Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Proxección de documental no Casco Vello de Vigo
A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello organiza a proxección do documental “A Cidade Perdida” do director Miguel A. Romero, interesante traballo sobre a historia arquitectónica industrial de Vigo, unha mirada que non nos queda tan lonxe e que índa trae complicados intereses creados, como no caso do solar da Panificadora, en pleno centro de Vigo.

Documental “A Cidade Perdida”
Día: Venres, 26 de outubro
Lugar: Salón de actos do Centro Cívico Casco Vello, rúa Oliva 12
Hora: 20:00


Sinopse do documental:

O auxe económico que experimentou a cidade de Vigo a principios do século vinte atopou reflexo na construcción de multitude de factorías industriais que conformaron, co paso do tempo, a paisaxe da urbe. Edificios como a Panificadora, a Metalúrxica ou a Fábrica de almacenaxe de Santa Clara, respondían na súa concepción primixenia a unha nova vontade do arquitectónico, na que o vangardismo tivo un especial protagonismo.
Milleiros de persoas, de traballadores, desenvolveron a súa vida laboral nestes complexos contribuíndo co seu traballo ao crecemento e benestar dos cidadáns de Vigo. A historia da nosa cidade, dos nosos pais ou dos nosos avós é a historia destes edificios.
O esquecemento, a especulación urbanística e a indiferencia pola historia fai que as poucas factorías de principios de século que aínda quedan en pé estean a piques de desaparecer....

O vangardismo arquitectónico practicado a principios do século vinte na cidade de Vigo dá testemuño do dinamismo e receptividade dunha urbe que empezaba naquel momento a realizar o seu despegue industrial. Daquela, moitas empresas optaron polo cambio nos conceptos arquitectónicos ata entón tradicionais das súas fábricas. O emprego de novos materiais na construción e a pureza nas formas, fóronse impoñendo grazas a influenza do vangardismo arquitectónico europeo.


Así, a tradición da arquitectura industrial en Vigo seguiu a evolución –ás máis das veces con detalles propios-, do que ían sendo as discusións desenvolvidas en Europa arredor do que se concibía como unha nova rama da arquitectura: a industrial. Discusión fundamentalmente artellada polo movemento moderno, Vigo recolleu a pegada visible das teses de Walter Gropius e da Bauhaus, tanto en edificios de vivendas como en arquitectura industrial.

A tradicional estética da "fealdade" da cidade, coas súas grandes superficies fabrís sen ornamentación e o emprego constante do formigón armado, non só gardan a personalidade propia que ten acadado Vigo, senón tamén parte da memoria arquitectónica industrial colectiva.

O racionalismo –incluido dentro da arquitectura moderna-, que durante máis de corenta anos foi a dominante europea e que creou escola tamén nos Estados Unidos, tivo o seu pequeno reflexo na cidade máis nova e a que acollía a un maior número de xente de Galicia. Vigo, que precisou tanto do funcional, apenas vela hoxe pola historia desta arquitectura e é doado atoparse con impresionantes edificios en ruinas que teñen por destino a demolición. En concreto, o obxecto deste documental é poñer en valor dous destes edificios. Unha cidade como a olívica, para a que a arquitectura industrial é un dos máis claros compoñentes da súa fisonomía, debería ser consciente deste patrimonio e desentrañar o valor histórico e artístico dos seus edificios:

A Panificadora ou Fábrica de Fariñas é un exemplo de arquitectura industrial único en Galicia. Ergueito o seu impresionante perfil no centro da cidade, o seu aspecto mudará en breve porque só se respectarán –a isto sí obriga a lei- a cheminea e os silos. A fábrica de almacenaxe de Santa Clara, cronololóxicamente posterior, é o exemplo das teses racionalistas que artellaron nos anos vinte a arquitectura industrial. O futuro inmediato desta fábrica é, asímesmo, a demolición.

As opcións que se suxiren no documental son pois a recuperación destes edificios como parte do patrimonio histórico de Vigo, e a rehabilitación e restauración como reflexo da madurez da súa propia sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-10-2007 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer