Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Esparexendo músicas
Mentres centos de persoas escoitabamos dende o exterior do IFEVI o comezo do concerto do home que seica meteu nun mesmo leito o folc e o rock, agardando todos nunha entrópica fileira as apalpadas dos de seguridade, no sonoro maxín de moitos fervía a lembranza dalgún festival do verán pasado; ceibes daquela de cacheos, de prezos abusivos e fartiños de boa música e da enerxía que irradian aqueles que aínda non mudaron o pelello para o de dinosauro do rock. Saudosos recordos que enxugaban a perplexidade do exoouvidor, abraiado entre os atascos na autoestrada e o estrés dos vendedores piratas de camisolas da lenda viva.

Mais o bo chega de volta e, -nunha das poucas vantaxes do noso esparexemento poboacional na sociedade das mudanzas climáticas-, vaino facer ocupando até o derradeiro recanto do país. Festas, festivais, foliadas ou silveiradas, tanto ten, a sociedade galega amosa unha capacidade para argallar, -xa tiñamos palabra de noso para a autoxestión, avezados a ela como por desgraza, ou sorte?, estamos-, actividades culturais que ultrapasan a pasividade no musical con obradoiros, seráns, - quen disque inventou as jamsessions?-, ou concursos de aturuxos como o que celebran no Folión Castrexo de Celanova. E, nunha evolución intelixente, moitos dos festivais apreséntanse enleados con outras actividades: debates, exposicións, cinema, monicreques, camiñadas, certames de relatos ou de fotografía rápida, o que está a producir a ampliación do abano de persoas que se achegan ao torreiro, superando o medo e a desconfianza que a imaxe do rapazolo festivaleiro deitaba en moita xente. Agora as crianzas bolen entre as pernas da multitude e incluso os máis vellos atrévense a botar unha peciña se o grupo tira para o tradicional ou o latino. Amosándolles o camiño aos políticos, vén de nacer Galicia Escoita, paraugas Baixo o que 6 potentes festivais galegos, Cultura Quente de Caldas e Reperkusión de Allariz entre eles, queren dar a coñecer a súa programación fóra do país, un primeiro paso para lle tirar beneficio ao inmenso potencial cultural e asociativo galego, até o de agora altamente desleixado.

Alén do Festival de Ortigueira, -cun cartaz para o 2008 onde destacan os alemáns 17 Hippies e mais The Dubliners-, a repercusión fóra de Galiza é mínima, e o camiño cara á visibilización da oferta cultural non pode ser o do macrofestival, saturado xa na Gallaecia entre Ortigueira e o festival de Paredes de Coura, con Primal Scream, Mando Diao ou Sex Pistols no cartaz deste ano. O potenciamento desas ducias de festivais que congregan entre 1000 e 10000 persoas e que se atopan nunha posición óptima no tocante a calidade técnica e musical, variedade de oferta e mais situación xeográfica ten que ser a vía para apresentar unha alternativa interesante, capacitada para atraer o interese do público ibérico todo.

As opcións son moitas e as bandas que nos van visitar este verán amosan a variedade: La Carrau ou Gecko Turner esta fin de semana, 4 e 5 de xullo, no Festichan de Moaña, a Kumpania Algazarra o 19 de xullo no festival Serra de Queixa, Gwendal na Festa da Fraga o 24 dese mes, Asian Dub Foundation no Noroeste Pop Rock, o 2 de agosto, o mesmo día que os Chemical Brothers no Creamfields e mais Wolfstone na festa da Carballeira de Zas. A listaxe non dá acougo, Shooglenifty o día 3 no Intercéltico de Moaña, Amparanoia e Che Sudaka no Brincadeira de Ordes o 8 de agosto, Emir Kusturica e a No Smoking Orchestra o 15 no Vigofolc, nun roteiro que remata en Allariz, a mediados de setembro con Tonino Carotone e La Troba Kung-Fu no Reperkusión. Rock, electrónica, jazz, en Pontevedra e Pontedeume, cada vez máis pop, -este ano os seareiros terán que escoller entre o Felipop de Fene e o Alternativa de Valga que comparten data-, e moita, moita música folc nuns festivais que adoitan ser gratuítos e polo xeral están organizados por asociacións culturais que con pouco apoio das administracións fan un labor cultural inmenso, con moito peso na oferta de lecer de que gozamos no verán, e que por riba deixa moi boa pegada nos nosos visitantes.

A oferta galega

Nestes descendentes postmodernos que lles saíron as verbenas, que malia a proliferación da descendencia seguen a gozar de boa saúde, non só actúan bandas de fóra. A presenza de grupos galegos é practicamente constante en todos os cartaces das festas do verán, misturados ás máis das veces coas bandas foráneas e aparecendo algunha vez como prato forte do festival, nomeadamente cando é o folc a música predominante.
Exemplo disto temos con Xochimilca no Matamá Folc, Quempallou n’O Pino Folc, Xosé Manuel Budiño na Festa Folc de Vilariño, Milladoiro no Festival Folc de Narón, Ruxe Ruxe e Susana Seivane na Festa do Gaiteiro de Soutelo ou Pepe Vaamonde no Festival Lúa Meiga do Viso. Festivais que, como no caso da Festa Folc de Vilariño, son quen de xuntar varios milleiros de persoas escoitando exclusivamente grupos galegos.

Pero a presenza destes grupos non se limita aos escenarios galegos, tamén xiran no verán alén das Portelas. En Portugal, Sendim e Esposende, terán nos seus festivais este ano a Luar na Lubre e Fía na roca, respectivamente, e tamén en Portugal actuará Susana Seivane, con dúas datas pechadas no país veciño. Lorient agarda un desembarco importante, comandado este ano por Mutenrohi e Quempallou; Berrogüetto chegará a Pontardawe, no País de Gales e Ascoli, Italia, país polo que tamén ha xirar Carlos Núñez acompañado da Orchestra Della Magna Grecia. Treixadura teñen concertos en Brest e Zaragoza, onde tamén vai estar Luar na Lubre, que ten fixados concertos por toda Europa, aínda que o que vai chegar máis lonxe é Xosé Manuel Budiño que ten programada para finais de ano unha xira por África.

Daniel Levesedo

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-07-2008 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer