Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Pablo Seoane
“Fluíndo en pechado”

O santiagués Pablo Seoane debuxa no seu segundo disco o “toque pechado” dos gaiteiros galegos. Logo de comezar a súa relación coa música tradicional cando só tiña oito anos, na actualidade, imparte clases na Escola de Música e Baile Tradicional do concello de Santa Comba, na Asociación Xeitura de Esteiro-Muros ou no Centro Vicente Vidal de Rianxo. “O presente da gaita é noso e temos que traballalo”, asegura este músico

O gaiteiro compostelán Pablo Seoane reivindica, no seu segundo traballo discográfico, o tradicional "toque pechado" dos gaiteiros galegos. A súa relación coa música e o baile tradicional comezou no Centro Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras cando tiña 8 anos de idade. Tras 18 anos de relación artística con ese centro, formou parte do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia de Compostela e, na actualidade, imparte clases na Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Santa Comba, na Asociación Cultural Xeitura (de Esteiro – Muros), na Asociación Folclórica Ximiela (de Louro – Muros) e no Centro Cultural Vicente Vidal (de Leiro – Rianxo).

Para aqueles que non son gaiteiros, e non teñan idea do que é cada un, explícanos as diferenzas entre o toque aberto e o pechado.

A diferenza entre o aberto e o pechado é que o segundo produce a sensación visual de que os dedos, a medida que van subindo ás notas altas, van tapando os buratos na parte baixa do punteiro; dando a sensación de que o gaiteiro, cando toca, mantén os furados sempre pechados. No aberto isto non pasa porque a man que vai abaixo mantense aberta cando non se produce ningunha nota con ela. Poderiamos definir o pechado coma un sistema de dixitación baseado na procura dos sons puros, a precisión nas entradas das notas e a simplificación dos saltos entre elas.

Na actualidade e facendo referencia ao título do teu novo disco, entre os gaiteiros galegos ¿que tal vai fluíndo o pechado?

Ben, creo que os gaiteiros xa non son tan reticentes como antes ao emprego desta dixitación. Ademais, hai xa algúns concursos nos que se valora moito ese xeito de tocar e a xente prepárase ben. Temos moi grandes gaiteiros neste país.

No eido do seu ensino ¿como andan as cousas?

Moi ben. É unha dixitación que se vai usando moito e que moitos gaiteiros xa están metendo nas súas clases. Eu sempre procuro ensinar o aberto e o pechado; despois, que sexa o alumno quen decida cal prefire empregar para cada tipo de peza ou situación.

Este segundo disco teu levaba bastante tempo gravado, pero semellaba que había problemas para conseguir a súa publicación, ¿que foi o que pasou?

O disco rematouse en abril do 2006 e saíu á venda en xuño do 2007. O meu primeiro traballo foi editado por Clave Records cos que sempre tivemos un trato correcto, de feito son eles os que nos amplifican actualmente. O que pasou é que neste traballo, nós fixémolo todo, apostamos por facer unha autoedición e ser os donos do noso traballo. O tempo dirá se acertamos ou non.

Fálanos das diversas fontes que foron orixe das pezas incluídas neste novo disco.

Sempre procuro botar man das miñas recolleitas e complementar o traballo con temas que me resulten vistosos e que dean xogo co noso xeito de interpretar. Incluímos pezas do arquivo de Cántigas da Terra, do Cancioneiro de Perfecto Feijoo e algunhas recolleitas coas que me obsequiaron Serxio e Carina Fragoso (de Bos Aires) e mais o grupo Ruote.

¿Ségueste dedicando ás recolleitas?

Actualmente moi pouco, posto que non chega o tempo. Entre o meu traballo como artesán, no Obradoiro de intrumentos Sanín, as clases e as actuacións, case que non hai tempo para tomar un respiro, e ás veces fai moita falta pra poder traballar ben.

De todas as experiencias que tes vivido e sentido nas recolleitas ¿cal é a mellor lembranza?

O mellor é cando, despois de ter feito unha recollida, pasa un tempo e volves visitar e esa xente, comprobando que xa son uns amigos máis. Tocarlles unha peza que aprendiches deles e que te feliciten porque a interpretas como eles o facían é moi gratificante, faite sentir parte deles.

Á hora de reunir as pezas do disco e decidir cales serían gravadas ¿seguiches algún criterio determinado?

Non, simplemente fomos configurando un repertorio que resultase variado, vistoso, principalmente bailable e que nos fose posible levar a un escenario e presentarllo ao público.

Fálanos dos músicos que colaboraron na gravación deste novo traballo.

A gravación foi feita, como grupo base, grazas a axuda de Edelmiro Fernández no tambor e na caixa, Josele co clarinete, requinto e saxo alto, Xan Pampín co acordeón, e eu mesmo coas gaita, o bombo e o bombo con pratos. Logo contei coa colaboración do grupo Ruote nas voces, Nacho Ramos, Geranio Torreiro e Nano Ruibal tamén nas voces e Oli Xiráldez na frauta e zanfona.

Actualmente ¿en cantas actividades musicais paralelas estás implicado?

Pois actualmente, e ademais dos grupos que dirixo e dos que me sinto compoñente, continuo a traballar no eido máis tradicional co grupo Os Enxebres de Cacheiras. En paralelo, estou promovendo unha serie de concertos e clases didácticas dirixidas á xente que, dun xeito ou doutro, quere coñecer un pouco a nosa música e a nosa cultura en xeral. De feito, o vindeiro 29 de setembro estarei en Madrid, facendo este tipo de actuacións. As veces é moito traballo, pero eu síntome un privilexiado.

Recentemente estiveches novamente no Festival de Lorient ¿que tal foron as cousas por alá?

Moi ben. Para min era xa a sétima vez que acudía a ese festival, unhas veces como concursante no trofeo Macallan, outras coma xurado do mesmo e outras como integrante de Os Enxebres de Cacheiras. Pero como grupo, e levando o meu nome era a primeira vez. O certo é que os concertos que demos tiveron moi boa aceptación por parte do público. Apostamos por una posta en escena moi áxil, bailable e moi, moi dinámica. Ademais contamos coa ventaxa de que o público xa tiña referencias de nós e o seu pulo foi de agradecer. O disco vendeuse moi ben e o festival, a través dos seus responsables, fíxonos chegar a súa felicitación.

Do presente e do futuro da gaita e dos gaiteiros galegos ¿cal é a túa valoración?

O presente da gaita é noso e temos que traballalo. Desde todas as partes implicadas: mestres, alumnos, asociacións, concellos, etc. Creo que as bases están postas para poder poñer a gaita no lugar que se merece e do que nunca debeu ser sacada. O futuro penso que é esperanzador, estase traballando moito na nosa música en xeral, hai moi bos intérpretes e xa temos os primeiros titulados superiores en gaita. Os intérpretes están moi preparados e os concursos acadan cada vez un maior nivel. Ademais, empezan a saír á venda bos libros para o ensino do instrumento e a editarse bos traballos de recolleita. Creo que estamos no bo camiño.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 28-09-2007 09:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Ese Pablo!!

O ghatillo máis rápido de Cacheiras#blgtk08#.
xa lle roubaremos mais lomo a Dani Bellón.....jojojo
Comentario por (28-09-2007 19:22)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer