Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Bravú: Misión cumprida
Aínda que certos indicios apunten nos últimos tempos a unha intención de rescatar este movemento cultural que reivindica «a aldea como escenario», os seus creadores e ideólogos dan aquela etapa por zanxada

Un disco de homenaxe aos Diplomáticos de Monte Alto e unha afluencia de máis de dúas mil persoas á última edición do Castañazo Rock, no que se xuntaron especialmente para a ocasión os membros do mítico grupo Os Rastreros, son indicios, segundo algúns expertos que observan o panorama musical galego, dunha certa intención de recuperar a destempo o chamado movemento bravú. Xa saben, aquela «paixón que queima o peito», como o definiu un dos seus grandes inspiradores, Xurxo Souto, que naceu oficialmente en novembro de 1994, tras un manifesto nunha aldea chantadina, e que demostrou empiricamente, que o galego si valía para o rock and roll nun momento no que as primeiras guitarras eléctricas comezaban a chegar ao mundo rural e xa se comezaba a falar de agro-rock. Os responsables daquel brote de enerxía e autoafirmación (agora din que un anuncio de Gadis é pioneiros, nesta reivindicación do orgullo como galegos, cando aínda podemos recordar aqueles slogans de Souto cos que recordaba os nosos respectables orixes aldeáns) que disfrutamos desde mediados dos anos noventa din que o bravú como etiqueta xa está morto, pois "argumentan" naceu cunha data de caducidade «e non pretendíamos imitar aos Rolling Stones». Sen embargo, consideran que o pouso que deixou o movemento na escena galega, o que poderíamos chamar posbravú (licenza da que se responsabiliza este xornalista) fai innecesario calquera intento de revitalizalo. O propio Xurxo Souto, un filólogo metido a artista multimedia e actualmente director de programas da Radio Galega, confirma esta idea de que cada cousa ten o seu tempo: «Creo que hoxe en día desapareceron aqueles tabús que identificaban o mundo urbano como o único lugar onde se podían facer cousas interesantes e que a lingua ou a mentalidade galega estaba rifada coas creacións artísticas modernas».

Mesmo Richi, membro de Os Rastreros e cabeza visible da organización de Castañazo Rock, ten moi claro que os obxectivos do bravú están cumpridos ?«o do outro día foi unha simple escusa para facer unha homenaxe aos Diplomáticos», asegura? e cre que non tería sentido unha volta atrás, máis alá da nostalxia que envolveu a última edición do festival que organiza: «Os grupos de hoxe xa non falan de bravú, pero moitos cantan en galego, sen complexos, utilizando instrumentos de folk ou estilos de música foránea para reivindicar a nosa idiosincrasia». Esta é a mesma idea que sostén Alberto Casal, membro do equipo que dirixe o programa de TVG Xabarín Club, por onde pasan moitas das promesas da música moderna feita en galego e autor do libro Rock&Grelos. «Cando fixen este libro, en realidade estaba preguntándome se era posible que o idioma galego e a música rock fosen compatibles: o tempo demostrou que si e a herdanza do bravú está aí. Grupos como The Homens o Meu o demostran. Richie, pola súa banda, recorda ademais, que o movemento se estendeu a outros campos. Porque o bravú, aínda que nunha lectura xenérica se asimila exclusivamente á música, acabou levando o seu espírito a facetas tan dispares como a creación literaria ou a escultura. Quén non ten escoitado que Santiago Jaureguizar é un escritor bravú, unha etiqueta que o propio escritor leva con orgullo: «Houbo un tempo en que o galego, na literatura, semellaba que tan só servía para falar de patacas, de caciques, de tristura... pero eu dábame conta, durante o meu traballo como xornalista polo mundo rural lucense, de que na vida cotiá da xente había moito máis, cousas curiosas ou mesmo divertidas, como aquela rapaza que lle poñía ás vacas música heavy para que deran máis leite». Esa nova percepción das cousas para un xornalista que ata o de entón tivera pouco contacto co mundo da aldea e o espírito aglutinador de Xurxo Souto, sempre disposto a introducir para a súa causa todo o que estivera dentro daquela «paixón que queima o peito», converteron a Jaureguizar nun escritor bravú, no estandarte do neorruralismo, algo que el agradece na actualidade, «porque para min foi unha oportunidade máis de darme a coñecer». Son practicamente as mesmas ideas que manexa o escultor Primitivo Lousa, que recorda que de pronto se atopou cun grupo de artistas nas máis variadas manifestacións que compartían unha mesma inquietude: «a reivindicación do ambiente rural». Lousa explica que non decidiu entrar dun día para outro no movemento bravú. «Foi máis sinxelo que iso, dinme conta de que había xente coma eu, cunhas preocupacións semellantes, como a de beber do mundo que tes máis achegado, usar os recursos propios da túa contorna ou tratar de superar o illamento ao que te ves sometido porque non vives nunha cidade».

Un problema de etiquetas
O artista chantadino pensa, en calquera caso, que houbo «demasiada presa» por decidir quen podían ter esa etiqueta de bravú e quen non. Aínda que non o di explicitamente, semella como se a loita polo negocio económico ou as oportunidades que podían xerarse grazas a pertenza a este movemento cultural, que chegou a ter unha revista propia editada por Xerais, puideran telo debilitado. O membro do grupo compostelán Túzaros deixábao claro hai algún tempo nas páxinas deste xornal: «Moitos aproveitaron o tema do bravú para atopar un posto de traballo».

Primitivo Lousa ten unha visión máis amable do asunto: «Supoño que habería que ter deixado máis tempo para que os artistas se definisen, e, ao non facelo, o movemento tamén morreu demasiado cedo e non se puideron sentar as mellores bases para o futuro». Lousa se refire, por exemplo, aos problemas que seguen tendo os grupos de música para actuar nos pequenos concellos. Non é o caso de Pobra de Brollón, onde teñen de concelleiro de Cultura a Xabier, un compoñente do xa desaparecido grupo bravú Yellow Pixoliñas (cando menos eles se consideraban como tales, aínda que houbo quen os excluíu: unha vez máis o perigo da endogamia á que apunta Primitivo Lousa) que na actualidade compatibiliza a súa responsabilidade municipal coa participación no grupo Capitán Sonoro. «Se decidín entrar en política ?conta? foi precisamente porque sufrín os obstáculos que as institucións poñían para que a xente máis nova puidese tocar, e non falemos xa se se trataba de actuar na Televisión Galega, un terreo acoutado ás vellas glorias». Xabier pensa que o movemento bravú deixou un pouso importante, «a aldea como referente» e que nesta idea xa non hai volta atrás: «Agora mesmo non hai unha fin de semana que non toquemos, montouse unha rede de locais de ensaio e mesmo iniciativas como a do Igaem, que non discriminan aos grupos en función do idioma no que cantan, son moi beneficiosas».

www.lavozdegalicia.es







Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 28-11-2007 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Enhoraboa pola páxina.

Anímame a volver a visitala a cotía. Están actualizados os temas mu#blgtk08#sicáis, ainda que son de máis o norte ( Muxia.para outros temas.

Repito.
Enhoraboa.
Comentario por antonio (28-11-2007 18:33)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer