Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Que pasará cos Furanchos?
Á procura da 'reconversión' dos furanchos

A partir da próxima campaña, os 'furanchos' non poderán vender alimentos elaborados no propio local nin tampouco viño embotellado, só de pipote. Ademais, estes establecementos terán un período límite de apertura en función de cando rematen o excedente de viño.

A Xunta pretende aprobar o xoves da próxima semana o Decreto de ordenación deste tipo de establecementos que abren uns meses ao ano para dar saída do viño sobrante da colleita. O obxectivo é "acabar cunha situación na que os furanchos terminan sendo restaurantes", explicou o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, quen puxo de manifesto que esta normativa se realiza en coordinación coa Consellería de Medio Rural e de Sanidade. Actualmente, calcúlase que existen uns 800 destes establecementos, sobre todo nas Rías Baixas.

Evitar a 'competencia desleal'
Blanco asegura que o regulamento dos furanchos respectará a tradición que supoñen, pero regulando o seu funcionamento para que "non se transformen noutra cousa" e deixen de ser unha "competencia desleal" con outros locais de hostalería. Polo tanto, pasan a ser un novo grupo de establecementos turísticos de restauración, diferenciándose dos bares, cafeterías e restaurantes.

Así, os "furanchos" terán que obter autorización de apertura e clasificación turística e licenza municipal, á parte de acreditar cada ano a declaración da produción de viño ante a Consellería de Medio Rural. Os establecementos deberán ter iluminación e ventilación natural, o viño non poderá ser embotellado, só de pipote, e os alimentos que se acompañen terán que cumprir normas de etiquetaxe e procedencia, sen que poidan ser elaborados no propio local.

Para unha maior seguridade na prestación dos servizos, este tipo de establecementos terán a obrigatoriedade de contratar unha póliza de responsabilidade civil que cubra danos por un mínimo de 90.000 euros.

En igualdade de oportunidades
Ademais de estaren sometidos á normativa turística, estarán suxeitos ás normas municipais, sanitarias e de accesibilidade, para ofrecer garantías de igualdade de oportunidades con outro tipo de establecementos, cos que actualmente compiten con vantaxes aproveitando "o baleiro legal" existente, segundo explicou o conselleiro.

Blanco ten claro que esta nova regulación suporá unha redución do número de "furanchos", xa que algúns acabarán converténdose en bares e outros desaparecerán por non cumprir a normativa. O próximo ano, a Consellería de Innovación, Industria e Turismo ten previsto realizar 150 inspeccións sobre este tipo de locais.

Ata o de agora non contemplados pola normativa
Ideados como locais nos que os viticultores se desfacían dos excedentes de viños das súas colleitas, os furanchos derivaron nalgúns casos en establecementos 'fóra da lei', que ofrecen comidas e banquetes sen as licenzas obrigatorias para bares e restaurantes.

Os furanchos predominan nas Rías Baixas, desde O Porriño ata Valga, e nalgunha parroquia de Betanzos (A Coruña). A progresiva "dexeneración" da súa finalidade orixinal, así como a contratación irregular de personal e a falta de garantías sanitarias na manipulación de alimentos, levou á intervención da administración.

"Igual que existen sidrerías en Asturias, aquí podemos ter loureiros e furanchos, pero debemos expulsar aos establecementos ilegais que usan esa denominación", manifestaba o director xeral de Turismo, Rubén Lois. A decisión de incrementar a vixilancia destes locais tomouse de forma definitiva despois de que a Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra denunciara, a principios de xullo, un incremento do número dos furanchos en situación ilegal.

José Magaz Ledo, presidente da patronal pontevedresa, asegura que son moitos os que ademais de viño da casa serven "comidas e organizan banquetes sen estaren autorizados; esta situación supón unha forte competencia realizada de forma ilegal e que está a afectar ao sector".

www.xeracion.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 21-11-2007 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer