fluído e máis se temos en conta que é xente que leva traballando comigo case dez anos. É un paso complicado de dar, pero ás veces cómpre tirarse á piscina.

-É o único artista que acadou por dúas veces o galardón como mellor disco do ano nos PREMIOS OPINIÓN.
-A verdade é que non o esperaba. É algo moi positivo. Cando estiven realizando promoción en Madrid a xente salientaba o do premio nas entrevistas porque chamou moito a atención. Ademais teño preparada unha sorpresa, xa que Mercedes Peón vai cantar a peza do disco e estou á espera do mail de Xoel para ver se chega á cidade da sú xira americana mañá ou o sábado. Se está na Coruña tamén subirá ao escenario e así contarei con dous artistas moi especiais canda min.

"Gravo os concertos en vídeo para logo poder pulir detalles"

Un dos aspectos orixinais nos concertos de Budiño é a presenza dunha pantalla de vídeo onde as imaxes se funden cos sons que producen os músicos no palco. Ao moañés gústalle moito a tecnoloxía e adoita empregala para beneficio propio. Por exemplo, leva tempo gravando os concertos en vídeo e sacando o son da mesa para analizar o que ocorre no escenario e así poder pulir cousas que non lle convencen. "Sei que é algo infrecuente entre os colegas de profesión, pero a min gústame gravar as actuacións e logo miralas detidamente na casa para correxir defectos. Xa modifiquei cousas das que non estaba satisfeito. Esas gravacións permítenme comprobar como funciona o espectáculo e saber onde están os puntos febles".

-De aquí ata que remate o ano, que ten previsto facer?
-Algo importante, como é a participación no Womex en Sevilla, unha feira musical onde están promotores de todo o mundo e poden saír xiras importantes. É a primeira vez que estou alí como artista convidado. Como público xa fun é considéroo un lugar onde aprender cousas dos músicos que participan.

-Cal son os artistas que máis lle impactaron ultimamente?
-Mercedes Peón sempre me impacta. O disco de Abe Rábade é alucinante. Tamén me gustaron moito Jorge Pardo en trío e Macaco. Nos últimos tempos encantáronme os irlandeses Mozaik, con veteranos como Andy Irvine e Dónal Lunny, que non sei se continúan en activo, o turco Mercan Dede, cuns directos moi diferentes aos discos, a caboverdiana Mayra Andrade e Christy Moore, que só coa súa guitarra lograba emocionar ao público.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-10-2008 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer