Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Folque na Feira do Libro da Habana

A Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque participa no encontro cultural que se levará ao cabo en Cuba con moito da Feira do Libro da Habana que este ano está dedicado a Galiza.

VENRES 22 DE FEBREIRO DE 2008

20:30 h. TEATRO MELLA. A HABANA
DESCARGA AO VIVO
CUBA-GALIZA

Aínda que a música cubana se conforma fundamentalmente a partir de influencias europeas e africanas, as especificamente atribuíbeis aos galegos son reducidas a antes do s. XIX, debido á escasa presenza destes entre os continxentes de colonizadores. Na segunda metade deste século e na primeira do seguinte, a inmigración galega adquirirá considerábeis proporcións, chegando a ser a que conte con maior presenza en Cuba. Como froito de tal aporte potenciarán a economía e misturarán os xenes con tributos culturais rastreábeis na lingua, a música, a gastronomía, a arquitectura e o urbanismo. Será neste período cando se definan os principais trazos dunha historia común compartida por galegos e cubanos, na que a música destacará como o factor de fusión e transculturización máis determinante.

Hoxe unha xeneración de novos, mais experimentados músicos e bailarins cubanos e galegos, volven a ollada sobre as composicións do tempo dos seus avós. Partindo orzamentos cunha gran liberdade creativa e interpretativa dentro dun amplo abano de estéticas sonoras e coreográficas contemporáneas camiñan dende o Jazz Latino ata o Folk europeo dando forma a DESCARGA AO VIVO.

Pescudar no patrimonio musical compartido, permitiunos facer unha selección de obras que en moitos casos foran esquecidas e das cales dificilmente se atopan copias das partituras, sendo raras ou inexistentes as versións fonográficas. No caso de Del Ferrol a La Habana, que narra musicalmente o percorrido feito polo seu autor, o guitarrista ferrolán Juan Parga establecido a finais do s. XIX na Habana, contribuiu ao inicio da experimentación coas tradicións musicais. O mestre cubano Guillermo M. Tomás que foi o encargado de dirixir á Banda Municipal da Habana o sete de decembro de 1907 na estrea mundial do Himno Galego, compuxo nese mesmo ano, o pupurrí de Aires nacionales Cuba-Galicia, no que demostrou un coñecemento profundo da música popular galega coa que soubo conxugar melodías cubanas, dando continuidade á creación dun espazo de encontro para a música cubana e galega no que hoxe nós volvemos a atopar.

As festas dos galegos en Cuba celebradas antano nos xardíns da Tropical ou da Polar comezaban case relixiosamente co son da gaita interpretando a Alborada do mestre Pascual Veiga, tema que se converteu en pouco tempo nun dos símbolos espirituais da comunidade galega de emigrantes en toda América Latina. Festas nas que a gaita en mans de grupos como o Quinteto Monterrey fixo un oco na tradición instrumental cubana interpretando xotas, muiñeiras e pasodobres, e mesmo habaneiras ou danzóns. É que como dicía o escritor M. García Barros ?o danzón para un galego de corazón é un acto transcendental?. O xénero creado por Miguel Failde, fillo de galego e mulata, foi o gran protagonista das romarías e a súa asimilación por parte dos membros da comunidade de emigrantes chegou a simbolizar o seu grao de integración, adhesión e compromiso co seu pobo de acollida.

Ademais das músicas que soaban nas festas impulsadas pola comunidade galega temos particular interese en dirixir a mirada e o ouvido á obra de destacados compositores galegos que viviron e compuxeron en Cuba sumando a súa bagaxe na música galega a cubana como os emigrados José Castro Chané, José F. Vide e Ricardo Fortes Alvarellos, ou o exiliado Antonio Rodríguez Álvarez. A súa obra inseparablemente galega e cubana non tivo ata agora a suficiente atención por parte dos investigadores permanecendo descoñecida por músicos e público. Tamén nós detemos ante un dos grandes mitos para a emigración galega en toda Latinoamérica, o prodixioso violinista Manuel Quiroga. Nas súas xiras polo continente recolleu ritmos e formas musicais populares que utilizou nalgunhas das súas obras máis emblemáticas como a 2ª Guajira.

Completan a nosa aproximación neste repertorio común ritmos de orixe cubana como a habaneira ou a rumba que na súa difusión e peregrinar por medio mundo chegaron e quedaron na tradición musical galega.

Un vello encontro pendente entre dúas tradicións musicais ao que acudimos seducidos. Un palco común entre músicas, músicos e público ao que agora nós sumamos nesta DESCARGA AO VIVO.

Ramón Pinheiro Almuinha.
(profesor de Historia da Música Galega no Conservatorio de Música Tradicional e Folque, exdirector e fundador da empresa Ouvirmos)

Dirección artística

Ramón Pinheiro Almuinha

Dirección musical e arranxos
Pedro Pascual, Marcos Teira e Alejandro Vargas.

Coreografía
Abdiel Vargas e Xabier Díaz.

Interpretes musicais
Alejandro Vargas. Piano e teclados
Raciel Jiménez. Batería
Ernesto Vega. Saxo e Clarinete
Diana Fuentes. Voz e violín
Edgar Martines Ochoa. Percusións
José Manuel Díaz. Contrabaixo e baixo eléctrico
Pedro Pascual. Acordeón diatónico e Bouzouki
Marcos Teira. Guitarra flamenca
Edelmiro Fernández. Gaita
Óscar Fernández. Zanfona
Quim Farinha. Violín
Xabier Díaz. Voz e percusión

Intérpretes de danza
Swanny Quiveiro González
Ana Rosa Meneses Arocha
Danny Villalonga Carmenate
Abdiel Vargas Rodríguez
Xabier Díaz

Artistas invitadas
Ugia Pedreira
Guadi Galego
Pablo Pascual

Equipo técnico
Endirecto

DESCARGA AO VIVO é unha produción exclusiva diseñada e desenvolta polo Conservatorio de Música Tradicional e Folque (Galiza) en colaboración co Instituto Superior de Arte (Cuba) promovido pola Conselleria de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Feira do libro da Habana 2008.


REPERTORIO
1. Alborada galega. Pascual Veiga
2. Cuba-Galicia. Guillermo M. Tomás
3. Un Adiós a Mariquiña. José Castro Chané
4. Empanada de pollos. Xota/Muiñeira. Rep. Quinteto Monterrey-Edelmiro Fernández
5. O Indiano. Ricardo Fortes Albarellos
6. Del Ferrol a La Habana. Juan Parga
7. Hermoso Cielo Cubano-Caldeliñas. Antonio Rodríguez Álvarez-Rep. Rep.Quinteto Monterrey
8. 2ª Guajira. Manuel Quiroga
9. Danzón. José F. Vide
10. Miña Ruliña. Habanera. Popular Galicia
11. Rumbas. Popular Cuba/Galicia-Óscar Fernández

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 13-02-2008 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0