Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Coro Cantigas e Aturuxos

O coro, desfilando pola praza de touros da Coruña en 1917 (Foto: Ouvirmos)

Un selo sarriao descobre que o coro 'Cantigas e Aturuxos' de Lugo foi o primeiro en gravar o himno galego

O coro Cantigas e Aturuxos de Lugo foi o primeiro en gravar o himno galego. A sesión tivo lugar o 19 de novembro de 1918, tres anos antes da data considerada ata o de agora como oficial, a que realizou o coro coruñés Cantigas da Terra en 1921 baixo o nome de Himno a Galicia.

O descubrimento é o froito dunha investigación da casa discográfica sarriana Ouvirmos, que mercou o rexistro laboral interno do selo barcelonés La Voz de su Amo, no que figuran os rexistros de cada data concreta. "Non hai dúbida posible, porque nese rexistro figuran o nome do tema e a data na que se rexistrou", afirma o director executivo de Ouvirmos, Xosé Aldea.

Figuran entre elas esa na que os 36 membros desta agrupación lucense cantaron Os pinos, o poema de Eduardo Pondal musicado polo mindoniense Pascual Veiga que se estreou en Cuba en 1907 e do que se celebrou o centenario.

Aldea indicou que esta achega é un primeiro resultado dunha procura en desenvolvemento e que tratará de determinar o lugar no que se realizou "porque pensamos que puido ser nun teatro de Lugo ou nunhas das actuacións en Madrid de Cantigas e Aturuxos".

Segundo Aldea, "as gravacións daquel tempo fanse cantando directamente cara á parte máis ancha dunha especie de embudo e se impresionaba coas ondas sonoras a cilindros de cera a alta temperatura para envocarlo despois en discos de pizarra de 78 revolucións". Engade que "probablemente fose a mesma formación que actuou uns meses máis tarde, en agosto de 1919 na Coruña. Cómpre salientar desa formación que máis da metade eran mulleres, algo moi novidoso nese tempo".

Xosé Aldea considera que a importancia de Cantigas e Aturuxos está aínda por descubrir. A maiores das súas actuacións en cidades galegas, como A Coruña ou Pontevedra, están as que ofreceron en Madrid, sobre as que convida a considerar "o que supoñía desprezar a 36 personas nunha viaxe nos anos 10 para cantar música popular galega".

A consideración elevada do grupo lucense explicaría que un selo catalán se interesase por eles para facer un disco nuns anos nos que aínda non era habitual "porque o estoupido dos rexistros sonoros produciuse a partires dos anos 20", tal e como apunta Aldea.

O responsable de Ouvirmos indica que o número de gramófonos na cidade e na provincia debía de ser escaso, polo que "o público para estes discos eran os emigrantes, un colectivo que sufría morriña e tiña poder adquisitivo. Querían pezas singulares e ligadas á terra, porque os temas estándar xa podían escoitarllos a un coro de Bos Aires".

No disco no que figura o himno galego aparecen tamén O bico, do compositor lucense Xoán Montes, e dous cantos populares: Foliada de Lemos e Alalá de Monforte.

A casa sarriana Ouvirmos prepara un disco-libro dedicado a Cantigas e Aturuxos, que será publicado na súa colección A Tiracolo, segundo adiantou o seu director executivo.

Engadiu que "poden saír á volta de dous ou tres anos porque aínda estamos dixitalizándoos". Xosé Aldea cifra en dez os discos que realizaron Cantigas e Aturuxos, con dous temas impresos en cada unha das pizarras. "Nas gravacións figuran cantos de seitura ou de berce, e hai que contar con sensibilidade para recoller e harmonizar esas pezas tradicionais". Aldea considera que a importancia deste labor é maior "dado que non existía en Lugo unhas Irmandadades da Fala que dinamizasen o interese pola cultura galega e eles asumiron en boa parte ese papel".

O musicólogo de Sarria non fuxe da polémica que atinxe ao rexistro sonoro de Os pinos e que sinala á que executou o coro Toxos e Frores de Ferrol no ano 1922. A base da discusión está en que os ferroláns cantaron a letra completa do poema, mentres que os coruñeses —coma os lugueses— se limitaron á primeira. Percibe como falta de argumentación esta teoría "porque o que cantaron Cantigas e Aturuxos no ano 1918 era o que se consideraba daquela como o himno de Galicia. A idea de incluír unha segunda estrofa é do ano 1975".

Cantigas e Aturuxos foi unha das consecuencias das teorías do folclorista Perfecto Feijoo, quen promoveu unha dignificación do folklore levándoo aos escenarios con toda a sua enxebreza, tanto de vestiario como de sons. A súa concepción do folclore concretouse no coro galego, que suma o baile e a vestimenta tradicionais aos cantos.

Outras das novidades foi a chegada de mulleres a estes colectivos, reservados a figuras masculinas. Cantigas e Aturuxos conta en 1919 con féminas que suman máis da metade.

A segunda bandeira galega que existiu en España
O coro Cantigas e Auturuxos recibiu a segunda bandeira galega existiu en España, como asegura Xosé Aldea, posuidor da enseña. A entrega foille feita polo Centro Galego de Madrid o 24 de novembro de 1917, data que figura no reverso da enseña. A entrega foi un agasallo dos socios da entidade para agradecer a visita do coro. A bandeira ten por un lado a galega e polo outro, a española.

A bandeira branca coa banda azul ondeou por vez primeira no ano 1904 na fachada do edificio no que daquela estaba emprazado o Centro Galego da Habana. O símbolo presidiu a estrea do himno galego en 1907 no Teatro Nacional da capital cubana.

O coro Toxos e Frores recibiu a enseña de Galicia por vez primeira en 1917 e dende aquela preside as súas actuacións. A entrega correspondeu ás Irmandades da Fala e foi realizada polo seu representante no acto, Antonio Rey Soto. De feito, a importancia do coro ferrolán na fundación das Irmandades foi considerable.

O vencello entre Cantigas e Aturuxos e os símbolos galegos tamén se mantivo nos anos seguintes a ese acto no Centro Galego de Madrid. Cadrou, por exemplo. coa primeira Asamblea Nazonalista de Lugo nos días 17 e 18 de novembro de 1918, e que se considera como acto orixinario do nacionalismo galego como movemento estruturado.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-02-2008 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer