Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista á Sra. Carmen
Hai dez anos, a Carmen Pérez (Sanguiñeda - Mos, 1925) convencérona para que formara parte do grupo de cantareiras Malvela. Agora, con 82 anos, deixouse convencer tamén para sacar o seu primeiro disco en solitario, Na flor dos meus anos, no que conta con colaboradores como Uxía Senlle, Rodrigo Romaní, Xosé Manuel Budiño ou Dulce Pontes.

P:¿A vostede sempre lle gustou cantar?

R: Sempre. Cantaba en calquera lado: na casa, coidando os nenos, na leira, cando ía lavar... O que nunca pensei foi que ía terminar dedicándome a isto.

P: ¿E logo como acabou en Malvela?

R: A asociación de mulleres que montou o grupo díxome que me anotara, pero eu daquela xa tiña máis de 70 anos e díxenlles que non, que xa era moi vella para unha cousa así. Pero non me fixeron caso e apuntáronme igual, porque saben que eu non sei dicir que non a nada.

P:¿Pero non se arrepentiu?

R: Claro que non, foi o mellor que puiden facer. Ir cantar dáme a vida. Se non fora por isto, agora estaría na casa metida todo o día. Isto mantenme activa, axúdame a conservar o sentido e a usar a memoria. Igual a estas alturas xa estaba medio chocha [risas].

P: ¿Non lle é moi cansado andar por aí de viaxe?

R: Non o levo mal de todo, porque como son a máis vella do grupo, as demais téñenme como se fora unha nena. Andan comigo coma unha boneca e non me deixan coller ningún peso nin nada.

P: ¿E o do disco en solitario?

R: Iso empezou un pouco de broma cando cumprín os 80 anos. Daquela acordei que xa era momento de deixar o grupo, pero o resto dixéronme que antes tiña que facer un disco eu soa se quería marchar. Pasou máis dun ano polo medio e ao final a cousa resulta que ía en serio. Outra vez pasou o mesmo: que non sei dicir que non a nada [risas].

P: ¿As cancións do disco son as que cantou vostede toda a vida?

R: Moitas non, son da xente que colabora no disco, e ata hai unha de Rosalía de Castro. Pero outras si. Un día, vindo de Madrid en avión, fixemos repaso de todas as pezas que coñecía: eu ía cantando e o resto ían apuntando a letra para logo escoller as que mellor cadraban no disco. Os que viñan ao lado no avión deberon de acabar fartos de nós [risas].

P: ¿É distinto cantar en solitario que co arroupo dun grupo?

R: Para min non, porque eu en Malvela xa fago de solista, así que vén sendo máis ou menos igual. Iso si, nos primeiros tempos dábame un pouco de vergoña, porque pensaba que a xente diría “que fai aí esa señora tan maior cantando?”. Pero agora xa non penso iso, ao contrario, penso que é un orgullo.

P: E agora que xa cumpriu coa súa parte, ¿segue pensando en deixar Malvela?

R: Non, non. Á miña idade é unha parvada pensar en retirarse, porque xa a vida te retirará cando lle cadre. Teño moita amizade coa xente do grupo e pásoo ben cando actuamos, así que de momento seguiremos.

“As veciñas crían que agora xa non lles ía falar"
P: ¿Como leva o de ser famosa?


R: A min non me afecta nin para ben nin para mal, sigo sendo a mesma de sempre, nin máis nin menos. E iso que as veciñas xa me preguntaban se agora non ía saudar e cousas así.

P: ¿E vostede que lles responde?

R: Que a min facer un disco non me tapara a boca, así que ía seguir falando con elas como falara sempre [risas].

P: Pero agora que sae na tele algo cambiaría.

R: A tranquilidade: estes días viñeron as teles todas por aquí, aínda que a min non me gusta moito que veñan, porque a casa está vella e dáme reparo ensinala. Ademais, algunhas son
cadeas de fóra e hai que falarlles en castelán, e eu sen ser en galego non me defendo moito.

P: E os dos periódicos tamén lle estamos a dar a lata...

R: Chámanme de todas partes e ás veces xa non sei nin con quen falo, pero eu atendo a todos. Por certo, ¿vostede de onde é, do Faro? [risas].

P: ¿Segue facendo os labores na casa?

R: Cada vez menos, porque xa son 82 anos e unha vaise gastando. Antes traballaba na horta e levaba todo o da casa, e agora xa só fago a comida e coido dos bisnetos.

P: ¿Xa ten bisnetos? Digo eu que algunha cousiña lles cantará...

R: ¿Bisnetos? ¡Teño dez! E claro que lles canto.

P: ¿Que é o que lle gusta escoitar a vostede?

R: De todo tipo, mentres sexa música alegre e movida, que me dea ánimo. E estes días tamén escoito moito o meu disco, para aprender ben as cancións.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-12-2007 23:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer