Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Emilio Cao
O músico Emilio Cao volve aos escenarios e prepara un novo disco, que ten máis cor que os anteriores, e fala de cousas cotiás e sinxelas

Podes atopar a Emilio Cao tocando a arpa nun mosteiro, ou nun concerto de rock and roll. É un home calmo, pero tamén enerxético. Transmite sensacións de espiritualidade e amabilidade, porque anda buscando ese equilibrio interior tan necesario. Pensa que o son da arpa aportou "dozura e tranquilidade" á música folk de Galicia. Segue sendo un amante do pop e do rock, igual que nos seus inicios musicais. En 1977 gravaba o seu primeiro disco, "Fonte do araño", e dende entón pasaron moitas cousas na súa vida, pero mantén vivas a curiosidade e a ilusión. Viaxou moito. Naceu e vive en Compostela. As súas cancións transpórtannos a mundos soñados nos que sentimos que podemos tocar o ceo.

Que é para ti o intimismo da música?

Penso que a arpa xa é de por si un instrumento cuxa visualización pon a xente nunha onda de tranquilidade. Coa primeira arpa que tiven pasábame que só con mirala parecíame bonita. Para min é un espazo natural esa situación de intimidade. Nos concertos que dei este verán busqueina. Quero buscar un "OM" de ioga, buscar "un tempo" e facer outro diálogo coa xente.

Como lembras aqueles anos 70 dos teus inicios musicais?

Os meus comezos foron de rock. Era baixista dun grupo rock de Compostela. Esas liñas sígoas mantendo. Non me considero un músico folk ao uso. Gústame tamén o pop. Os meus comezos foron tocando en discotecas e ao aire libre. Teño un traballo vocacional. Sempre recordo un consello que me deron: "se tes un traballo vocacional non debes presumir nin queixarte." Lembro aquel momento con enerxía e claridade. Deixei os estudos e marchei vivir fóra de Compostela. Necesitaba esa dislocación.

Que é Galicia para ti? Estás contento de vivir neste país?

Sempre tiven a sensación de que para levarme ben co país teño que ter un pé dentro e o outro fóra. Para min foi importante vivir no estranxeiro. Nos comezos tivo que ver con esa necesidade de ter outra perspectiva e unha riqueza humana e musical que aquí non tiña. Agora teño un fillo co que comparto a miña vida. Este país está nun bon momento. Hai unha oportunidade para as novas xeración. Temos que resituarnos no mundo.

Como foi o teu primeiro encontro coa arpa?

Atopei nunha tenda de instrumentos de segunda man, na Coruña, unha arpa. Leveina para a casa. Despois duns días de admiración e respecto comecei a tocala. Son autodidacta e os autodidactas temos unha intuición máis desenvolvida e a sorte de non perder o aspecto lúdico da aprendizaxe. Cando saíu o meu primeiro disco eu nunca mirara outra arpa. Non tiña referentes ningúns. A arpa proporcionoulle á musica galega un punto de dozura e tranquilidade. Abre un espazo sonoro. Ofrece a lectura interior da música.

Traballaches de lavapratos en restaurantes de Barcelona e tocaches no metro de París.

Traballei no restaurante San Jaime de Barcelona. Penso que agora a xente nova non sabe o que perde ao non alternar traballos intelectuais con traballos físicos. Porque achega unha visión do mundo real, do esforzo directo, de cumprir horarios e ter responsabilidades. Tocar no metro de París era xenial. Eramos como unha familia. Á última hora do día quedabamos para comentar e falar. Non te coñecía ninguén, estabas dentro da multitude. O anonimato funciona moi ben para a creación.

Compostela é agora a túa casa. Cres que é unha cidade aberta ao mundo?

É unha cidade que dende os seus inicios ten unhas constantes cosmopolitas, de xente que entra e sae. Cando me din que agora hai "xente alternativa" penso que aquí antes a realidade era igual. Aquí chegaban princesas, pero tamén rufiáns, prostitutas e borrachos. Compostela é abarcable camiñando. Para o pequena que é ten unha dinámica de cidade máis grande. Aquí non me sinto agobiado. Condicióname o ceo, ter perspectiva. Vivo nun ático e agradezo ter o ceo como punto de fuga.

Sempre mantiveches amistade con músicos e cantantes de Portugal. O país veciño segue sendo unha referencia para ti?

Eu tocaba rock e cantaba en inglés e chamáronme do grupo Voces Ceibes para que os acompañase. Empecei a cantar con eles. Foron xenerosos. Eles estaban moi conectados con Portugal e con José Afonso, a quen coñecín e tratei. Era un referente. O único que lle faltou a José Afonso para ser Bob Dylan foi nacer en Estados Unidos. Síntome neto de José Afonso. Con él vimos como facer música mantendo o sabor e as raíces da túa terra pero sendo ao mesmo tempo música actual. Toquei moitos anos en Portugal.

Dedicaches o teu disco "Cartas Mariñas" á poesía de Manuel Antonio.

Durante moitos anos "De catro a catro" foi o meu libro de viaxe. Gústame iso dos "océanos do corazón", ese mirar para fóra e para dentro, ese vangardismo conectado co país. Coñecín xente que tivo relación con Manuel Antonio. O avó de Julián Hernández, o cantante de Siniestro Total, carteábase con Manuel Antonio. Tiven moita vinculación con Rianxo. Manuel Antonio tamén foi situarme cando eu era neno, e ía enriba dun carro a coller algas no mar para abonar. Era o rural galego dos 70.

Como vives agora o teu regreso aos escenarios e á música profesional?

Agora é "o tempo". Para subir a un escenario tes que ter enerxía e ganas de contar. Pasei unha época dura. Necesitei volverme situar. A vida civil tamén me encanta. A industria musical nestes anos cambiou moito, e estou situándome pouco a pouco. Este verán deuse unha circunstancia gozosa. Din concertos en Compostela e os de Siniestro Total convidáronme para tocar na presentación do seu disco. Síntome tan feliz nun mosteiro tocando a arpa como ao lado de xente tan irreverente e enerxética como Siniestro.

Como é o novo disco que estás preparando?

Ten moitos instrumentos e é moi rítmico. É un disco moi aberto, con moita máis cor que os que teño feitos. Hai algún tema instrumental pero son sobre todo cancións que falan da vida cotiá. Quixen evitar certa solennidade que vexo na música e na poesía galegas, e da que quero escapar. O discurso da música folk galega sempre foi "moi serio". Creo que lle faltou algo de irreverencia. A música pop, rock e punk si que colleron a bandeira da irreverencia, da travesura, do sentido do humor, de ser "algo malos".

O vento pode falar? A Natureza sabe expresarse?

A palabra ventá en case todos os idiomas ten que ver con "burato" e "vento". A ventá como un burato por onde entra o vento. A Natureza é un libro aberto e temos que volver a ela. Ter os pés descalzos na terra e mirar para riba e que o teito sexa o ceo. Son un fervente seguidor de Prisciliano. Quero fundar unha igrexa priscilianista. Gústame moito ese personaxe, o seu culto á Terra e ao sol. É a conexión precristiana co cristianismo.Gustaríame unha nova igrexa un pouco hippie e un pouco animista.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-09-2008 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer