Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os novos palandores

Xermán Viluba, fundador dos lendarios Skornabois, é agora a alma da Liga Nacional de Billarda, un deporte "enterrado e lapidado" que presentan como unha "disciplina moderna"

Andaba a marcear 2006. Alguén sobe ao Youtube imaxes da caída, baixo a furia do vento, do inmenso mastro con bandeira española que Francisco Vázquez dispuxera no Paseo Marítimo (antes Orzán). Tratábase dun incidente narrado case en directo pola aínda descoñecida TeleVaral. A sorrinte personaxe que sostén o micrófono non tardou en ser identificada polos surfeiros da rede musical do país: quen falaba era o fundador (con Emilio López, Villano & Barreira) e guitarrista dos lendarios Skornabois, Xermán Viluba. O caso era divertido, pero non unha carallada. As cámaras de TeleVaral estaban alí porque chegara á Coruña a competición da LNB, Liga Nacional de Billarda (ovaral.blogspot.com), que nacía ao gran público tras un bautismo tan casual coma espectacular. A billarda convoca hoxe mareas de adhesións e os torneos non deixan de vertebrar todo o territorio. O segredo? Se cadra dar conciliado sen complexos a festa, a reivindicación e o rigor deportivo. A LNB desafía os conceptos tradicionais de espectáculo e de participación e GALICIA HOXE quixo ser testemuña do seu éxito. Aproveitamos para que Xermán Viluba, alma da LNB e talento creativo que non ten paraxe, nos conte o que é o freak folk.



Xornalismo puro: quen, onde e cando comezou coa LNB, Liga Nacional de Billarda?
Arrincamos amparados só na xeada da chaira, asfisiados polos últimos anos do fraguismo. Nace a LNB nun campo enlamado de Bretoña; unhas semanas antes, no Bar Cantón de Lourenzá, unha célula deu forma ó que hoxe se coñece coma a Liga Nacional de Billarda. Non puidemos elixir mellor sitio, nacemos ó lado dos montes onde as bestas paren os seus poltros salvaxes.

Empezar logo se empeza, pero ¿cales son as vosas armas de resistencia para logrardes o grande éxito de difusión que alcanza a LNB?
Decidimos dende o principio romper as estruturas clásicas e redifinir un ideario novo rachando con termos coma "recuperar" ou "defender". Nós atacamos directamente armados con paláns e coa palabra. Recollemos un deporte enterrado e lapidado polas normas dos localismos estériles e presentámolo á sociedade coma ­unha disciplina moderna e dinámica capaz de competir a todos os niveis cos demais deportes de masas.

¿Coñecedes por Europa adiante, salvando os vascos, algún outro éxito homólogo, isto é, a fórmula nación sen Estado+deporte popular emerxente?
Creo que somos pioneiros, coas vantaxes e inconvenientes que isto ten. Non existen manuais escritos de como se fan estas cousas, aínda que de existir de seguro que os esnaquizabamos tamén. Cando empezamos, moi poucos pensaban que poderiamos chegar a dinamizar o deporte da billarda tal como o estamos a facer hoxe... e moitos menos aínda podían crer na dimensión internacional e internacionalista que sempre aventuramos. A LNB, mediante a Copa Cantábrica, mantén estruturas estables de colaboración con dous países sen Estado -Asturies e Euskal Herria- para dinamizar o deporte que chaman Lirio os asturianos e Txirikila os vascos: a nosa billarda. E mantemos contactos con Estados como Portugal, Alemaña, Italia e Croacia para, nun futuro, a Selección Galega de Billarda (popularmente coñecida coma A Auténtica) enfrontarse a esas potentes seleccións.

Apreciades interese nos poderes públicos pola LNB?
A LNB é a vangarda, as institución sempre irán detrás. A finais do ano pasado recibimos a distinción nos Premios do Deporte Galego pola mellor iniciativa en deporte tradicional. Foi, dende logo, o primeiro recoñecemento oficial do deporte da billarda, un feito histórico que agardamos sexa o primeiro paso para unha futura estrutura federativa. Pese a todos os esforzos realizados, as axudas que chegan á LNB son irrisorias en comparanza con outras actividades do ámbito tradicional que moitas veces subsisten e se inflan grazas a regos de cartos.

Sen que tipo de apoios non podería existir a Liga Nacional de Billarda?
Indiscutiblemente, sen a forza e a constancia dos palandores e palandoras sería imposible unha dimensión tal coma a acadada actualmente. A LNB é un explosivo compendio no que Carmiña ou Calvete, dous veteranos convertidos xa en mitos do noso deporte, son un referente para todos, incluídas as novas xeracións coas que compiten de ti a ti na pista de xogo. Sen complexos e cun horizonte claro e despexado, despois do big bang producido na comarca da Mariña, selamos un compromiso hai anos co vento mareiro da Coruña que no paseo de Riazor derrubou o mastro e rendeuno ante o poder das estrelas. A actual conferencia NorOeste e o viño dos furanchos co que a LNB vai dar a benvida á Conferencia Sur marcan ás claras que o noso gran batuxo navega imparable grazas ó continuo remar dos palanadores e palandoras das beiras cantábrica e atlántica.

Aínda que ultimamente non vos fai moita falta, que saídes en todos os sitios, aquí tes o micro, Xermán, se queres facer un chamamento.
Temos claro que todo isto é un proceso. Comezamos a bruar dende un blog na rede e por medio del e da forza na rúa puidemos chegar onde estamos hoxe. Por iso calquera weblog, radio libre, xornal local ou televisión local sempre terán, por parte de calquera membro da LNB, o mesmo trato que se fosen unha potente publicación ou unha radio ou televisión masivas. Pero xa que me pasas o micro me gustaría citar un parágrafo dun tema de Nación Reixa no que se pode resumir isto que acabo de comentar: polo andar xa se ve que somos xente seria e razoábel.

Cal é o teu/voso vínculo con Mafia gallega, que vos fixeron un tema de promoción ben potente?
Estamos totalmente impresionados do impacto brutal que está ter o seu tema A Billarda. Paco e eu coincidimos no Aberto por Reformas da Radio Galega. Aínda que vive en Xenebra, as súas raíces familiares son de Lourenzá e de Vilamartín-Pequeno. Foi cruzarmos unhas verbas e uns correos e a crew hip-hopeiro billardeira púxose a andar: enviáronnos ao pouco tempo este tema para o Myspace da LNB (por certo, calquera grupo pode apoiar aí a nosa revolución deportiva mediante o envío do seu estalo). Precisamente agora TELE-VARAL, a división audiovisual da LNB, está a traballar na produción do videoclip deste impresionate tema da Mafia Gallega. Agardamos que rule nas televisións galegas e suízas.

E xa que falamos de música, tres preguntas para empezar: que quedou dos Skornabois? Onde van os outros membros? Con que te identificas máis do que se fai aquí?
Penso que quedou un precioso xarrón con cinsas en forma dun explosivo disco, referente indispensable para entender a música galega nos 90. Hoxe cada un de nós desenvolve musicalmente as capacidades que máis ou menos despregabamos no grupo. Do panorama actual o gran reto é separar o gran da palla... coma outros, vexo agora moito aproveitado subido no carro de bois da música galega. Persoalmente gústame moito a electrónica que se está a facer no país. Destacaría tamén movidas coma a de escoitar.org, que dinamizan e dotan de entidade e de proxección o panorama sonoro galego, ata hai ben pouco circunscrito a trapalladas obsoletas.

¿Sería moito facer de funambulista buscar algún vínculo entre as dúas fundacións, a os Skornabois e a da LNB?
En absoluto, Skornabois e a LNB son froito da mesma relación de amor e odio entre a terra e o home, a cuestión é non perecer afogado entre tanta paixón.

Por que marchas de Safari Orquestra?
A Safari Orquestra nace coma un proxecto de estudio até que se decide levar a directo, que é cando eu abandono. O meu gran reto sempre foi o proceso creativo, naquel intre e no actual, no que tampouco atopo unha especial motivación por volver a subir a un escenario.

Que é Zimmer103?
De seguro que atallaría dicindo o que non é... sempre me fascinou a idea do francotirador, baixa fidelidade nunha guerra sen tregua para conseguir a produción perfecta, música en estado cru coma o neno rebelde que rasga cun coitelo no prato. Comecei a miña andaina cunha estartelada guitarra, aparcada dende había anos, realizando estraños movementos que nin eu mesmo era capaz de controlar nin de asimilar. Guindeino na rede e a crítica especializada deu en calificar ese desconcertante enxerto sonoro como Freak Folk. Decidín probar a meter os dedos no enchufe para crear un universo electrónico e particular cun sofware propio dunha tenda dos chineses. Así, cunha esencia de moinante e de autoestopista intergaláctico na procura da estridencia surxiu o meu actual son, o peculiar electro-folk alieníxena galego que impregna cada un dos meu esgarros.

Algún outro proxecto musical?
Estou tentando construír o meu segundo puzle sonoro despois do celebrado Ep Hatt Trick. A curto prazo estou inmerso no proxecto coordinado por MusicARTE para editar un CD con poemas de poetas galegos musicados. E milito ademais con ilusión na emerxente escena podcasteira galega dende o coñecido podcast Ouveos na Noite. Dentro de pouco sairá un ­e-book­ recopilatorio cos textos emitidos en audio no histórico programa da radio e-music da Cuac-FM.

www.galicia-hoxe.com





Conferencia Norleste

Conferencia Noroeste

http://www.myspace.com/LNBBILLARDA.

www.ovaral.blogspot.com

http://lnb-sur.blogspot.com/.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-02-2008 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0