Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Retranca, a nova revista de humor
Os quioscos galegos xa teñen á venda o primeiro número da revista ‘Retranca’, unha publicación mensual, dirixida e editada por Kiko da Silva, que pretende recuperar a tradición humorística galega. Escrita integramente na lingua do país e coa participación dos grandes nomes do humorismo galego, o proxecto intentará analizar, con bos chistes gráficos, dos que fan pensar máis que rir, a actualidade do país, sen censuras e con conciencia crítica. Atentos todos os poderes, non se librará ninguén

Lerasnos de morto, se non nos les de vivo. Con este lema sae á rúa o primeiro número da revista de humor gráfico galego Retranca. Apadriñada pola Santa Compaña e cunha tirada mensual de 8.000 exemplares, a 2,20 euros cada un, o proxecto vén cubrir un baleiro que había no país. Kiko da Silva, o seu director e editor, con ampla experiencia previa neste tipo de publicacións, desvela os segredos do proxecto.

¿Como xurdiu a iniciativa?

É un proxecto ó que lle levaba dando voltas hai un ano. Xorde das miñas experiencias como profesional dentro doutras revistas, como Golfiño, Mister K, El Jueves, nas que aprendín como funcionaba unha revista. Parecíame que había un baleiro dentro do mercado galego moi apetecible, o das revistas de humor, xa que nestes momentos, dentro do Estado, só hai unha, que é El Jueves, á que lle vai bastante ben, pero que se centra en temática estatal, as cousas máis locais pasan desapercibidas nela. En Galicia ocorren moitas cousas e case nunca teñen transcendencia nos medios estatais pero si que teñen moito interese e demanda de información por parte da xente de aquí. Daquela, decidín botar a andar o proxecto e creo que é o momento idóneo, xa que estamos nun momento clave para Galicia, de cambio, no que temos que facer que todo o que nos falta na nosa terra cambie para mellor e a única maneira de cambiar as cousas é creando opinión.

¿O humor crea opinión?

Claro. O humor é unha maneira de facer opinión non bélica, senón desenfadada para que o intelecto non sexa sisudo e non bote para atrás á xente. Nós queremos crear opinión e debate non só nos que se dedican ás tertulias e ó xornalismo senón na xente da rúa que ó mellor non está tan ó día das noticias nin da política nin dos problemas sociais que nos rodean.

Digamos que ‘Retranca’ vai ser ‘El Jueves’ galego...

A xente compárao porque é á única revista que hai no mercado, pero nós collemos moitas referencias tamén doutras publicacións que xa non existen, como Hermano Lobo ou La Codorniz, nas que tamén hai moita presenza de texto literario, algo que comezaremos a usar no número dous. Será un suplemento dentro da propia revista, parodiando un xornal, onde vai predominar o texto. En Galicia non só hai bos debuxantes e humoristas gráficos, senón tamén bos humoristas literarios. Temos como referencia as mellores revistas, pero queremos xerar unha completamente distinta, e facela collendo as cousas que son os nosos fortes en Galicia, un tipo de humor moi determinado, uns temas distintos ós do resto do Estado e facendo seccións que poden funcionar moi ben aquí. Por exemplo, temos unha que é A Telegaita, e é que só temos unha televisión pública en Galicia e nunca se parodiou. Tamén queremos facer parodia de todos os nosos costumes. Hai unha sección que se chama Temas de Hoxe, que fan Leandro e Alberto Guitián, na que se parodiarán desde os costumes clásicos ós máis actuais dos galegos, desde beber en cuncas de barro o viño, ou facer botellón aínda que chova a chuzos e faga un frío que pela ata a matanza do porco... consiste en darlles a volta ós nosos tópicos e rirnos de nós mesmos.

Trátase de recuperar a tradición humorística galega que había. ¿Estaba perdida?

A retranca non é algo malo nin temos por que perdela. Ultimamente había uns artigos e declaracións pululando por aí de Barreiro, Manolo Rivas e Xaquín Marín, que abrían un debate intelectual sobre se a retranca era boa ou mala e se os galegos tiñamos que seguir téndoa ou non. Iso non se escolle. A retranca tela e non podes prescindir dela. E é que criticar a retranca xa é ser retranqueiro e entramos no bucle de non desfacernos nunca dela. É algo noso. Sería como se naces en Sevilla e queres quitarte o acento andaluz, é unha estupidez, estás loitando contra algo que é natural e que non ten nada negativo. O que nos falta ós galegos é estar orgullosos das nosas raíces e orixes e explotalas e demostrar que non por ter esas raíces somos peores que a xente doutros sitios e non ten nada malo recoñecelas. Á parte disto, agora as orixes globalízanse e custa máis que as costumes sexan puros, pero podemos evolucionar a retranca galega dunha maneira natural e lóxica e coherente cos nosos tempos. Ademais, a retranca tampouco é tan galega como pensamos e está presente en moitos sitios. De feito, na revista publica xente de Granada, de Madrid, de Colombia, e teñen retranca, ás veces, incluso máis que os propios galegos.

Ou sexa que iso de que a retranca só se entende en Galicia non é certo...

Iso é un tópico. De todos os xeitos, si que é certo que hai distintos tipos de retranca e os galegos temos un sentido de facer humor moito máis de dobre sentido e de mala hostia que no resto de España, algo que ó mellor fóra de aquí non se entende e por iso se di que cando un galego fai humor, a xente de Madrid ou de Barcelona non se decata, aínda que non sexa retranca, pode ser ironía ou unha forma de ver a vida distinta. Á parte diso, os chistes de Castelao beben do humor gráfico de Alemaña e incluso dalgún autor ruso e hai humoristas españois que teñen moita retranca e usan como referencia a Castelao. É un tipo de humoris-mo, que á parte de facer rir, fai pensar, e ás veces, cando o humor fai pensar, a xente tómao en serio, aí está a diferenza, en que hai humoristas que van máis alá e intentan facer crítica social ou crear debate.

A revista é toda en galego, malia ter colaboradores de fóra...

Trátase de normalizar a edición en Galicia. Sempre estamos coa problemática do idioma e esta é unha revista para os de aquí e non ten lóxica facela noutra lingua, xa que se ti tes unha gheada ou un seseo e á hora de facer humor o traduces, estás desfacendo a maneira de falar que puidera ter un galego e probablemente os chistes en castelán non terían ningunha graza. Traducindo ó galego a xente de fóra facemos tamén que a edición teña maior interese, é unha promoción da nosa lingua.

Na revista van participar os grandes nomes do humorismo gráfico galego –Miguelanxo Prado, Manuel Rivas, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Kohell, Leandro, Luís Davila, Andrés Meixide, Alberto Guitián, Jacobo Fernández e os colectivos Pestinho+1 e Reizentolo–. Tivo moi boa acollida o proxecto no sector...

Si, o sector entregouse, toda a xente coa que quixen colaborar dixo que si e moitos outros que quedaron fóra, xa que a revista ten páxinas limitadas e non podían entrar todos os que me gustaría, pero esperemos que dure o suficiente para que por Retranca pasen todos os humoristas gráficos galegos e dar unha visión global. Os que están agora son unha boa selección e variada. A min interesábame mostrar as distintas xeracións e as distintas maneiras de entender o humor gráfico en Galicia e mostrar que se podía facer unha publicación de calidade con xente de aquí.

Un dos grandes problemas dos proxectos deste tipo é o financiamento. ¿Como se subvenciona ‘Retranca’?

Subvención non ten, por lóxica. Retranca pretende ser unha revista sen cancelas e sen ningún tipo de censura e penso que os cartos públicos non se deben de usar para criticar a xente que os está utilizando despois para levar o país adiante. Retranca sobrevivirá coa aceptación do público, dos lectores, e coa publicidade que teñamos nela, e logo, se hai algún concello que queira publicitarse, benvido sexa, pero que saiba que non vai quedar libre de crítica. Aquí trátase de facer humor de actualidade e satírico-político. Tamén, por iso, este proxecto leveino a cabo eu só montando unha editora propia, xa que tampouco tiña sentido levalo a unha editorial tradicional, nas que si que as subvencións lle serven de grande axuda. Eu non lle vou pedir a un editor que se meta co poder para que despois perda a subvención de quenda e fastidie todo o seu proxecto editorial. Creo que unha revista así pode ter saída e sobrevivir sen axudas públicas, ó mellor estou equivocado, pero hai que intentalo. O que si está claro é que hai demanda dunha publicación así, a resposta foi inmellorable e estamos sorprendidísimos da cantidade de xente que nos escribe, nos pregunta e está pendente desta revista e iso quere dicir que hai interese polo debate, polo que sucede e polo humor en Galicia.

Ou sexa que ti recoñeces que meterse co poder trae problemas...

Non. Eu recoñezo que a ningún político lle gusta que lle critiquen o que fai. É algo lóxico, a ningún de nós nos gustaría que houbese unha publicación que nos estivera poñendo a parir. O que pasa é que o político representa os cidadáns e os cidadáns temos a posiblidade, nunha democracia, de poder facer crítica e humor e sátira de como están barallando o futuro do noso país. Nós pretendemos ter a máxima liberdade posible, non queremos nin que os que están no poder estean tranquilos nin os da oposición, queremos que todos estean expectantes a ver con quen se mete Retranca e teñan coidado porque se fan algo mal vai saír na revista. O humor está para iso, para que os políticos pensen dúas veces o que fan e din. Ultimamente, parece que os políticos son máis humoristas ca nós, dannos os chistes feitos, realmente, deixannos pouca marxe.

Este primeiro número comeza forte, dedicado ó feísmo e con póster do Rei incluído. Tal e como está o panorama estatal en torno á monarquía...

O póster do Rei é unha homenaxe ós compañeiros de El Jueves, desde o humor máis retranqueiro que hai. Está feito para criticar esa paranoia das imaxes. É bastante ridículo o debate ó redor dunha foto de papel, xa que temos problemas máis importantes que que uns rapaces se poñan a queimar dúas ou tres fotos do Rei. Non creo tampouco que o humor gráfico teña que ser censurado como o foi en El Jueves coa portada dos Príncipes. Estamos nun Estado de Dereito, Democrático, que non debería de perder o tempo con humoristas que o único que fan é sátira política e non se vai acabar a democracia por un chiste. Hai miles de problemas máis importantes para meter nun xuízo rápido. Hai miles de mulleres que son maltratadas e que non teñen a posiblidade de que un xuíz tome a iniciativa de denunciar o home que lle zosca e, non obstante, os xuíces si que dan o paso para a Realeza aínda que ela non se vexa aludida ou non denuncie nada.

Nace ‘Retranca’ e ábrese unha luz. Ultimamente, estábase a falar de crise no humor gráfico galego. ¿Ti que pensas?

Aquí temos sempre a tendencia a ser catastrofistas e negativos, ou nos vai todo caralludamente ou nos vai todo de pena. É unha cuestión de momentos e xeracións. En Galicia necesítase botar adiante unha nova xeración, levamos cos clásicos moitísimos anos e fai falta un pouco máis de aire fresco para que os clásicos sexan coñecidos pola xente nova e á vez a xente descubra que hai máis humoristas gráficos en Galicia, que ó mellor non son coñecidos, porque non teñen publicacións onde saír. O elenco de Retranca percorre varias xeracións con esa idea.

¿Vívese ben de ser humorista?

Eu levo once anos e pico vivindo de debuxar non engorda, a verdade é que peso moi pouco, pero iso é unha vantaxe. O humor non engorda é un grande slogan, aínda que si que dá para vivir . O problema que ten esta profesión é que é moi escrava. Vives da actualidade e de estar pegado ás últimas noticias e a tecnoloxía fai que as noticias nazan en 20 segundos e morran en 30. Os humoristas gráficos volvémonos cada vez máis tolos, porque podes estar facendo o chiste dunha noticia e vinte minutos máis tarde xa non val porque se lle deu a volta á noticia ou hai outra máis importante. É complicado facer humor gráfico de actualidade, pero ten un lado moi positivo, que é que todo a mal xorne que podes ter cando te ergues, en vez de ir ó fútbol a fin de semana a quitar o estrés, nós quitámolo facendo chistes. É certo, coñezo moi poucos humoristas gráficos ós que lles guste o fútbol e é por iso, porque xa non teñen estrés para ir quitalo ó campo de fútbol.

¿Pódesme adiantar algo de a que estará dedicado o segundo número de ‘Retranca’ que sairá en decembro?

No primeiro falamos do feísmo e no segundo tamén, pero do feísmo cultural, imos tratar a Cidade da Cultura.

Pois moi ben, ¿algo máis?

Animar a todos os que queiran que Retranca dure moitos anos a que vaian ó quiosco ou se subscriban e que teñan en conta que nos van ler de mortos se non nos len de vivos.

¿En todo caso, a que sobreviva a revista axudará a Santa Compaña, ¿non?

Si. De feito, escollemos a Noite de Samaín para botar a andar este proxecto porque unha revista que nace ten moitas posiblidades de morrer, porén, se nace morta, vai ser moi complicado que a maten. Esa é a pretensión de Retranca, nacer morta para durar ata a eternidade.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 13-11-2007 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer