Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vendas dos grupos folc galegos
Os artistas galegos de folk resisten con cifras notables á caída de vendas

Berrogüetto vendeu sete mil copias de `10.0´, Nordestin@s e Rosa Cedrón superaron os cinco mil exemplares, e Marful e Fía na Roca xa foron quen de facturar catro mil discos.

A industria musical atravesa por un momento de crise de vendas a nivel mundial e dentro desa dinámica semellaba que as cifras dos artistas da música de raíz galega ían quedar en cantidades baixas, mais o que sucedeu no último ano e medio desbota completamente esa idea inicial. Cando liquidar dous mil exemplares deixaría satisfeitos a bastantes artistas, e son as cifras nas que se moven Quempallou ou Xabier Díaz, vemos como varias propostas son que de dobrar e incluso aumentar eses números.

Berrogüetto mantense como un valor sólido e reafírmase como unha opción preferente dos amantes do folk, que sempre viron neles un grupo de referenza. Da súa última obra, 10.0, xa acadaron sete mil copias. Xulio Cordeiro, manager do grupo, manifesta estar satisfeito co vendido. "Fabricamos oito mil exemplares e sobre esa cifra valoramos o nivel de investimento e negocio coa banda. Tal como vai a industria, obter esa venda de sete mil álbumes é satisfactorio". Guillermo Fernández é un dos compoñentes do grupo e ten un dúo con Guadi Galego que editou o ano pasado o álbum Espido, do que xa liquidaron tres mil unidades. "Neste momento de auxe de descargas por internet chegar a estes números é importante e moi positivo. Cando os músicos comezamos a autoproducirnos pensabamos se habería mercado nun país pequeno como Galicia, mais vemos que existe ese público. Pagou a pena o esforzo por ver esa resposta. En canto a Berrogüetto, malia que facturamos menos copias, se miramos como baixou o panorama en proporción estamos vendendo máis que antes", sinala Fernández.

Nordestin@s é un dos fenómenos comerciais máis satisfactorios, ao ser quen de superar a barreira dos cinco mil discos. Guadi Galego, compoñente do trío canda Ugia Pedreira e Abe Rábade, cre que agora "a xente está preparada para outras propostas e apareceron músicos que se botaron cara adiante a realizar cousas diferentes. Tamén apareceu algunha discográfica valerosa, como no caso de Falcatruada, que editou a Nordestin@s. Danos a sensación que o público esperaba que saíse algo distinto e iso vai axudar aos artistas que realizan autoproducións porque se chegan a un número determinado de vendas poderán meter máis cartos nos seus vindeiros traballos". Sergio Lago, responsable do selo Falcatruada, manifesta que resulta "moi complicado chegar a estas facturacións no eido da música de raíz. Falamos con outros compañeiros de discográficas e ves que as cifras son bastante baixas. Asinábamos que todos os nosos lanzamentos vendesen como Nordestin@s. Agora estámonos porsicionando no mundo dixital e tentando dar facilidades para a comercialización dos nosos produtos". Ugia Pedreira tamén é a voz de Marful, que coa súa ópera prima amosou que existe un público para escoitar esas melodías urbanas antigas que conforman o espírito do seu repertorio. Ela síntese leda coas vendas "porque son boas para un mercado pequeno e unha música minoritaria que non ten grandes apoios para darse a coñecer. Falcatruada está a realizar un traballo moi bo e o disco de Marful editouse nunha discográfica humilde e moi pequena, xestionada polo músico Germán Díaz. Pasou xa un ano e continúan vendéndose álbumes. Xa é un disco un pouco de culto". Esgotaron xa catro mil copias da súa obra e fabricaron mil discos máis. "Creo que nos dous casos, o traballo ben feito por músicos que levamos bastantes anos de andaina serviu para conectar coa xente".

Logo de pasar bastantes anos sendo a voz de Luar na Lubre, a monfortina Rosa Cedrón decidiu encetar este ano a súa carreira en solitario. A cantante fichou pola multinacional Warner, que tamén edita á súa antiga banda, e superou as cinco mil copias facturadas. O seu mánager, José Puga, di estar "contentísmo coas vendas e o recibimento tido pola artista por parte do público".

Os Fía na Roca editáronse eles mesmos Vente vindo e xa levan catro mil exemplares colocados. Xosé Ramón Vázquez, fundador do conxunto, indica que esa cifra "é estupenda para un grupo que ten que realizar autoprodución e ao que os medios de comunicación, agás excepcións, non lle dan moita cancha. Estamos optando moito pola venda directa despois dos concertos e realizamos varias actuacións nas que logo despachamos máis de cen álbumes. Tamén constatamos o gran interese do público francés. Isto tamén nos permite ofrecer un mellor prezo para o consumidor. O grupo xa comezou a gañar diñeiro coas vendas e aínda que non é un gran aporte económico si resulta xa unha vía interesante de financiamento alternativo".

Cómpre subliñar tamén os 3.500 exemplares facturados de Misturados, a obra conxunta de Cristina Pato e Mutenrohi, e que non temos datos concretos de artistas que venden moito, como Milladoiro e Mercedes Peón.

Como estamos en plena época de agasallos, non esqueza poñer un disco galego na súa lista de mercas imprescindibles.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-12-2007 01:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer