Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Maruxa (Fuxan Os Ventos)
“Os galegos soñamos moito, pero tamén nos deron moitos paus. Hai que pasar páxina, agora non é o momento da canción reivindicativa e da canción protesta, pero a realidade é que hai moitas cousas que non están superadas, por exemplo, hoxe hai moita xente que canta en galego e despois fala en castelán”. Son as verbas dunha das integrantes de Fuxan os Ventos, na antesala da volta do grupo ós escenarios. Tras vinte anos sen facelo, a música tradicional do que no seu día foi pioneiro en amosar unha conciencia crítica e comprometida co país volverá soar en directo

Maruxa Fociños, Carme Vázquez, Xoán L. F. Saavedra, Tereixa Novo, Alfonso Fernández, Moncho Díaz, Antón Castro, Xosé Vázquez e Pedro Lucas compoñen a día de hoxe a mítica agrupación musical. Logo de sacar oito discos ó mercado e de levar vinte anos sen subir a un escenario, os Fuxan rexorden para ofrecer un concerto que, de seguro será inesquecible, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, os días 18 e 19 de outubro, baixo o título Terra de soños e acompañados por unha banda dirixida por Xosé Lois Romero, así como polas colaboracións de gran parte dos músicos refrentes a día de hoxe na música galega como Mercedes Peón, Uxía, Guadi Galego; Xabier Díaz; Rodrigo Romaní; Pepe Ferreirós, Miguel Lustres ou Sabela, entre outros. Emocionada pola cita que se aveciña, Maruxa Fociños, en nome de todos os seus compañeiros, comenta como será este novo encontro co público.

Fuxan os Ventos volve ós escenarios. ¿Como vai iso? ¿Nerviosos?
Despois de vinte anos, a verdade é que digamos que un pouco as táboas si que as perdemos, pero ó mesmo tempo nós sempre fomos nós mesmos e penso que seguimos séndoo.

Cóntame cómo xurdiu esta decisión de volver.
Foi unha proposta de NonSi Servizos Culturais. Ó ser con orquestración e con colaboracións pareceunos un proxecto moi bonito. Ó principio, para dicir que si, custounos, aínda que algúns o dixemos pronto, como por exemplo eu, houbo xente que o dubidou bastante. É que nós agora temos cada un as nosas familias, cada un ten as súas circunstancias persoais, e a algún custoulle decidirse, pero ó final, non é que botaramos de menos os escenarios, pero sempre che queda aí ese proído de por qué non.

Como ti dis, ides estar acompañados por unha gran banda e por gran parte dos músicos galegos de hoxe en día. Non sei se isto se converte nunha especie de homenaxe da música galega a Fuxan ou viceversa...
Pareceunos moi interesante o feito de nós colaborar con eles ou de que eles colaborasen co nós. Son xente que case naceu cando naceu Fuxan. Nalgúns casos, non digo que lles dobremos a idade, pero case, a algúns estou segura de que si. Esta tamén era unha maneira de fundir ou xuntar as dúas tendencias, o que son os pioneiros, como fomos nós, coa xente que fai música hoxe en día. Penso que vai ser moi bonito, porque, por exemplo, con Uxía nós xa temos cantado e coñecemos a todos. Eu creo que a eles lles fai moita ilusión e a nós tamén.

¿Este é un espectáculo montado só para os concertos que vai haber en Santiago ou logo Fuxan ten pensado seguir de xira e volver definitivamente ós escenarios?
Temos propostas, pero en principio imos esperar a que pasen os concertos do Auditorio, para ver cómo saíron. Queremos curarnos en saúde primeiro.

¿Que é o que se vai atopar o público, os temas de sempre supoño?
Ó ser un concerto nestas circunstancias escollemos temas de todos os discos, procuramos máis ou menos que houbera unha escolla equitativa. Van estar representados todos os nosos traballos desde que empezamos a andaina.

O espectáculo chamarase ‘Terra de soños’. Eu non sei se este título se debe a que Galicia ten que seguir soñando porque aínda non se cumpriron os anhelos que para o país tiña Fuxan hai máis de tres décadas...

‘Terra de soños’ tamén é parte dun verso. Ían os ollos cantando cantando, por exemplo, do lobo, e nós pensamos que, efectivamente, é unha terra onde sempre se soñou, onde se segue soñando e pareceunos moi bonita esa idea polo que nada máis dicir o título pensa cada quen, independentemente do que para nós signifique iso. O que pasa é que aínda que é terra de soños, Fuxan sempre tivo bastante os pés nas terra e os galegos soñamos moito, pero tamén nos deron moitos paus. Nós somos conscientes diso, hai que pasar páxina, evidentemente, pero coido que aínda que hoxe non é o momento da canción reivindicativa e da canción protesta, ás veces, pasa que pensamos que temos moitas cousas superadas e resulta que non o están tanto. Refírome, por exemplo, á conciencia de galego. Hoxe hai moita xente que canta en galego e despois fala en castelán. Nós estamos sempre na liña de pensar como galegos, obrar como galegos e sentir como galegos. Nós mamamos iso, non sei se é o caso de todo o mundo, logo, entendo que hai xente que fai moitos esforzos porque non o mamou e xa sabemos todos que a educación empeza desde abaixo.

Falemos de ti. Se non me equivoco, creo que entraches en Fuxan a finais dos anos 70...
Si. Eu naquel momento acabara Maxisterio e estaba facendo o curso de Arte. A verdade é que xa antes de facer Maxisterio eu quería facer Arte. Unha irmá maior miña díxome que por qué non facía primeiro Maxisterio, xa que Arte tiña tan poucas saídas..., e segue sen telas, claro. Logo, estaba eu facendo o curso de Arte cando me chegou a proposta de Fuxan porque se fora unha das rapazas, pero estaba tan ensimesmada no tema da Arte, que supoñía un nivel de estudos superior ó que eu fixera para Maxisterio, que lles dixen que non. Eles insistiron e propuxéronme que fora ver un concerto e despois opinara. Daquela era a época na que Fuxan cantaba en todos os sitios, aldeas, parroquias, teleclubs, etc. Fun velos e claro, eu iso xa case mo supoñía...

Que te ían convencer, ¿non?
Claro. A partir desas datas entrei a formar parte do grupo. A verdade é que foi todo moi ben e desde aquela nunca máis volvín marchar. O que pasa é que tivemos esta época pasada que foi de letargo, pero iso non quere dicir que nestes vinte anos non nos chamaramos e non nos falaramos.

É que foron vinte anos sen subir a un escenario, pero vinte anos nos que Fuxan non estivo durmindo, de feito, sacastes ó mercado neste tempo dous discos.
O problema de Fuxan sempre foi a amplificación, porque son varios instrumentos, varias voces, nun momento dun tema solos, logo dúos, logo entran todas as voces..., é dicir, que non é fácil amplificar un grupo así. Gravar un disco suponche preparar as cancións e facer os arranxos e as partes musicais, que ten a súa dificultade, pero á hora de gravar, se che sae mal volves repetir e punto, non é o mesmo que un directo. Para gravar, aínda que nos ocasionou os nosos trastornos porque agora temos fillos e cargas familiares e témolas que deixar atendidas, foi doado, porque che apetece xuntarte e facer un disco. Logo pasan outros anos, e volves estar outra vez en paro e cando volvemos retomalo xa nos volve ilusionar tamén, que foi o que nos pasou agora con este concerto.

Dicías antes que Fuxan foi un grupo pioneiro na canción galega. Está claro que foi un símbolo de loita, de resistencia, de compromiso co país. Ti que o ves desde dentro, ¿que dirían que representou?
Eu penso que Fuxan é un referente sobre todo polo labor que fixo de recollida e de achegarlle á xente todo ese material. Hoxe hai máis xente que se dedica a recoller cancións tradicionais e o mesmo se poderían ter coñecido igual, pero nós recollémoslle cancións a xente maior que hoxe sería imposible porque xa non están aquí. Fuxan sempre tivo un principio, e é que non estaba con soar dunha maneira no disco e en directo doutra.
Nese aspecto fomos bastante íntegros.

¿Por que ese principio? ¿Por unha razón de perfección?
Non. Porque todos viamos concertos en directo de cantantes famosos a nivel nacional e escoitabas o disco e case sempre o grupo soaba no disco bastante mellor que en directo. A nós isto non nos gustaba. Ademais, nós sempre nos encargamos do material, nós montabamos, desmontabamos. Digamos que nós cantabamos, que era o que mellor sabiamos facer e achegabamos as pezas e o folclore e o que se recollía e cousas tradicionais que xa estaban recollidas e mesturabámolas cos nosos arranxos particulares. Iso afectou ás nosas vidas, porque tamén nos comprometemos nós máis. Cando ti están falando da emigración, na que houbo moitas situacións delicadas e duras, ti tamén estás achegándote un pouco ás vivencias desas persoas que emigraron. O mesmo cos mariñeiros e cos outros temas. Eu penso que o que Fuxan intentaba era chegar á xente co maior compromiso posible de cara a todos os colectivos. Non sei se se conseguiu, pero penso que Fuxan espertou un pouco algunhas conciencias.

Espertou conciencias e falou de temas dos que na época non gustaba moito que se falara. Aínda así, sobreviviu a moitas censuras.
Malia todo o traballo feito, penso que moitos dos Fuxan tampouco o tiñan tan claro naquel momento. O que pasa é que estabamos vivindo un momento histórico, e os que tiñan algún medio para poder chegar á xente, como era a través de cantar, tiñan que facelo, por iso eles se viron na obriga de comunicar e de dicir cousas que naquel momento eran importantes.

¿Séguense entendendo hoxe en día esas cousas? ¿Todas esas cancións non están xa un pouco desfasadas a día de hoxe ou seguen sendo actuais? ¿Unha persoa nova pode perfectamente hoxe entender e gustar deses temas?
Eu penso que si.

O outro día nun chat, falábase da vosa volta ós escenarios e alguén preguntábase para cando Fuxan adaptaría os seus temas ós novos tempos. É dicir, para cando cancións de Fuxan sobre a problemática que hai con Reganosa, co Plan acuícola ou coas canteiras do Courel, igual que no seu momento o fixo coas Encrobas.
Non é que non sexa posible. Non é que hoxe non haxa cousas polas que protestar, pero temos outros medios para facelo. Creo que un grupo como Fuxan hoxe non se pode poñer a facer canción protesta. Nós estamos no noso estilo. Sería como se hoxe, por exemplo, Mocedades se pón a facer canción pop. Eu non os vería, pero iso non quere dicir que o que fixeran non estivera ben e que o traballo non fora digno. Hoxe pódense facer manifestacións e se fas actuacións podes facer alusións e falar do tema, que non pasa nada, e dicir que iso é unha inxustiza, si, pero hoxe facer este tipo de cancións..., non o sei, temos falado e non nos formulamos volver para facer cancións protesta. Ademais, tampouco volvemos estar nos escenarios coma antes. Trátase agora de facer un concerto recompilatorio e iso de todos os xeitos non impide que ó mellor mañá decidamos gravar un disco e se inclúa algún tema sobre o que ti dis, pode ser, pero non é unha meta do grupo .

Fuxan sobreviviu a épocas duras. Hoxe hai moitos grupos que cantan en galego, ¿as cousas son máis doadas agora?
Si, por suposto.

¿O panorama da música galega está ben logo?
Creo que está bastante mellor do que estivo, pero iso non quere dicir que xa toquemos teito. Hai que evolucionar e é difícil, sobre todo para un grupo coma nós que leva tanto tempo.


Fuxan os Ventos formouse en 1972 co nome de Folk 72 para participar no II Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema ‘Fuxan os ventos’. Desde aquela adoptaron este nome para o grupo e comezaron a realizar actuacións.En 1973 o grupo participou no III Festival Ría de Ares, en Pontedeume, gañando tamén o primeiro premio e o mesmo pasou noutros certames.En 1976 publicaron o seu primeiro disco, Fuxan os ventos, con Philips-Fonogram, acadando prestixio internacional. Por Fuxan os ventos chegaron a pasar até 30 persoas.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-09-2008 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer