Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

The Homens. Unha banda de culto?
'Tres' é o novo traballo de The Homens.
Power pop en galego que nos remite ós Planetas e ó brit pop. O seu primeiro largo sorprende pola madurez das súas cancións. Novos matices e a espontaneidade de sempre

Esta semana baixei as escaleiras mecánicas dunha famosa tenda de produtos culturais na Coruña. Buscaba un disco en concreto dun grupo galego independente. É o seu primeiro traballo, pero non son uns descoñecidos.
"Ola, busco o disco e The Homens, ¿xa o tedes?", pregunto. "Oxalá, aínda non chegou, gústanme moito o que fan", responde o encargado da sección de discos.

The Homens é o trío composto hai tres anos por Martin Wu (voz e guitarra), Roi (baixo) e Xocas (batería) e ata esta semana levaban editados dous epés. Agora teñen xa o seu terceiro traballo, o primeiro disco longo. O título era evidente: Tres. E tres son tamén os formatos nos que se pode conseguir. Xa existe un digipack co disco en audio, mais tamén unha edición de luxo en vinilo do que apenas hai 500 copias e que incorpora un póster e un cedé cos temas en mp3, ademais da posibilidade de descargar os temas de balde, agás dous deles, na web do grupo: www.thehomens.com

O disco resulta sorprendente pola madureza da proposta e pola mestura de matices sonoros e rotundidade das súas cancións. "Tiñamos pensado como queriamos que sonase. Cada tema pedía un aire diferente e a buscalo axudounos Santi García, produtor do disco xunto a Víctor García", comenta Martin Wu.

O trío escolleu precisamente o estudo de García, o Ultramarinos Costa Brava de Sant Feliu de Guíxols, no que teñen gravado grupos como Nueva Vulcano o Tokio Sex Destruction. "El podía sacarlle moito partido ás cousas", di.

O resultado demostra o atractivo da súa proposta, pulida durante os últimos tres anos dando concertos por Galicia e Portugal e en bandas anteriores como Fame Neghra, Stay Pretty ou Street Fighter. O arrecendo dos temas lévanos ós Planetas ou ó brit pop dos noventa, así como a clásicos da súa discoteca como Fugazi ou Hüsker Dü. "Os Planetas son probablemente o grupo indie máis importante e nótase que os escoitamos, pero escoitamos moitas cousas", matiza.

O estilo de disco é máis aberto, con trompetas, acordeóns e incluso maracas, que se suman a unhas guitarras lúcidas e potentes. "Estivemos recuperando grupos do brit pop, pero gústannos moitos grupos británicos dos 60 e os 70, e incorporamos un pouco de todo", segue explicando.

Son etiquetas, igual que a autoimposta de power–pop, estilo que preconizan e que Martin Wu define con moita claridade. "Etiquetámonos co nome de power–pop, pero que é iso: melodía e enerxía", resume.

Outra das etiquetas polas que lles preguntan é polo feito de cantar en galego."Manda truco que sexamos exóticos no noso propio idioma", di Martin Wu. A normalización chegará ó galego cando se perciba como algo habitual que un grupo de amigos decidan cantar na lingua do seu país, na súa propia, calquera estilo musical. Aquí vivimos un doce momento para a lingua de Rosalía, na que podemos degustar o hip hop de Dios Ke te Crew, o funky de Cornelius, o pop verbeneiro de Lamatumbá e o power pop de The Homens. Só a fin da conversa xira en torno á socorrida pregunta sobre o emprego do galego, que por certo tampouco aparece moito nos suplementos musicais da prensa. "Este é un momento prometedor porque hai propostas con visos de callar", comenta.

O grupo é un defensor das Creative Commons –que propugna a transmisión de contidos libres pola rede–, polo que sempre colgou os seus temas na súa páxina electrónica. Conciliar este costume coa sinatura e coa discográfica Falcatruada foi "condición sine qua non". De feito, agora mesmo calquera pode baixarse os seus temas en lugar de ir á tenda, aínda que se perdería
dous temas só incluídos no cedé e no vinilo. "Para que a xente escoite os temas e os coñeza, e se lles apetece mercar o disco e ir a un concerto, que o fagan", di.

A arañeira constitúe un eixe fundamental para acadar a industrialización da música galega. "Atopar discos en galego na tenda debe ser normal, pero a rede e as discográficas non son incompatibles", apunta.

Dados a coñecer no underground galego, que agora habita a internet, Tres está recibindo excelente acollida por parte de portais especilizados, blogs e demais fauna do universo 2.0, o que non fai que perdan os papeis. "Facemos a música que nos apetece, pero sabemos o que hai. Tocamos porque nos gusta subir ó escenario e ir por aí dando concertos. O importante é pasalo ben e nótase que o pasamos ben", conclúe. O grupo celebrou unha festa de presentación o día 2 de novembro na Nasa xunto a Fanny e Alexander. E haberá sorpresas...

Dos saltos nun concerto ós matices

'Tres’ arrinca disparándolles ós nosos pés con Calamar, cun alento indie que nos lembra os Planetas, serve de single e está escrita para cantaruxar en directo mentres saltamos e cantamos: "Pa, pa, pa…". Cen días baixa as revolucións e deixa que a man de Santi García se note no son estupendo da guitarra. Pop puro. De novo xorden os Planetas e o son máis rasgado en Mr. Vai Mal, un canto ó pesimismo vital. Por primeira vez, a sección rímica do baixo e batería copan o protagnismo do tema, ata que unha parede guitarreira nos ofrece o retrouso de Monumento, que lle cantaremos á nosa moza no directo: "os teus ollos de animal, gárdaos en calquera sitio, alí onde os poida atopar". Oh, son Oasis, non son os Homens comezado o reproche macarra de Mira por ti, que imaximos cantado por Liam Gallagher ameanzado que "de ti non vai quedar nada".

Metade do disco e o ritmo non baixa, mais si cambia de rexistro coa psicodélica Opositora que ben puido ser composta mentres reescoitaban o Stg. Pepper’s. O lado máis garaxeiro aparece coa festiva Monte Moriah e a acelerada Bolsa de Toquio, onde cotiza a xenreira, e mantense con Dance the troita, un aceno ó gusto culinario dun grupo autodefinido por momentos de grastro-pop.

Rumbo final e loa ó Tour de Francia de Pereiro que só se pode imaxinar como banda sonora dunha viaxe, quizais polo pop indie máis actual. Prende o sol pecha o disco cunha autoflaxelación lembrando a Teenage Fanclub ou The Delgados. O malditismo era o que lle faltaba. Xa o ten todo.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-11-2007 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer