Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Primeiro Titulado Superior en Gaita Galega
Tras moitos anos de esforzos por parte de moita xente, conseguíuse pechar o ciclo de estudos musicais do noso intrumento máis representativo. Os gaiteiros do noso país teñen xa a posibilidade de estender os seus estudos ata o grao de Titulado Superior. O primeiro en conseguilo foi Xosé Luis Miguélez e o seu concerto de fin de carreira, gravado ao vivo, publícase agora nun disco que leva por título ?Esperanza? e que edita Dos Acordes

Falamos con Xosé Luis Miguélez da súa andaina musical, desde as primeiras clases sendo moi neno ata lograr esa titulación superior, e da grande importancia do obxectivo por fin acadado.

As primeiras clases de gaita ¿cando e de quen as recibiches?
Os meus pais leváronme a clases de gaita cando tiña seis anos nunha das primeiras escolas que houbo en Galicia, a ?Escola de Gaitas da Deputación de Ourense?. Lembro que o primeiro día non parei de chorar porque non quería ir pero despois de escoitar as gaitas o que non quería era voltar para casa. O meu primeiro mestre foi Manolo Brañas e aínda continúo a ter unha moi boa relación con él, débolle moito. Cando tiña 11 anos levóume ao Festival Intercéltico de Lorient en Francia, era o músico máis xoven de todo o festival e a xente parábame pola rúa para sacarse fotos comigo.

E o teu primeiro instrumento ¿cando o tiveches?
Pois cando levaba uns meses indo a clases o meu pai mercoume unha, debeu ser no ano 1980 ou 1981, non me lembro moi ben. Era unha gaita de pau santo afinada en Do e feita por Manolo Brañas, que tamén é construtor. Non a conservo enteira pero si algunha peza solta.

Cóntanos como foi todo o proceso para chegar, desde ese inicial interese pola gaita a converterte no primeiro Titulado Superior no instrumento.
No ano 1990 gañei un importante concurso para gaiteiros solistas e foi aí cando comecei a pensar en adicarme profesionalmente á música no futuro; así que me interesei polos estudos oficiais que, por aquel entón, so se impartían en Vigo. O mestre daquela era Carlos Núñez e falei con el para facer os exames dos catro cursos que existían no plan de estudos do 66. Facilitoume moito as cousas e fixen os exames por libre acadando o ?Diploma en Gaita Galega?, que foi o primeiro título recoñecido do instrumento. Despois diso tiven que continuar os meus estudos musicais coa frauta traveseira xa que a gaita non tiña máis graos recoñecidos. A finais dos 90, coa incorporación da Loxse, por fin se instaurou o grao profesional; remateino en 2001 no ?Conservatorio Mayeusis de Vigo? co mestre Ernesto Campos, un grande compositor para o instrumento e moi bo amigo, que me acolleu cos brazos abertos e que me ensinou moitísima música. Un ano despois comezou o grao superior en música tradicional galega no ?Conservatorio Superior de Música de Vigo?, presenteime ás probas de acceso e conseguín unha praza; catro anos máis tarde, en novembro de 2006, fixen o concerto de fin de carreira e, por fin, se completaron todos os ciclos de ensino de música tradicional en Galicia.

O teu camiño persoal ata conseguir ser titulado superior ¿foi moi duro?
Foi bastante longo e duro non soamente para min, senón tamén para todos os que estudabamos música tradicional, xa que era moi frustrante non poder continuar a nosa carreira como facían os das outras especialidades.

Á hora de escoller o repertorio para o teu concerto de fin de carreira ¿cales eran os teus obxectivos?
Foi unha gran responsabilidade e unha das partes máis dificultosas, xa que pretendín tocar todos os paus e amosar as posibilidades musicais do instrumento. Para conseguilo púxenme en contacto con diversos compositores, dos que me gusta o seu traballo, e pedinlles directamente que fixeran obras para o concerto. O resultado foi máis que satisfactorio, ou iso penso eu.

Preséntanos entón ese repertorio que escolliches e aos músicos que te acompañaron na interpretación desas pezas que se publican agora en disco..
Unha das partes máis importantes do concerto foi unha obra para gaita e piano, en tres movementos, que se titula Luces do Atlántico e que é unha composición de Ernesto Campos; é unha obra fermosísima e tiven a honra de estreala cun dos mellores pianistas de Galicia, o Coruñes Pablo Diago. Tamén quería amosar un repertorio máis contemporáneo para gaita e para iso falei con Paulo González e David Bellas.
Paulo é un dos mellores músicos que coñezo, toca a gaita, a zanfona e a frauta de bisel como ninguén, e ademáis diso escribe cun estilo propio e unha linguaxe que me encanta, da súa autoría son Apaixoada, unha peza para dúas gaitas, á que eu fixen un arranxo para tres e que toquei co grupo ?Anacos de Buxo?, e Arreguiço, un trio para vibráfono, zanfona e gaita que interpretei con el e Lucía Martínez no vibráfono, os tres estudamos música na ?Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo? de Oporto e temos unha moi boa relación.
David Bellas fixo unha peza que titulou Dúo De Gaitas Para O Primeiro Concerto De Fin De Carreira e que tocou comigo, David é un gran gaiteiro ao igual que os outros que participaron no concerto, Pedro Álvarez, Xurxo Fernández e Rafa Crespo, que son xa unha realidade na gaita galega pese a súa xuventude.
O resto do repertorio é de corte máis tradicional. Blanca O Negra de Ricardo Courtier, director da Banda de música de Ourense a comezos do seculo XX, e a Ribeirana De Ventosela que era do repertorio de Xan Míguez, gaiteiro de Ventosela. A esta última compúxenlle unha introdución a xeito de alalá que titulei Image.

A importancia de contar coa posibilidade de acadar esa titulación ¿Que importancia ten para a música do noso país e, máis concretamente, para o que é o noso instrumento máis representativo?
É moi importante porque pon a música tradicional galega ao mesmo nivel educativo que o resto das músicas, creo que a dignifica e a valora enormemente. Tamén abre a posibilidade de que moitos músicos que se dedican profesionalmente á música tradicional poidan acadar unha titulación que os avale no seu traballo.

Obter esta titulación ¿que saídas profesionais ofrece?
Pois ao ser unha titulación superior, ao mesmo nivel que unha licenciatura, dache a posibilidade de impartir aulas en centros de ensino medio e superior: Escolas de Música, Conservatorios, Institutos, etc. Ademáis diso fórmate tamén a nivel de investigación dentro da ?etnomusicoloxía? ou/e a interprétación.

¿Cantos gaiteiros están a seguir os teus pasos na actualidade?
Pois hoxe en día hai unha ducia de gaiteiros cursando estudos na especialidade. Ademáis, xa temos a primeira muller titulada, Lorena Feixeiro de Vigo, unha gran gaiteira.

No que se refire ao futuro da gaita galega ¿es optimista?
Moito, creo que está a atravesar un dos mellores momentos na súa historia, moita xente a traballar en serio e moitas menos disputas e polémicas inútiles. O nivel dos novos gaiteiros é excelente.

Máis información en : www.xlmiguelez.com

www.elcorreogallego.es
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 05-02-2008 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 moi bo CD#blgtk08#, noraboa
Comentario por dirtrambo (06-02-2008 00:32)
2 moi bo CD#blgtk08#, noraboa
Comentario por dirtrambo (06-02-2008 00:32)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0