Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Fía na Roca
Con case dúas décadas de traballo ás súas costas, o grupo Fía na roca é un referente imprescindible da música folk galega. Sempre inconformistas e arriscados, a súa traxectoria está marcada polos continuos cambios e evolucións. Desde o seu nacemento, o grupo apostou pola procura de vieiros e xeitos de expresión musical afastados, máis que intencionadamente, dos xa percorridos por outras formacións. A súa inicial vocación de grupo instrumental trocou coa chegada de Sonia Lebedynski; unha muller que, tras colaborar con Susana Seivane, achegou a Fía na roca uns novos horizontes sonoros que na actualidade son extensamente aproveitados polo grupo. O éxito comercial que, paradoxicamente, nunca antes fixo xustiza á gran calidade da proposta musical de Fía na roca, de seguro que os acompañará nesta nova andaina na que aspiran a conquistar os mercados internacionais. Co único dos músicos fundadores que segue en activo no grupo, Xosé Ramón Vázquez, repasamos a actualidade de Fía na roca e falamos do seu novo disco: Vente Vindo.

Neste novo disco de Fía na roca hai moitas novidades, entre elas algúns cambios entre os compoñentes do grupo. ¿Que pasou?

A finais do verán de 2005 producíronse novos cambios no grupo. Un dos puntais do Proxecto Fía, Xabier Bueno, decidiu dedicarse a novos retos profesionais fóra do mundo da música. Tamén Cris Gándara tomou unha decisión similar. Cubrimos as dúas vacantes coa entrada de Roberto Rama (gaita, low whistle e saxo), que substitúe a Xabier e reforza a ligazón de Fía co mundo tradicional, e de Xabier Olite (baixista e ex compoñente da Psicofónica de Conxo), que cubre o oco deixado por Cris e chega experiencia e peso á nova formación. Isto dos cambios na formación é xa unha característica propia da casa; Fía Na Roca mantense, ao longo dos anos, máis como un proxecto musical aberto que como un grupo de persoas concretas. Non obstante, catro dos actuais membros levan no grupo máis de dez anos; á parte de Sonia, que está en Fía desde o ano 2001. Iso nótase e moito, cada día sentímonos máis grupo e os nosos lazos afectivos e musicais son máis estreitos. Isto permítenos afrontar retos como a gravación deste disco, que noutro contexto sería impensábel.

Unha das renovacións ou novidades que achega este novo traballo ten que ver coa propia estética do disco ¿non?

Si. Despois do anterior traballo, Dez anos ao vivo, parecíanos que era un bo momento para renovarnos, mesmo esteticamente. O "envoltorio" do novo disco achega cor e optimismo a esta nova etapa, fuxindo unha vez máis dos tópicos estéticos do folk.

Ao incorporar no grupo a un compoñente cunha voz tan fermosa como a de Sonia, o lóxico era sacarlle todo o partido posible. ¿É esa outra das novidades que nos ofrecedes?

Vente vindo é un disco feito cun novo enfoque, de xeito distinto aos nosos traballos anteriores. Nos primeiros discos faciamos música instrumental, aínda que a partir de Contravento, coa chegada de Sonia, comezamos a introducir algúns temas cantados no repertorio. Co paso do tempo o canto foi cobrando un maior protagonismo dentro do grupo e agora damos un xiro importante porque dos 14 temas, 10 son cantados. Isto dános pé a abordar un aspecto da música tradicional galega que tiñamos pouco traballado e permite que manexemos un repertorio máis amplo.

é un disco feito cun novo enfoque, de xeito distinto aos nosos traballos anteriores. Nos primeiros discos faciamos música instrumental, aínda que a partir de coa chegada de Sonia, comezamos a introducir algúns temas cantados no repertorio. Co paso do tempo o canto foi cobrando un maior protagonismo dentro do grupo e agora damos un xiro importante porque dos 14 temas, 10 son cantados. Isto dános pé a abordar un aspecto da música tradicional galega que tiñamos pouco traballado e permite que manexemos un repertorio máis amplo.

O voso obxectivo foi sempre o de ofrecer unha música actual, baseada na nosa tradición musical. Esa tradición ¿está máis presente neste novo disco?

Posiblemente si. Moitas das pezas proveñen de coplas tradicionais, aínda que sempre están tratadas e reelaboradas desde o noso punto de vista. Desde os primeiros tempos do grupo pensamos en crear unha proposta musical baseada na música tradicional galega, pero que fora máis aló, sen limitacións formais nin estilísticas. Sempre pretendimos ser heterodoxos, xa que case ningún de nós viña do tradicional e era o que nos apetecía facer, pero con todo o respecto do mundo pola tradición e a xente que traballa nela. Tampouco contamos contos, a nosa música non é tradicional pero ten moitos elementos tradicionais dentro dela que, xunto coas nosas achegas, lle dan un carácter e unha personalidade propias. Como sempre, hai unha mestura de tradición, arranxos e composición que se funden en cada unha das novas pezas e ao longo de todo o disco.

Ademais de renovar o folk galego, musicalmente ¿sempre vos estades renovando vós mesmos?

Pretendemos non estancarnos, non acomodarnos nin vivir de rendas. Este grupo foi sempre un proxecto musical, por riba de todo, que ata agora deu moito traballo, poucos cartos e algunhas satisfacións. Doutra banda, é lóxico que ao longo dos anos vaian mudando os proxectos vitais dalgúns compoñentes e que se vaian producindo alguns cambios na formación. O mesmo acontece coa música que facemos, que procuramos que sexa nosa, que estea dentro da nosa liña, pero permitindo que vaia evoluíndo en cada novo disco; de xeito que nos guste a nós, nos ilusione e nos motive para seguir facendo cousas.

Desgraciadamente ata agora, Fía na roca foi sempre de moi alta calidade, pero de relativo éxito comercial; pero do que sempre puidestes presumir foi de contar cun gran número de fans incondicionais. Este golpe de temón na traxectoria, ¿pensades que é do seu agrado?

Polo que nos contan e polas mensaxes que deixan na nosa web, semella que si. Penso que estarían menos contentos se comezaramos a facer versións de nós mesmos, a repetir o que xa temos feito. Unha persoa á que lle guste Fía ten asumido que non somos un grupo conservador, que na nosa proposta artística vai incluída unha certa dose de risco e de inconformismo. Por suposto que unhas pezas gustarán máis e outras non tanto, pero iso xa vai depender de cada persoa. O que está claro é que somos pouco calculadores e cando facemos pezas novas non estamos pensando no éxito nin na acollida comercial que poidan chegar a ter. Iso, no mundo de hoxe, ten o seu valor e hai xente que o recoñece e o estima.

Máis novidades; nesta nova entrega hai moito máis traballo conxunto no que se refire á parte creativa ¿non?

É certo, tamén no aspecto creativo hai novidades, xa que neste disco foi todo o grupo o que participou na elaboración da música, a diferenza de anteriores traballos nos que todo xirabaa arredor dalgúns membros moi concretos. Por fin, varios dos músicos de Fía deron un paso adiante e asumiron responsabilidades creativas, o que deu como froito un disco máis variado e no que se funden ideas de máis persoas.

Para a gravación deste novo traballo quixestes recuperar un xeito de traballo que semellaba bastante esquecido, o de gravar todos xuntos nun "directo de estudio". ¿Por que esa decisión?

Desde o noso anterior disco (gravado en directo real, auténtico e con público) reflexionamos bastante sobre a conveniencia de seguir facendo os discos de estudio do xeito convencional, é dicir, gravando cada músico por separado, por pistas. Parecíanos que ese sistema non era o máis acaído para nós, por ser lento, caro e cuns resultados correctos pero fríos. Este xeito de gravar foi importado fundamentalmente do pop e chegou a se converter nun estándar en todo tipo de música que non fose a clásica ou o jazz. Pero nós decatámonos de que unha toma de son xeral, con todo o grupo tocando xunto, tiña moita máis forza emocional e interpretativa que a gravación por pistas.

¿Cales son os inconvenientes e cales as vantaxes de gravar dese xeito?

Isto obriga o grupo a ensaiar e saber tocar as pezas antes de gravalas e non despois, como acontecía antes. Así, no momento de gravar todo está moito máis rodado e nótase no resultado final. Xa que, grazas aos ordenadores, hoxe o mercado está cheo de discos perfectos, sen nengún fallo audible, pero aos que lles falta a forza da interpretación colectiva, decidimos arriscar e facer un disco con algús erros pero que soara verdadeiro. Penso que conseguimos as dúas cousas. Os inconvenientes deste sistema son que o grupo ten que ensaiar moitos meses antes de gravar e ser quen de tocar de verdade as novas pezas, como nun concerto.

¿Tivestes que repetir moitas veces? ¿Canto tempo vos levou a gravación?

As tomas son xerais, polo que non se corrixen fallos de ninguén en concreto. O que se fai é gravar a peza repetidamente ata que sae ben, así de simple. As avantaxes son a rapidez de gravación (Vente vindo gravouse en catro días) e os resultados musicais. As tomas teñen moita máis forza e soan máis reais e verdadeiras.

¿Satisfeitos co resultado final?

Estamos moi satisfeitos sen caer na autocomplacencia. Sabemos que todo é mellorable e exercemos a autocrítica como xeito normal de traballo. Somos moi conscientes do que non quedou ben de todo, pero unha vez feito o disco procuramos ver máis o que ten que o que lle falta. Tampouco se pode un obsesionar coas perfecións, porque se non estariamos gravando a mesma música toda a vida. Para Fía, un disco non é unha obra trascendente senón máis ben unha foto musical dun momento concreto da vida do grupo. Nese senso, Vente Vindo achega un novo camiño, novas ilusións e a posibilidade de darnos a coñecer polo mundo coas forzas renovadas.

O disco en xeral é un auténtico goce para os sentidos, pero unha peza en concreto chama moito a atención, a que titulades Diferenzias. Contádenos a peculiar historia dese tema.

Unha liña de traballo que vimos mantendo desde hai anos é a de poñer en valor obras de compositores galegos clásicos, a maioría delas moi descoñecidas e que son pequenos tesouros agochados da música galega. Fixémolo con Xoán Montes, Mauricio Farto e, neste disco, imos un paso máis alá facendo unha versión da peza Diferenzias sobre la gayta (Variacións sobre a gaita), que nos chegou en forma de manuscrito datado en 1706 e que atopou o noso ex baixista e amigo, Cris Gándara, na Biblioteca Nacional en Madrid. Está composta polo organista de Alcalá de Henares Fray Antonio Martín y Coll, e nós propoñemos a hipótese de que este home escoitou tocar a gaiteiros galegos da época e decidiui facer unha composición tomando prestadas algunhas das melodías que lles escoitou. É incríble escoitar nesta peza de hai 300 anos algunhas melodías que se seguen a tocar hoxe en dia e que aparecen máis ou menos recoñecibles nos cancioneiros galegos.
Unha peza formada por unha alborada e unha muiñeira, digna de escoitar con cariño. Facer esta caste de "descobrementos" énchenos de satisfación.

De datas de concertos ¿como van as cousas?

Bastante ben, para o que é a media histórica de Fía, e penso que iremos a máis. Outra novidade desta etapa é a nosa axencia de contratación, Abada, que acaa de encher un oco fundamental para o bo funcionamento do grupo. Están a traballar sobre todo de cara ao mercado exterior e estivemos a comprobar, ao longo deste ano, que podemos facer moitas cousas fóra de Galiza. Na música galega hai un tremendo déficit de comercialización e temos que pelexar por venderlle a nosa música ao mundo. Se non tomamos conciencia disto, teremos grupos de primeira orde tocando soamente en Galiza. Isto non é bo e impide a viabilidade dos grupos, porque o gran "problema" da música galega parece ser o exceso na oferta de grupos. Ninguén sabe o porqué, pero o caso é que en Galiza hai talento e creatividade en abundancia, polo que temos que pensar dunha vez por todas en termos globais e non locais para mover os grupos.

Neste verán tivestes a oportunidade de participar no Festival de Lorient. Para vós, participar nun festival desa categoría ¿ten algo de especial?

Si, ese festival en concreto é moi especial. Foi unha grande oportunidade para asomar a nosa música a un público esixente e con moito criterio. Demos tres concertos e tivemos unha moi boa acollida, xa que Fía é recibido como algo novo e con peso propio. Alédanos ver que a nosa música conecta moi ben con públicos de todo tipo e procedencia; e tamén nos enche de ilusión ver que alí se valora moito o que facemos. Agardamos que se abran outras portas a partir de Lorient e tentaremos saír polo mundo o máximo posible.

Sen desmerecer a ningún deles, pero entre un festival multitudinario, no que o público chega a converterse nunha masa impresionante, e un festival deses máis "familiares", nos que o público pode non ser tan numeroso, pero si máis próximo ¿en cal vos sentides máis cómodos?

Cada cousa ten o seu atractivo e as duas formulacións poden ter o seu espazo. En xeral, Fía ten tocado moito máis en festivais medianos e pequenos que en grandes eventos musicais. O problema do folk é que non é unha música de maiorías. Isto para nós non é ningún problema, pero se un festival aposta pola cantidade, necesariamente vai ter un público diverso que
nunha boa parte non acode pola música. É dicir, que se ao público dun festival non lle interesa a música dese festival, pois mala cousa. Daquela, nós o que dicimos é que preferimos menos "masa" e máis interese polos artistas que tocan.

Neste novo traballo tamén musicades textos de autores galegos ¿non?

Si. É outra cosa nova para nós, a de musicar textos. Estreámonos cun clásico de Rosalía, Noite negra, e cunha adaptación de textos de Rafa Villar, Casa ou sombra.

Este novo disco ¿a través de que canle o ides distribuír?

Este disco foi editado por nós mesmos e ímolo distribuír a través de Lonxa Cultural, unha plataforma de distribución acabada de crear que pode ter moita importancia na comercialización da música galega.

¿Pódese mercar tamén a través da vosa páxina web?


En formato dixital si; e tamén están as ligazóns para atopalo en CD. De todas maneiras, está ben distribuído nas tendas de discos e superficies comerciais.

Esa páxina tamén se anovou?

Estamos tentando dar moito pulo á nosa web, tanto no deseño como nos contidos. Queremos ofertar algo atractivo e dinámico, no que haxa descargas de vídeos, música e máis cousas. Gustarianos que a nosa web sexa unha forma de comunicación cos nosos seguidores, cos programadores, xornalistas, etc. Está tendo boa acollida e pensamos que aínda terá moita máis importancia no futuro. Máis información en: www.fianaroca.com

www.elcorreogallego.es

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-11-2007 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer