Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Ghaita Depedra

Unha firme promesa de futuro

Aínda que formado inicialmente no ano 2001, o grupo foi sufrindo diferentes cambios entre os seus compoñentes que lle restaban a necesaria estabilidade e que os obrigaban a refacer por completo o repertorio. Conseguido o obxectivo de manter unha certa estabilidade de compoñentes e instrumentos, o seguinte paso era o de gravar a súa música. Ese paso foi tamén superado “con nota” nas catro pezas incluídas na súa primeira maqueta, que nos ofrece os temas: ‘Pito Fóra/Reises’, ‘Jaraxó’, ‘Jota De Paredes’ e ‘Doa O Teu Reel’

O que xa podemos considerar como formación "estable" de Ghaita Depedra está composta polas seguintes persoas:

Xosé Varela: un precoz músico que comezou os seus estudos musicais á idade de 7 anos, que formaron parte de grupos como Reviravolta, Xarín Gaiteiros do Incio ou Nus, e que na actualidade continúa a súa formación como instrumentista, compaxinando o traballo con Ghaita Depedra coa participación en distintos proxectos como a Orquestra Folc Sondeseu, o grupo de cantareir@s da A.C. Cántigas e Frores de Lugo e o grupo Cantatí.

Lourdes Armesto: Comezou co baile tradicional na A. C. Cántigas e Frores de Lugo aos 17 anos, para posteriormente ser membro fundador do grupo Reviravolta, cos que gravou o disco O Miño non pasa por Escocia. Actualmente forma parte tamén do grupo de cantareir@s da A. C. Cántigas e Frores e do grupo Cantatí.

Pablo Condo: Tomou contacto coa percusión folk nun curso impartido por David Otero en Lugo no que aprendeu a tocar o bodhran­. Colaborou con Verdegaia e con Sete Raposos Mortos.

Luís Rodil: Comezou a tocar a gaita na Fonsagrada tendo como mestre a Pepe Vaamonde e a frauta traveseira con Cándido Díaz. Realizou estudos clásicos de frauta traveseira nos conservatorios de Lugo e Santiago de Compostela. Tocou en grupos como Os Gurumantes e os asturianos Cádaba e tamén é membro do grupo Reviravolta.

Xavi Fernández:
Comeza a tocar a guitarra aos 10 anos. Aos 14 inicia os estudos de guitarra no conservatorio de música de Lugo, no que aguanta tres anos como boamente pode. Aos 18 forma parte do grupo La Posada del Fracaso que interpretaba versións de Joaquín Sabina. Poucos anos despois un grupo de afecionados á música, que formaban parte da asociación O Trasniño do Bosque, formaron o grupo Verdegaia no cal se introduce de cheo na música Folk.

Con eles falamos da traxectoria artística de Ghaita Depedra.

O grupo Ghaita Depedra naceu na cidade de Lugo nunha data inesquecible ¿non?

Así é. Un amigo, co que coincidiramos como compoñentes doutro grupo, comentounos a posibilidade de participar nun concerto benéfico. Con catro temas que xa tiñamos montados e algúns máis que fomos preparando decidimos dar o paso adiante. Xusto cando rematabamos de falar, e de poñernos de acordo sobre a posta en marcha o proxecto, foi cando apareceu na televisión a noticia de "Pentagon on fire". Era o 11 de setembro de 2001.

A partir de aí ¿comezastes a traballar en serio?

Quen nos coñece sabe que isto non pode ser serio (risas). Bromas á parte, é evidente que estes seis anos de traballo non cundiron como noutras formacións, xa que o grupo foi pasando por moitos cambios. Contabamos cuns compoñentes e un repertorio montado en base a eles que, ao marchar algúns dos músicos, tivemos que refacer por completo. Coa actual formación, que xa podemos considerar estable, levamos aproximadamente un ano e medio de traballo.

Ese tempo deu xa como froito a vosa primeira maqueta. A experiencia da gravación ¿que tal foi?

Moi satisfactoria. Os catro temas que incluímos na maqueta foron gravados en dous domingos nos estudios Abrigueiro, contando coa grande axuda de Arturo Vaquero como técnico de son. Foron en verdade dous días moi intensos, de moito traballo, pero que deron un resultado do que todos nos sentimos orgullosos.

E un disco completo de Ghaita Depedra ¿cando contades con poder publicalo?

Para un obxectivo como ese sempre son necesarios tres elementos: vontade, repertorio e cartos. Vontade témola de sobra e pezas no repertorio contamos coas suficientes. O último dos elementos aínda non o temos, pero agardamos poder conseguilo coa venda dos exemplares desta primeira maqueta.

Aqueles que estean interesados ¿onde a poden mercar?

Pódena mercar nos nosos concertos, en distintos e coñecidos puntos habituais de venda deste tipo de música e, por suposto, por medio de internet poñéndose en contacto connosco a través da páxina oficial do grupo.

Nesa páxina definídesvos como grupo de "Música Folk de Lugo". Explicádenos un pouco esa definición.

A verdade é que o tema das "etiquetas" deixámosllo aos profesionais dos medios de comunicación, nós limtámonos a facer a música que máis nos presta. O motivo real de empregar os termos Folk e Lugo foi con vistas ao buscador de páxinas Google; dese xeito, calquera que faga unha búsqueda empregándoos atoparase con Ghaita Depedra. Outra mostra de que a definición da nosa música é algo que non nos quita o sono tédela na páxina que estreamos en myspace, tiñamos que incluír tres definicións e decidimos que foran: folk, celta e comedia.

Ademais de conseguir reunir os cartos necesarios para a gravación e publicación do disco, ¿cales son os seguintes obxectivos que vos marcades?

O principal para nós é seguir divertíndonos e gozando coa música que facemos. Ademais, esperamos conseguir que a nosa maqueta soe moito e en moitos lugares e que nos chamen para tocar en moitos sitios. Non somos un grupo que se marque determinados obxectivos a medio ou longo prazo, o que pretendemos e consideramos básico é manter a boa relación musical que temos entre nós. O resto irá saíndo pouco a pouco.

Máis información en: www.ghaitadepedra.com ou www.myspace.com/ghaitadepedra

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 13-12-2007 00:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer