Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Ofensiva dos Seráns
A recuperación dos seráns mobiliza milleiros de persoas no país

Tradicionalmente, os seráns eran xuntanzas festeiras que se facían ao final do día nas nosas aldeas. Música e baile improvisados e algo de beber compuñan unha festa aberta á participación de todos. Malia á fin desta sociedade, os seráns están a vivir no últimos anos un proceso de recuperación que mesmo está a conseguir meter estas festas nas cidades.

Na zona interior de Pontevedra, coñecíanse coma seráns uns encontros festivos que se celebraran durante os meses de inverno, cando non había verbenas, e que comezaban, como o seu propio nome indica, cara ao final do día. Este encontros, centrados na música e no baile (ata o punto que mesmo había unha orde estipulada para os distintos pasos), mantivéronse vivos ata non hai moitos anos na nosa cultura. Ante o seu esmorecemento, diferentes persoas e grupos de afeccionados á nosa música tradicional apostaron por recuperar esta modalidade de festa, acadando un certo éxito.

A volta do serán
“A recuperación dos seráns ven por grupos e persoas que andaban a facer recolleitas de música tradicional, en colaboración coas persoas que aínda lembraban estas festas e que se animaron a participar”, explica Henrique Macías, responsable da publicación dixital “Malmequer”. Neste web unha completa axenda recolle as citas deste tipo que se desenvolven na nosa xeografía, uns encontros que cada vez chegan a máis lugares. “Desde hai quince ou vinte anos levan recuperándose, e semella que aos poucos vanse expandindo a partir da zona onde máis se lembraban, que era o contorno de Mondariz e Pazos de Borbén”. Así, áreas coma Gondomar, entre outras, sumáronse a festa, “hai coma un circuíto que se está a ampliar, ás veces cos nomes coma Ruadas ou Fiadeiros”. A expansión deste fenómeno non é allea á influencia de Internet. “Antes pouca xente sabía que se estaba a recuperar isto, con Internet si que se está a dar a imaxe dalgo que está vivo e que se pode facer en calquera sitio”, completa Macías. Canda á expansión xeográfica, os seráns van tamén incrementando a súa presenza no calendario. “Os orixinais eran da na época do inverno, pero pouco a pouco vaise ampliando o período, e comeza a habelos mesmo no verán. Isto débese en boa medida a intentar que non coincidan moitos, e entón vaise expandindo o calendario”.

A presenza dos maiores
Os seráns desta nova xeira comparten un bo feixe de protagonistas cos últimos que se celebraban en moitas aldeas. “Nas zonas onde estaba máis vivo é a mesma xente maior a que organiza estas festas, participan e móvense dunha festa a outra, moitos aínda se animan a bailar”, explica Macías. “A xente da zona ve isto como algo propio, e nalgúns sitios mesmo está a ter máis éxito o serán do que a festa do patrón da parroquia”, lembra. Lugares coma Toutón contan con máis de dúas mil persoas que participan nestes eventos, o que nos pode dar unha idea do seu éxito. Precisamente a presenza de persoas de diferentes xeracións e a organización ao xeito tradicional, a cargo dos anfitrións locais, son sinais que para Macías caracterizan esta festa, “é agradable ver a xente da zona como nos días anteriores se move para preparalo todo”, completa.

A invasión das cidades
Dentro dese proceso de expansión, os seráns conseguiron entrar mesmo en áreas urbanas das que non eran propios. “Hai determinada xente que demanda este tipo de festas, aínda que se lles pode chamar xenuinamente Foliadas”, explica Macías, “xa que non se dá ese elemento interxeracional propio destes encontros. Aquí atópase xente nova ás que lles gusta a música tradicional e queren facer festa tamén deste xeito ao tempo que reivindican a nosa cultura”.

Salas de concertos e pubs constituíronse nos lugares idóneos para este tipo de encontros, que nalgúns casos, coma os que se celebran na Sala Nasa ou na Casa das Crechas de Compostela, contan xa cunha ampla tradición. Canda a estes, locais coma Salasón, en Cangas ou a Star, en Carral, contan con festas deste tipo na súa programación habitual.

O serán na hostelaría
Unha das últimas en se incorporar a esta tendencia foi a Fábrica de Chocolate, en Vigo. Segundo nos explica desde este local Jorge López, responsable de comunicación, “No noso caso a idea naceu porque viamos un espazo que non estaba cuberto na cidade, e como estamos abertos a todo tipo de proposta cultural que poidamos acoller, decidimos dedicar o primeiro e o terceiro mércores de cada mes a un serán, e tivo boa acollida e vimos que podía funcionar”. Coma noutros casos, a entrada a estes eventos é libre e gratuíta, todos poden achegar á música o seu grao de area, e o local tira o rendemento económico da venda de bebidas en xornadas nas que ao mellor era difícil rendibilizar outro tipo de programacións. Desde a Fábrica, desde logo, animan aos locais a apostar por este tipo de eventos. “Penso que está pouco explotado. É algo sinxelo de organizar, case se fai só e só compre difundir un pouco a cita. Posiblemente puidese funcionar en cidades máis pequenas”, completa.

A apañar os instrumentos
Polo momento, semella que os serán continúan coa súa fase de expansión, recuperando un xeito de xolda vencellado á nosa cultura tradicional. “Nas cidades o seu éxito dependerá moito da xente dos grupos tradicionais. Se ven a música coma un xeito de se divertir, e non só como algo para actuar, os seráns poden influír moito na forza que a música tradicional consiga no ambiente urbano”, conclúe Macías. O calendario está aberto, é cousa de buscar a gaita ou as castañolas, segundo se saiba, e se sumar á festa.

www.culturagalega.org
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 10-03-2008 15:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer