Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Festival Arranchando Culturas (Burela)

O sábado 2 de agosto, o Festival Arranchando Culturas chega a Burela: todo un día de festa, concertos e actividades, para unir culturas a través da música, confluíndo na Mariña.

A XXIV Feira do Bonito convértese na escusa perfecta para celebrar a segunda edición de Arranchando Culturas; un festival no que conflúen as culturas galega, euscalduna e bretoa, onde a tradición boniteira se converte no nexo que une a estes tres pobos, afianzando a conexión transcantábrica que os vencella dende séculos atrás.

Arranchando culturas, unha festa homenaxe aos mariñeiros e ás súas familias, na que por riba de todo está a linguaxe universal da música, coa que Burela acollerá a todas as persoas que queiran gozar coas propostas musicais máis importantes destas vilas de fonda tradición mariñeira.

O sábado, o Festival comeza na explanada do porto de Burela ás 14h cunha sesión vermú-taco. As actividades continúan ás 16h na Casa da Cultura, onde o Proxecto O+Hatz (hogeihatz) impartirá un obradoiro de txalaparta, de entrada libre. O Proxecto O+Hatz é unha iniciativa de Ion Garmendia e Iñaki Plaza, dous dos txalapartaris de maior recoñecemento internacional. A festa continuará cunha verbena na explanada do porto de Burela a partires das 21h, e o prato forte de Arranchando Culturas comeza ás 23h con tres actuacións chegadas dende Galiza, Euskal Herria e Bretaña:

Os encargados de comezar a festa son Iñaki Plaza e Ion Garmendia, cun concerto no que a txalaparta, a xirula, a trikitixa ou a alboka, de fonda tradición euskalduna, fusiónanse coa táboa india ou o steel drum de Xamaica. Estes dous músicos veñen de levar os ritmos da txalaparta por todo o mundo, e teñen colaborado con Kepa Junkera, Ibon Koteron, Berrogüetto ou Faltriqueira. Nesta ocasión, para Arranchando Culturas, veñen acompañados de Kepa Calvo, percusionista que completa a proposta destes dous txalapartaris.

Tralos ritmos euskaldúns, continúa a festa, pasando por Bretaña: Les Trompettes du Mozambique, que aínda que non o pareza, son bretóns 100%, preséntanse por primeira vez en Galiza. Estes 18 músicos vestidos con traxes coloridos, que bailan ao son de coreografías moi animadas e que levan a festa alá por onde van, grazas ao seu contaxioso ritmo, xa levan varios anos movendo a multitude de público incondicional. Os directos desta banda non deixan indiferente a ninguén, e conseguen animar, dar calor e divertir a calquera público, mesmo ao máis frío e distante. Les Trompettes du Mozambique: a música divertida e dinámica da Bretaña actual, rebosante da tradición musical máis arraigada.

E para rematar, a música volta a Galiza da man dos Tres Trebóns. Un conxunto formado pola voz e o acordeón de Xurxo Souto, a batería de Fran Amil e o baixo de Antón Díaz. Para este concerto veñen acompañados de Os Homes sen medo, unha formación móbil composta nesta ocasión por Manu Payno á trompeta e Martiño Mato ao saxo. Os directos dos Tres Trebóns mesturan música e contos, e parten de tres premisas indispensables: 1º-que ben se vive sen guitarristas, 2º- as notas que poidas meter en medio compás non as metas en dous e 3º (e máis importante)- o viño do Rosal é medicinal. Partindo desta base, a festa e o baile están máis que asegurados.

A segunda edición de Arranchando Culturas garantiza boa festa en Burela este sábado 2 de agosto. A unión das culturas, as actividades ao longo de todo o día, e a festa final na explanada do porto fan deste Festival unha cita ineludible na Mariña.


Programa II Arranchando Culturas

14h Sesión Vermú-Taco
Explanada do Porto

16h Obradoiro De Txalaparta da man do Proxecto O+Hatz
Casa da Cultura

21h Verbena Popular
Explanada do Porto

23h II Festival Arranchando Culturas
Explanada do Porto

-Iñaki Plaza e Ion Garmendia (Euskadi)
-Trompettes du Mozambique (Bretaña)
-Os Tres Trebóns (Galiza)

Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 29-07-2008 02:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer