Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

De Mercedes Peón a Edelmiro Fernández
Música Tradicional Galega

Un día apareceu Mercedes Peón cantando cunha lighona no Luar e foi como cando por primeira vez vin desaparecer a Mr. Spock tras dizer "teletransporte": os parámetros da cotidianidade desintegráronse pra deixar paso a un novo mundo insospeitado e fascinante no que resultaba imperioso aprofundar.

Se ben é certo que adiquei moitas horas a investigar o asunto da física cuántica, nunca se me dou por grabar os capítulos de Star Trek; porén o impacto de atoparme co eslabón perdido da miña identidade faría que cada venres rexistrara nunha cinta de vídeo as actuacións que apresentaba aquela moza, neta dun abó que debía ser do tempo do meu. Tratábase da única videocassete que eu tiña, así que a base de play, forward e rewind fun verquendo como puiden aquelas letras, ritmos e melodías nunha libreta co obxecto de podelas estudar despois, antes de que a falta de espazo me obrigara a sobreescreber a cinta con novas emisións que me levarían a repetir aquela particular recollida etnográfica.

Aínda conservo esa libreta e, cando ma atopo, vexo reflexada nela un abraiante desequilibrio entre a riqueza -e a vitalidade- do patrimonio artístico, etnográfico e musical da Galiza por un lado, e por outro o histórico desleixo de determinadas elites culturais e políticas diste pais a respeito dela. O abraiante é que a pesares de ter que perviver nun entorno tan desfavorabel, logramos non só conservar senón mesmo adaptar ás novas circunstancias o noso patrimonio inmaterial e mesmo enriquecelo. Un bon exemplo disto -e, se cadra, o que amosa unha maior vitalidade xunto co da língua- atopámolo no caso da nosa música tradicional.

Tras lograr sobreviver ao proceso de colonización iniciado no śeculo XV, o patrimonio musical do pobo galego parecía estar condenado a verse confinado no ámbito do foclórico e do ritual a causa das transformacións derivadas da revolución industrial, xa que ao desaparecer as canles de transmisión oral interrumpíase o proceso de adaptación e reelaboración próprio da música patrimonial e, sobre todo, desaparecía o contido transmitido. Porén esta eiva viuse neutralizada grazas á sensibilización das elites culturais que, dende o Rexurdimento, iniciarían a revalorización da cultura nacional galega favorecendo a posterior proliferación de transcrizóns musicográficas, rexistos fonográficos ou cancioneiros e outros estudos e iniciativas encadrados na etnomusicoloxía europea, en especial a partires da segunda metade do pasado século.

O resultado deste histórico esforzo colectivo está á vista. Hoxe por hoxe non só conservamos un vasto rexistro da nosa música patrimonial; temos ademais escolas e cursos nas que se estuda e transmite ás novas xerazóns alicerzando o mantenemento dun vizoso entramado de festas, seráns, ligas, concertos, festivais, xornadas, encontros, memoriais e concursos nos que a Música Tradicional Galega é reproducida, interpretada e sobre todo reelaborada, dando lugar a unha variada producion musical en forma de rexistros sonoros e musicográficos que xa non se restrinxen a conservar ou reproducir as composicións do pasado, senón que introducen novos arranxos, amplían o repertorio con novas pezas axustadas aos cánones tradicionais e mesmo chegan a fusionarse con outras correntes musicais como o pop, o rock ou o jazz... e por suposto coas músicas tradicionais doutras culturas do planeta, en especial coas das restantes nacións celtas.

Nas últimas décadas estamos asistindo á profesionalización de distintos sectores do ámbito da música tradicional: dende o colectivo de ensinantes, ao dos músicos -fundamentalmente intérpretes e compositores- pasando polo dos luthiers ou o da produción discográfica. Progresivamente vai consolidándose unha industria musical endóxena en torno ao reto de darlle resposta ás demandas dun público cada vez mellor formado e máis esixente; demandas que cando son contrariadas provocan os consecuentes apupos e polémicas -tal como ven de suceder co discutido fallo do IX Memorial Ricardo Portela-; e que en cambio, cando son satisfeitas, tórnanse en recoñementos internacionais -tal como sucedeu no XXII Trofeo MacCrimmon do Festival Intercéltico Lorient, que proclamou ao galego Edelmiro Fernández como o mellor gaiteiro do mundo. O público, sobra decilo, é xa de carácter global, e se a nosa música continúa viva é xustamente polo seu carácter universal.

A vitalidade da Música Tradicional Galega é incuestionabel; non só se pode apreciar na densa produción cultural que en torno a ela se xenera dentro e fora do pais: tamén na Internet -canle cada vez máis principal na transmisión da cultura- pode percibirse isto de forma obxectiva na grande cantidade de webs, foros, blogues e sitios de todo tipo adicados a tratar estas cuestións. As polémicas houboas sempre e ha de seguir habéndoas: sermos capaces de transformalas en postas en común construtivas é un reto que como comunidade da rede debemos afrontar; evitemos caer nos ataques personais e teremos máis da metade do camiño percorrido.

Suso Baleato

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-07-2008 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer