Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista con The Homens
A banda galega de powerpop recomenda o Mesón Manolito de Portonovo para degustar o peixe de nome homónimo ao eterno estampado das súas camisetas. Inician xira internacional mentres o videoclip do tema ‘Calamar’, que acaba de ver a luz, arrasa. Desde Compostela, a súa urbe de operacións, asegúrannos que o futuro da música “está en facer boas cancións” e que no “deostado” panorama nocturno da cidade “só quedan oasis”. Alí nos encontraremos.


As probas están amañadas, perder é o normal”. É unha das advertencias de Tres (Falcatruada 07), o último traballo da banda galega de powerpop The Homens. O verso vai dedicado a aquela Opositora –así se chama de feito o tema– que tivo en vilo a sociedade compostelá mentres pasaba as semanas pechada no seu coche estudando o temario pero acaba sendo, como todas as súas letras, unha aceda crítica con envoltorio quedón e contaxioso, dun grupo que hoxe trae o peto cargado de novidades.

Os homes de raias estrean o videoclip da canción Calamar, inician xira internacional e até inauguran local de ensaio en Santiago, a cidade que os viu medrar. Desenvolveron o seu talento creativo entre a humidade das paredes da Casa Xurásica da urbe catedralicia retroalimentándose con outra flora autóctona como Samesugas, Fame Neghra ou Redullos. Eles son Xocas (batería), Roi (baixo e voz) e Martin Wu (guitarra e voz). Maman do post-core de Hüsker Dü ou Fugazi, e son uns namorados dos grupos da nova onda británica de finais dos setenta.

No verán de 2005 autoeditáronse o seu primeiro disco, cheo de refráns de intensidade bailábel. Logo de percorrer escenarios e outra serie de taboados, na primavera de 2006 sacan á rúa o segundo EP, con máis pop, máis intenso e no que as súas influencias se suman con forza ás de Teenage Fanclub, Barracudas, os Pixies, os Shins e os grupos de post punk. Non en van, o seu é un dos directos máis cañeiros do panorama galego. Agora con Tres déixannos exhaustos en cada concerto. Se pasan por Alemaña, Suiza, Francia ou Portugal entre xuño e setembro poderán comprobalo. Se non, agarden, que o tempo pasa rápido e pronto os teremos connosco para nos faceren bailar.

Roi, faga honra ao seu vello costume: Cóntenos un chiste, home, antes de empezar a entrevista.
Vale. Un que lle lin a Umberto Eco: Isto é un empresario estrañado de que un dos seus empregados se vaia cada día da oficina á unha en punto para regresar sempre ás tres en punto. Decide que outro dos seus empregados o vixile e lle pase un informe. O informe chega; “este home vaise cada día á unha, compra unha botella de champán, vaise á súa casa e entretense coa súa muller”. O empresario, alarmado, di “pero, non podería entreterse pola noite, coma todo o mundo?”. Despois de darlle voltas, o investigador respóndelle ao seu xefe: “Igual vostede o entendería mellor se me deixase tratalo de ti”.

Na súa liña, interesante. De onde saca a inspiración?
Normalmente pídollos ao noso amigo Ángel que é un tipo que ten bastante máis graza ca min. De feito esa é unha das grandes frustracións da miña vida. A de non ser gracioso. Porén, o feito de non ter graza en absoluto é gracioso en si mesmo, sobre todo se te dedicas a contar chistes nun concerto de rock.

O éxito é indiscutíbel, xúrocho. Por outra banda, acabo de ver o videoclip non oficial de ‘Calamar’ en youtube (Youtube.com, The Homens, Calamar). Non sei se me gusta máis que o orixinal. Quen é o seu coreógrafo?
O non oficial está moi ben, é máis espontáneo. Descubrímolo tarde, porque esa parella era unha boa fichaxe coma bailaríns. De tódolos xeitos, estamos encantados co traballo que fixeron Roi Fernández e Isaac Cordal de Fundación Intemperie co clip do calamar. Na gravación pasámolo en grande, e co resultado final quedamos completamente abraiados. O traballo recoñeceuse fóra ademais, quedando finalista no Festival Internacional de Videoclips Musiclip, na categoría de animación.

Como é que lles teñen tanto aprecio vostedes as raias?
A nós a raia que nos gusta de verdade é a que vén preparada en caldeirada, preferiblemente a que cociñan no Mesón Manolito de Portonovo. As outras, as das camisetas –nós chamámoslle “as elásticas”–, viñeron de xeito casual.

Sóame familiar o dos elásticos. Non serán vostedse de Ferrol?
Non, nos en concreto non, pero por aí van os tiros. Estamos a pensar que igual influiu algo o look dos grupos que escoitábamos naquela época, todo ese powerpop tipo Barracudas, Elvis Costello ou Jonathan Richman, xente que fixo a camisola de raias unha seña de identidade.

Cales son seus referentes estéticos e musicais?
Non pensamos demasiado a nivel estético. A única reflexión neste sentido fixémola cando montamos o grupo, pensando que igual estaba ben uniformarse, que sería identificable e que lle facilitaría as cousas ó deseñador. Musicalmente metemos nun saco a nova ola de finais dos 70, o post hardcore dos 80 e o pop británico en xeral.

E os seus bares de referencia?
En compostela paramos bastante no Bartolo, Miúdo, Malas Pécoras e Ambigú. Son os oasis que van quedando no denostado panorama nocturno desta cidade.

Falando de Compostela, como vedes a escea musical da cidade?
Vemos que por unha banda cada vez hai máis grupos e por outra, menos locais ‘accesíbeis’ onde tocar, por non decir ningún. Cando dicimos accesíbeis, referímonos a salas onde non tes que poñer por adiantado seiscentos euros de alugueiro, pasta que poucos grupos se poden permitir. As iniciativas de locais que intentan dar cabida a eses grupos pouco solventes son recibidas con recelo burocrático ou persecución. A realidade é que hoxe en día, un grupo mediano-pequeno teno moi difícil para tocar neste Faro da Cultura Universal que é Compostela.

Pásano ben nos concertos? Son unha banda de directos?
Si, pasámolo en grande, e supoño que se nota. O directo é onde se ve realmente de que vai unha banda.

O futuro da música está na distribución con licencia creative commons?
O futuro da música está en facer boas cancións. E en adecuar o negocio musical ós tempos que corren. O Creative Commons é unha boa alternativa á presión draconiana que exerce a SGAE, pero de momento só é un parche. Hai que pensar nun modelo alternativo para a xestión dos dereitos, porque a situación actual é propia dalgún século pasado

O pirateo é nocivo?
O pirateo é o sino dos nosos tempos, e tentar frear iso é coma poñerlle portas ao campo. Hai que aproveitar as redes de intercambio de datos como ferramenta de difusión e poñerlle as cousas fáciles á xente, non ó contrario Se lles mento á SGAE dálles denteira?
Lamentábelmente, esas catro siglas teñen cada vez máis presencia nas nosas vidas, e estanse xerando correntes de opinión bastante críticas e que veñen de lugares moi diversos. Cremos que xa vai sendo hora de facer unha reflexión seria sobre o papel que xoga na nosa sociedade e de replantexar o sistema de xestión de dereitos de autor.

Que lles parece que Papito sexa o cd en soporte físico máis vendido do 2007?
Non nos extraña.

A Lonxa Cultural marca un antes e un despois na distribución da música galega?
Era necesario un proxecto deste tipo, que modernice o sistema de distribución e que aglutine as distintas músicas que se fan neste país dándolle proxección fóra.

Leo no GALICIA HOXE que a súa web ten dez mil visitas ao día.
Iso foi un pico que tivemos cando sacamos o disco, pero a cousa baixou bastante, como é normal.

Hai unha identidade xeneracional nas novas bandas que cantan en galego?
Non estamos seguros. Comprendemos que a moita xente lle facilita o traballo o feito de que exista unha ‘Xeración X’, pero neste caso nin o temos claro, nin cremos que sexa moi beneficioso. Consideramos que vivimos unha época de cambio e de gran creatividade artística en diversos estilos musicais, que se contrapón a unha realidade social e política non demasiado ilusionante.

Que lles parece a rede galega de música ao vivo, o circuíto de salas do Igaem?
É unha boa iniciativa, agardamos que se perpetúe no tempo e que sirva de escenario de difusión e traballo.

E agora, o mundo enteiro agarda por vostedes.
Bueno, temos bastantes concertos até o verán por Galiza e incluso hai un proxecto de minixira europea en xuño que se está pechando. De momento xa temos dúas datas en Euskadi, unha en Francia e dúas en Alemaña, pero hai outras sen confirmar totalemente que é moi probábel que saian. Temos que axustar calendarios. Tiñamos tamén a posibilidade de achegarnos a Bruxelas, pero xa vai ser demasiado. Por outra parte, a finais de xuño teremos dúas datas en Vigo e Ferrol con Charades, un grupo que nos encanta e que acaban de sacar un disco maravilloso e completamente imprescindible.

Hai algo que sempre quixeron contar nunha entrevista e que nunca lle preguntaron? Adiante, non se repriman.
Imos darlle a volta e vouche dicir as preguntas que nos gustaría que non nos fixeran nunca máis. Cousas do tipo “Por que cantades en galego?” ou “Cando ides dar o salto ao castelán?”

(A entrevista a The Homens fíxose a través de mensaxería instantánea mentres os protagonistas estaban en Valencia. As tres imaxes superiores forman parte do videoclip de ‘Calamar’)

www.elcorreogallego.es

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-05-2008 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer