Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Libro-CD-DVD: A Volta dos nove
A VOLTA DOS NOVE. ARTE E MEMORIA. ARTE É MEMORIA.

Quince de outubro, 1936, na saída de Baiona cara a Baredo, na altura da Bombardeira, nove veciños do Val Miñor son asasinados nunha máis das cruentas matanzas que naqueles meses asolaron o noso país nunha guerra de exterminio planificada.

A memoria das súas mortes escribiu unha das máis fermosas páxinas de resistencia. Durante décadas mans anónimas e populares riscaron sobre as areas da beira da estrada nove cruces, realizadas cun trazo de urxencia. O lugar sería dende aquela coñecido como A VOLTA DOS NOVE.

En outubro de 2005, sesenta e nove anos despois, o INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS (IEM) e a Comisión de Familiares promoveu a realización dunha homenaxe escultórica no mesmo lugar dos feitos. Unha árbore fundida en bronce rodeada de loureiros, a árbore dos heroes, é o bosque escultura que ideou FERNANDO CASÁS para a ocasión.

O proxecto musical de ANTÓN SEOANE foi madurando entre nove mortes e nove ondas de vida para ofrecerlles esta obra musical na que a voz de PILOCHA recupera textos de MÉNDEZ FERRÍN e dalgún dos poetas que participaron no proxecto artístico que ao abeiro do BARCO DA MEMORIA se fixo realidade en Baiona, en xullo de 2006.

Nove pintores: ARMANDO GUERRA, PEPE MANTILLA, CAINO VASCONCELLOS, IVÁN MORILLAS, ANTONIO QUESADA, JUAN BELLAS, ALFONSO SOLIÑO TRONCOSO, CLAUDIO MASEIRO e FINO LORENZO;

nove visións fotográficas do monumento: ROSANA ESTÉVEZ, CÉSAR LÓPEZ, ÁNXELES BOUZÓ, ADRIÁN ESTARQUE MARX, ANDRÉS FRAGA, CRUZ JUÍZ, J. DANIEL GONZÁLEZ OTERO, ALFONSO SOLIÑO TRONCOSO e ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

e nove voces poéticas: MARTA DACOSTA, XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO, GONZALO NAVAZA, ANXO ANGUEIRA, ALFONSO ÁLVAREZ CÁCCAMO, MIGUEL ANXO MOURIÑO, RAMÓN CARIDE, FRAN ALONSO e SABELA B. IÑARREA teceron tamén esta obra colectiva na que quixemos xuntar Arte e Memoria sabendo que a Arte é Memoria.

Neste libro-CD-DVD ofrecémoslles unha seitura realizada, con cariño e xenerosidade, por preto de medio cento de persoas baixo a coordinación do INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS.

Comprenderedes ben que este esforzo precisa agora da colaboración de todos e todas.



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-04-2008 09:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer