Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vinte e un concellos piden que a lei protexa as danzas brancas
Os municipios acaban de crear un colectivo en defensa dos bailes procesionais e gremiais

A Asociación Galega de Danzas Brancas acaba de nacer coa presenza de 21 municipios de toda Galicia. O obxectivo deste novo colectivo pasa por impulsar a recuperación e a posta en valor dos bailes gremiais e procesionais, ademais de conseguir que esta parte da etnografía do país estea protexida pola lei de patrimonio cultural. As orixes deste tipo de danzas, como a das espadas de Redondela ou a da Franqueira na Cañiza, remóntanse a varios séculos atrás. As coreografías e as postas en escena non coinciden entre si e o único que teñen en común é que os danzantes van vestidos de branco. Normalmente os bailes represéntanse só unha vez ao ano, con motivo dalgunha celebración, como procesións ou días dedicados a antigos gremios, por iso é polo que tamén se coñezan como danzas procesionais ou gremiais. Adoitan ter, ademais, toda unha liturxia á súa ao redor.

Nalgúns municipios esta tradición consérvase á perfección e noutros unicamente como un recordo. A provincia de Ourense é a que mellor ten reunidos estes datos grazas a dous ensaios publicados pola Deputación provincial, pero no resto de Galicia queda ese traballo por facer. Por este motivo a Asociación Galega de Danzas Brancas comezou a recompilar partituras e fotografías antigas dos bailes dos 21 municipios que a integran. O obxectivo é editar un libro e ata un documental cinematográfico.

Para pór en marcha esta iniciativa están utilizando os propios recursos dos concellos implicados e das asociacións ou grupos de danzas que existen nalgúns dos municipios. Entre eses colectivos e os seus concellos cada socio achegará 600 euros anuais á Asociación de Danzas Brancas. A escaseza de fondos levou ao colectivo a solicitar á Xunta unha axuda para a bolsa dun musicólogo que leve o peso da investigación para recompilar os bailes. A asociación tamén pretende organizar un congreso nacional.

«Estas danzas son moito máis antigas que ou que a xente entende como bailes tradicionais do folclore galego; son un patrimonio fermosísimo do que practicamente non se fala». A que fala é Helena Fernández, concelleira na Cañiza, municipio onde se celebrou a reunión na que se constituíu a Asociación Galega de Danzas Brancas.

O esquecemento no que foron caendo este tipo de bailes chega ata á lei galega de patrimonio, que protexe insuficientemente esta manifestación folclórica, segundo denuncia o colectivo. Por iso, un dos obxectivos da asociación é impulsar a modificación da normativa para que atenda máis especificamente á conservación destas danzas.
Dese modo, di Fernández, daríase un impulso a este patrimonio e poderían ata entrar máis municipios na asociación. O colectivo creárono os concellos de Allariz, Bande, Betanzos, Boborás, Camariñas, Cangas, A Cañiza, Cartelle, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Laza, Maceda, Marín, Mondariz, Ponteareas, Ponte Caldelas, Redondela, Vilagarcía de Arousa e Xinzo de Limia, aínda que xa entraron algúns novos, como O Covelo ou A Mezquita.

Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 17-08-2008 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Como me podo poñer en contacto con alg#blgtk08#úm menbro desta asociación???
Comentario por (18-08-2008 12:16)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer