Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A man lixeira...
?A man lixeira...?, pezas para acordeón

O músico Fernando Fraga, mestre do Conservatorio Superior de Música da cidade da Coruña, preséntanos o seu libro-disco dedicado integramente ao acordeón que acaba de publicar a través da editorial Dos Acordes. Un traballo imprescindible para o inicio e para a aprendizaxe no instrumento, cun repertorio de traballo baseado na tradición musical que gozamos en Galicia

Falemos do instrumento protagonista deste interesante traballo, en primeiro lugar sobre a súa orixe.
A súa invención data do 1829, en Viena, por un construtor de órganos e pianos chamado Cyrill Demian. Denominouse accordion porque producía acordes por medio dos 5 botóns que tiña no lado dereito do fol. Os botóns facían acordes distintos segundo se abrira ou pechara o fol, polo que era un sistema bisonoro, similar ao empregado nos acordeóns diatónicos de hoxe en día. Inmediatamente foi ben acollido pola xente que gustaba de facer música, porque era doado comezar a tocalo e non se precisaba da axuda dunha segunda persoa.

Da chegada do acordeón a Galiza e das canles a través das que chegou, ¿existe algunha referencia aproximada?
Parece que o acordeón chegou a España entre 1835 e 1840 desde Francia, onde había numerosos talleres de fabricación. A partir destes primeiros instrumentos, o madrileño Juan Moreno construíu unha réplica no 1841. A finais do século XIX había en España fábricas en Valencia, Barcelona, Madrid e San Sebastián.

A chegada a Galiza parece que ten dúas vías de aceso: dunha banda a mesma que no resto do Estado, é dicir, a través de Europa; e doutra a través da emigración americana: Arxentina, Venezuela, Brasil, etc. Estes emigrantes viñan cargados, nas súas visitas a Galiza, con maletas que contiñan o instrumento novidoso e que, moitas veces, servía para que familiares e amigos comezaran a tocar o acordeón.

A gran popularidade do acordeón provocou a súa condena por parte das autoridades eclesiásticas. Unha das denominacións que a xerarquía da Igrexa empregou para o acordeón foi a de ?Fol Do Inferno?, ¿non?
Así foi, a gran popularidade da que falabamos antes levou a empregar o acordeón en toda clase de actos festivos, servindo de amenizador de bailes con ritmos como o valse, a polca, a mussette francesa, etc;
coas parellas que comezaban a bailar "o agharrado" e, como isto parece que non lles gustaba aos estamentos da igrexa, concedéronlle o alcume que mencionas. Pero o sentido pexorativo con que foi empregado o termo fol do inferno axiña mudou a querer dicir que o fol "botaba lume", pola velocidade con que se tocaba e a expresividade que se conseguía.

O grande éxito acadado ¿por que foi decaendo?
A chegada das orquestras de baile con moitos medios técnicos fixo desaparecer o acordeonista que só, ou con axuda doutros músicos, facía a romaría; así como tamén se trocou o acordeón, que formaba parte desas orquestras, polos órganos eléctricos que se adaptaban mellor a todo tipo de músicas bailables. Pero pouco a pouco, o acordeón volveu recuperar o seu sitio tanto a nivel solista como formando parte dun grupo instrumental. Así, é normal desde hai uns anos, asistir a un concerto de acordeón no que se pode escoitar música orixinal para o instrumento, música transcrita da época barroca, clásica ou romántica e, por suposto, música tradicional. Tamén é habitual que o acordeón forme parte de grupos de música folc, tradicional, jazz, contemporánea, etc.

A idea de publicar un libro-disco de pezas para acordeón, ¿de que xeito naceu?
Naceu hai oito anos, cando comecei a colaborar con músicos galegos que empregaban a música tradicional como fío condutor dos seus concertos. Tamén porque quería ofrecerlles aos meus alumnos a posibilidade de empregar a gran cantidade e calidade de melodías que posuímos, para comezar e continuar os seus estudos de acordeón. Ata agora estábanse a empregar, sobre todo, partituras e métodos feitos noutros países con máis tradición académica neste instrumento, como son Alemaña, Rusia, Italia ou Francia.

Os interesados no acordeón ¿que atoparán nesta obra?
Atoparán unha escolma de 45 pezas arranxadas para acordeón, tanto para o modelo de baixos estándar como para o de baixos cromáticos, desde o nivel máis básico ata un nivel medio, e coas pezas gravadas nun disco. Ademais contén un pequeno método con exercicios para iniciación, empregando tamén melodías tradicionais. Hai que mencionar que unha das obras é composición do mestre Luis Carro, feita por encargo, e que aínda que está baseada nun tema melódico popular, ten estilo compositivo contemporáneo.

?A Man Lixeira? sae á venda a través da editorial Dos Acordes. ¿Que tal a relación con eles? ¿Estás satisfeito?
O desenvolvemento dun proxecto editorial deste tipo, con moitas partituras, explicacións técnicas e a gravación dun CD, é verdadeiramente complexo. Pero sempre tiven o apoio e comprensión da editorial a través do seu responsable, Javier Jurado.

¿Déronche xa algún dato sobre o ritmo de vendas? ¿Notouse a campaña de Nadal?

Ese tema vai mellor incluso do esperado, xa que axiña se vai publicar a segunda edición. Está tendo moi boa acollida por parte de acordeonistas e persoas interesadas pola música galega. A campaña de Nadal sempre se nota nas vendas, aínda que non sexan precisamente este tipo de libros os máis demandados para facer regalos. O que si ten moita relevancia é a publicidade que se faga nos medios para que a información lles chegue aos interesados.

A situación actual do acordeón en Galiza ¿como a valoras?
Creo que estamos a vivir o mellor momento. O nivel dos intérpretes é cada vez mellor, porque hais bos profesionais ensinando a tocalo. Nenos de curta idade tocando o acordeón con moita habilidade e paixón, centros de ensino en cáseque todas as cidades e vilas de Galiza, formación integral dos instrumentistas, etc. Ademais, o acordeón está a ser incluído en cáseque todo tipo de formacións instrumentais, polo que a súa presenza a nivel audiovisual é cada vez máis importante.

¿E o seu futuro?

Aínda queda moito camiño por andar para seguir mellorando. Por un lado, todos os centros públicos de ensino musical teñen que ofrecer a posibilidade de estudar acordeón. Unha cidade tan importante para Galiza como é Santiago non dispón desta opción, algo que se debería solucionar con urxencia. Por outro lado, deberiamos seguir incorporando o acordeón na música tradicional galega, así como fomentando que os compositores galegos escriban para o instrumento, de-senvolvendo todas as posibilidades técnicas tanto como instrumento solista como formando parte de diversos grupos de cámara e formacións máis amplas como poden ser as bandas ou orquestras.

E falando de futuro ¿cales son os teus próximos proxectos musicais?
O máis inmediato é a revisión do libro do que estamos a falar, para a publicación da segunda edición. Tamén estou a colaborar co gaiteiro Óscar Ibáñez, co que hai en proxecto a publicación de dous discos: un coa formación completa de Óscar Ibáñez & Tribo e outro facendo dúo con gaita e acordeón.

www.elcorreogallego.es

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 21-02-2008 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0