Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Alalá do martes 25
Este martes 25 de nadal ás 21:40

Especial Alalá Cantos e Danzas de reis

Nesta noite especial do 25 de decembro, Alalá fará un percorrido polas distintas manifestacións musicais do ciclo de Nadal, desde Noiteboa a Reis, partindo dun lugar onde se mantiveron moi vivos os cantos e bailes propios destas datas. Desde Tui, coñeceremos as panxoliñas e cantos de Nadal cos que comezan as festas, os manueles e xaneiras de Aninovo, as epifanías e as danzas de Reis.

Así, pediremos o aguinaldo como facían os veciños de Mondariz, Ponteareas, Salvaterra e Tui, formando os bandos e os ranchos, como aquí chamaban ós grupos cos que se ía de parroquia en parroquia e de casa en casa; o mesmo eran grupos de amigos como membros dunha mesma familia que ás veces só pedían que os convidasen a viño e chourizos e outras tiñan nos cartos que recadaban con esta práctica unha importante fonte de ingresos.

Tal é o caso dos da Oura, unha familia con doce fillos, que pasaban todas as festas cantando e bailando para xuntar ata 5.000 pesetas que lles axudaban a vivir todo o ano. Falaremos con eles e con Manuel o Cajabicho e Antonio o Colacao, compañeiros durante 27 anos nun rancho de Reis. Tamén nos acompañarán Nieves e Marisol, de Guláns, un dos lugares onde nunca deixaron de cantar e bailar nestas datas. E os mozos da Escola de Música Tradicional de San Fins de Rebordáns, en Tui, que recuperaron este costume dos seus maiores e que agora pasan un Nadal diferente e tremendamente divertido. Con todos eles percorreremos o ciclo de Nadal da man de Xerardo F. Santomé, un apaixoado e bo coñecedor de todas estas manifestacións culturais tan propias da nosa maneira de celebrar o Nadal.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-12-2007 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer