Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Xose Manuel Budiño
O músico Xosé Manuel Budiño acaba de presentar o seu cuarto álbum, Home, un traballo feito integramente en Galicia pero con vocación universal.

Pregunta: Como se debe ler o título, á galega ou á inglesa (que significa "fogar")?

Resposta: Como ti queiras, porque en realidade nace con ese punto de ambigüidade. O 'leitmotiv' do disco é ese ano e medio de viaxes, no que estivemos por catro continentes, viaxando dende Bulgaria a Arxentina, México, Líbano, Marrocos, Dublín... Cada vez que chegaba a casa, viña cun feixe de melodías para colocarme no estudio e empezar a traballar nel. Foi un ano e medio entre viaxes, volver a Galicia e compoñer, arranxar e producir o que ía ser o disco, ata que se foi dando forma e deu este Home.

P: E desas achegas dende distintas culturas que se reflicten no disco, cales resaltaría?

R: Creo que todo, no subconsciente están todas estas viaxes. Pero non collín melodías doutras localidades, ou emulei a música que escoitaba, senón que volvín máis á música galega e conpuxen sobre a base musical que teño dende moi novo. Aínda que si fago referencia a todas estas viaxes. Como no tema Shokran, que significa 'Grazas' en árabe, pola acollida que tivemos no Oriente Próximo e en Marrocos. Era inevitable darlle as grazas á xente que tan ben nos tratou e que nos ensinou outra realidade que non é a que vemos aquí, que é distorsionada.

Colaboracións amigas
P: O tema multicultural non se reflicte só na música, senón tamén nas letras...


R: Sobre todo nos títulos. Nas letras, contei con Mercedes Peón, que canta o tema Inmaterial, do que fixo a letra. Hai outro tema escrito por Antón Reixa, Ollos de sal, cantado por Xoel López, de Deluxe. Tamén hai un tema tradicional, porque sempre me gusta facer unha chiscadela en cada disco á música tradicional.

P: Non se atreve vostede coas letras?

R: Non, prefiro contar con xente amiga, síntome moi cómodo compoñendo música para compartila con amigos e que eles dean outro punto de sal.

P: A colaboración de Xoel López pode atraer máis 'indies' ao folk?

R: É algo que non pensamos, porque nos coñecemos dende hai tempo e sempre existiron ganas de colaborar xuntos e cantando en galego, a Xoel apetecíalle moito. É curioso como empeza facendo letras en inglés e pasa ao castelán e agora o estamos traendo ao galego tamén. Xurdiu dunha forma natural. De feito, esta fin de semana estiven en Madrid con el na gravación do novo DVD en directo, con Amaral, Josele Santiago, e quixo convidarme a min tamén a que estivera coa gaita.

A frescura do directo
P: Ao ser un disco xurdido a raíz dunha xira, ten ese punto de espontaneidade do directo?


R: A min gústame que a xente veña á casa para compartir e exprimir ao máximo antes de encender as máquinas e poñerse a gravar. Gústame ese punto do directo porque é moi espontáneo, pero só se consegue na primeira ou na segunda toma. O disco está cheo de primeiras tomas e de intentar conseguir esa frescura.

P: Haberá que agardar ata Glasgow para velo sobre o escenario?

R: Si, estamos conformando a nova banda e presentarase en Glasgow o 19 de xaneiro. A partir da semana que vén, estarei na Habana para o centenario do himno galego. Despois de volver da Habana comezaremos de cheo co espectáculo que será musical pero tamén haberá videoproxecións, un deseño escénico, hai moita xente que nos está botando unha man, non só do mundo da música senón da multimedia, realizadores, vestiario...

P: Cada vez é máis importante a posta en escena...

R: Desde logo. Hoxe en día está moi ben a enerxía que flúe nun escenario, pero tamén hai algo máis que me gusta traballar, como a videocreación, a posta en escena, o deseño...

A influencia da vida, e da terra
P: Cal foi a evolución dende Paralaia, publicado hai dez anos, a hoxe, con Home?


R: Os catro discos son evolucións lóxicas. No primeiro disco tiña xa o meu propio estudo, pero vai cambiando con cada disco. A tecnoloxía vai cambiando e posibilita poder ter en cinco minutos unha gravación feita en Nova York. A tecnoloxía xoga un papel importante pero creo que a evolución a dá a vida mesma, as viaxes e a xente que vas coñecendo e o que vas palpando e absorbendo.

P: En todo ese tempo, a familia diríalle máis dunha vez iso de "déixate de gaitas"...

R: (Risos) Eu creo que xa están moi habituados. Empecei dende moi pequeno a tocar, dende os sete anos e xa forma parte do ambiente que se respira na familia.

P: Hai presenza do Morrazo, a súa terra natal, no disco?

R: Hai moita presenza, porque se gravou todo no meu estudo. Os fotógrafos son do Morrazo, o deseño aínda que é de Enric Francesc, vive no Morrazo... practicamente fíxose todo aquí. Ademais edítao unha discográfica galega, o disco fabrícase en Galicia, xa non tes que ir a Holanda ou Madrid como antes... É un produto integramente feito en Galicia. Estamos contentísimos con eso.

www.xeracion.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-12-2007 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer