Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Primeiro de Maio, Día do Internacionalismo Proletario

Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel
A Confederación Intersindical Galega conmemora este 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, coa convocatoria de manifestacións en todas as comarcas do país, baixo o lema “Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel”.


Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel

Na actualidade, no momento histórico de maior capacidade tecnolóxica, produtiva e de avances científicos, da máis alta posibilidade para producir alimentos e da máis elevada creación de riqueza, xustamente agora é cando a humanidade está mais ameazada no seu desenvolvemento e reprodución. O modelo económico é destrutivo co medio ambiente e os recursos naturais, máis da metade da poboación do planeta está en situación de pobreza extrema e máis de 3 millóns de persoas morren ao ano por falla de alimentos. A riqueza que crea a clase obreira co seu traballo está concentrándose en menos mans, mentres os salarios perden valor e se precarizan as condicións de traballo.

Esta é a realidade que a clase traballadora podemos ver e experimentar dende o lado máis privilexiado do sistema, dende os países que acumularon maior riqueza nos últimos séculos e aínda hoxe, entre outras razóns, pola espoliación e sometemento colonial de nacións e continentes enteiros. Agora, a poboación indíxena destes países antes colonizados e a súa clase traballadora está a ser utilizada como man de obra barata, retribuída a menos dun dólar por hora polas grandes compañías transnacionais europeas, norteamericanas ou asiáticas. Son as nosas grandes empresas, que aquí nos ameazan con trasladarse a lugares con salarios máis baratos, mentres reciben constantemente por parte dos Estados millonarias subvencións e os seus beneficios acadan proporcións indecentes e contrarias a un reparto social, solidario e xusto da riqueza.

No informe do ano 2007 a OCDE recoñece que nos oito últimos anos as empresas no Estado español aumentaron os seus beneficios netos nun 73%, máis do dobre que a media da UE, que se incrementou nun 36.6%. Pola contra, os salarios aumentaron neste mesmo período o 3,7%, cinco veces menos que na UE, que rexistrou un incremento do 18,2%. Estes resultados obedecen á política de pactos que nestes anos están asinando CCOO e UGT coa Patronal en Madrid para a negociación dos convenios, na que de xeito recorrente acordan a contención no incremento dos salarios. Por tanto o noso traballo crea unha inmensa riqueza que está sendo expropiada para engordar as grandes fortunas, e todo isto coa colaboración voluntaria e agradecida do sindicalismo español.


Mentres as empresas soben os prezos das mercadorías para acelerar as súas ganancias, provocan unha inflación que pagamos a clase traballadora, e multiplican a nosa perda nas rendas do traballo pola contabilidade do IPC, xa que este indicador prexudica aos salarios máis baixos, que en Galiza son a inmensa maioría. Polo resultado destes salarios as nosas pensións son as máis baixas do Estado.


Neste 1º de Maio, día do Internacionalismo Proletario, como clase traballadora en Galiza, debemos mobilizarnos por un novo modelo socioeconómico en beneficio da maioría da humanidade e da propia natureza. A nosa inmensa forza no noso país e a nosa contribución ao mundo debe desenvolverse dende a normalidade dun país soberano, coa nosa cultura, coa nosa lingua e coa nosa forza de traballo como principais activos da nosa riqueza como pobo.

VIVA O 1º DE MAIO

MANIFESTACIÓNS CONVOCADAS

VIGO. Ás 12:00 horas, con saída da Doblada.

PONTEVEDRA. Ás 12:30 horas, da Praza da Ferrería

OURENSE. Ás 12:00 horas do Pavillón dos Remedios.

A CORUÑA. Ás 12:00 horas da Praza de Vigo

FERROL. Ás 12:00 horas da Avda. de Esteiro (diante do local do sindicato)

SANTIAGO. Ás 12:30 con saída da Praza Roxa

LUGO. Ás 12:30 horas da Ronda da Muralla (diante do local do sindicato)

A MARIÑA. Ás 12:30 horas de Arcadio Pardiñas (diante do local da CIG)

www.galizacig.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-04-2008 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer