Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Hoxe aniversario, XXV anos de BNG |
|
 O sábado será a festa celebración, mais hoxe cúmprense 25 anos da constitución do Bloque Nacionalista Galego en Riazor, nunha asemblea na que se iniciou un camiño que acabaría levando o nacionalismo ao goberno galego.
O nacionalismo galego moderno comezou a camiñar o 26 de setembro de 1982 na Coruña. Por suposto, xa estaba aí antes, estivera durante anos loitando por procurar un sistema político que de verdade supuxese unha ruptura coa ditadura franquista, pero chegaba a 1982 necesitado de novas estratexias, unha vez asentada a democracia e posto en marcha o Estado das Autonomías. Era necesario un mellor instrumento para mellor influír na sociedade. A Asemblea de Riazor foi o primeiro paso dun camiño de 25 anos que acabou unificando a todo o nacionalismo galego en torno a unha única marca electoral, e que acabou levando ao BNG ao goberno da Xunta. En Riazor escoulleuse ademais o nome da nova organización así como gran parte do sistema de organización interna que estivo vixente durante máis de vinte anos.
O nacionalismo galego, que fóra construíndo nos últimos anos da ditadura unha base social masiva, presente en case todos os sectores da sociedade a través dunha gran pluralidade de organizacións, e presente nas rúas en frecuentes demostracións de forza (Xove, Baldaio, 25 de xullo...), chegaba a 1982 nunha situación de crise. A posta en marcha dunha autonomía na que as forzas ?propias? tiñan moi pouca participación, o ambiente político de persecución dos partidos nacionalistas xerado despois do 23-F, unido á cada vez maior fragmentación do nacionalismo galego, sumido en inertes debates ideolóxicos e loitas persoais, facían necesario camiñar cara á unidade, cara a unha fronte política que permitise transformar a forza social do nacionalismo en forza electoral e nunha maior presenza na sociedade.
Riazor foi o primeiro paso dun longo camiño que levou o nacionalismo ás institucións, a ter poder real de decisión a partir dos primeiros anos da década dos noventa. Riazor trouxo un cada vez maior pragmatismo fronte a maximalismo, e unidade fronte a fragmentación (a dispersión da oferta ideolóxica nacionalista foi un dos seus grandes problemas en 1981). Ao longo da Transición as forzas nacionalistas adoptaran decote posicións maximalistas, confundindo de continuo táctica e estratexia, afectadas en moitos casos por unha radicalidade teórica que os afastaba da realidade do país. Estes e outros factores impediron que a base social do nacionalismo crecese e convertese en forza electoral os avanzados sentimentos identitarios agromados na sociedade galega dende 1975, postos de manifesto durante as mobilizacións do 4 de Nadal de 1977 e 1979 a prol da autonomía ou en diversos estudos de opinión pública. Cando se avanza cara a un ideal remoto, se este está moi afastado, pode chegar a resultar difícil mesmo establecer se o paso dado nos achega o nos afasta del.
Porén, ese maximalismo entrou en Riazor nunha dialéctica coa realidade, unha dialéctica ademais entre a lóxica da representación (relacionada coa fractura política pola que xorde o partido) e a lóxica da competición (vinculada á maximización do apoio electoral). Este nacionalismo populista de raíz marxista flexibilizou as súas posturas e chegou á teoría do proxecto común. En paralelo, o Bloque, dende os últimos anos oitenta, comezou a transformarse para se converter nun partido de cadros, atopando a súa militancia cada vez menos entre os campesiños, obreiros ou mariñeiros, e cada vez máis entre as clases medias asalariadas urbanas ou neourbanas, nos white collar.
1982: O camiño que levou a Riazor
Así chegaba o nacionalismo galego a 1982, con numerosas liortas nos distintos grupos que conformaban o movemento nacional-popular, como a AN-PG (críticas internas en marzo de 1981), BNPG (demisión en outubro dun grupo de concelleiros encabezados por Manuela Fraguela, Xulio Rodríguez ou Teresa Conde-Pumpido) e INTG, cuxo secretario xeral Francisco García Montes pedía unha meirande independencia con respecto ao Bloque. As tres crises resólvense coa expulsión de cinco membros do Comité Central da UPG. En xullo de 1981 Pedro Luaces, Secretario Xeral da UPG, que avogaba por superar o modelo de organización frentista e camiñar cara á formación dun partido que xuntase a UPG, ANPG e PSG, demite e é substituído por Francisco Rodríguez.
A UPG celebra en xaneiro de 1982 o seu III Congreso. A lista de Rodríguez resulta triunfadora dun congreso que renova o 50% dos membros do Comité Central e que aposta pola constitución dunha ?ampla fronte patriótica?. Entre os convidados aos debates está o PSG, que en abril celebra o seu propio congreso, apostando igualmente pola formación desa ?fronte patriótica?. En maio celébrase a primeira xuntanza encamiñada a conformación desa fronte, na que participan UPG, PSG, Galicia Ceibe (no que militaba Méndez Ferrín), AN-PG, Colectivo Asamblea de Nacionalistas Galegos (formado por ex militantes de UPG ou a ANPG como Manuela Fraguela ou Francisco García Montes), o Colectivo Libertario Arco da Vella, así como grupos de independentes da Coruña e Santiago (neste último incluíronse, por exemplo, Xosé Manuel Beiras ou Ramón Muñiz). A fronte debía construírse sobre unha estrutura de partidos e organizacións sociais, mais tamén sobre unha estrutura asemblearia, na que cabían estes independentes. Así, en xullo fíxose pública unha lista de nacionalistas independentes, entre os que estaban, alén dos xa nomeados, Margarita Ledo, Ramón López Suevos, Encarna Otero, Elvira Souto ou Ramón Valcárcel. Os únicos que en principio fican fóra do proceso son Esquerda Galega, o Grupo de Nacionalistas de Esquerda de Pedro Luaces, así coma a Asamblea de Nacionalistas Galegos, que se retira en xullo, que acusa á fronte de indefinición ideolóxica e de servir unicamente de ?plataforma de lanzamento duns poucos partidos?.
En xuño apróbanse os principios organizativos e ideolóxicos da fronte, entre os que destacan a reivindicación do dereito á autodeterminación de Galicia, o antiimperialismo, e a renuncia a unha formulación explícita de independentismo. O BNG aspiraba (do mesmo xeito que tamén o fixeran a ANPG e máis o BNPG) a ser unha sorte de comunidade que encarnase a nación galega en marcha, formulada en clave de fronte interclasista de liberación. Finalmente, o 25 e 26 de setembro celebrouse en Riazor a Asemblea na que nacería o BNG. Culminábase deste xeito un proceso que se iniciara co acordo de BNPG e PSG en 1980 ao redor da Mesa de Forzas Políticas Galegas e que aspiraba a reeditar o espírito unitario que caracterizara ao Consello de Forzas Políticas Galegas en 1976 e á AN-PG nos seus inicios. O camiño cara á unidade non se producía unicamente no eido político, senón tamén no sindical. En outubro de 1980, ING e CTG acordaran fusionarse, adoptando o nome de Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG), cunha representación do 17,49% dos traballadores de Galicia. O proceso de converxencia culminou en 1982 coa integración da Confederación Sindical Galega (CSG), formando a INTG-CSG.
En Riazor aprobouse o funcionamento interno que estaría vixente do BNG, con algunhas modificacións, até a asemblea de decembro de 2006. Tamén se decidiu a denominación final da fronte; ademais da proposta que finalmente resultaría elixida, defendida por AN-PG e UPG, debatéronse outras, como "Galicia Unida" (proposta por Galicia Ceibe e independentes como Encarna Otero), "Frente de Unidade Nacionalista" (PSG), "Pobo Unido" ou "Frente Nacionalista Galego". Outra das decisións que se tomaron foi a conveniencia de que o BNG concorrese aos comicios xerais, autonómicos e municipais, opción que resultou elixida fronte á proposta do grupo de Méndez Ferrín de concorrer unicamente ás eleccións municipais, ou a dos grupos libertarios, que propugnaban que o BNG fixese campaña pola abstención. Tanto Galicia Ceibe coma o colectivo libertario Arco da Vella decidiron nese momento abandonar o proceso de constitución. Pola contra, neses instantes finais da asemblea a AN-PG anunciaou a súa autodisolución, integrándose os seus militantes na forza política que viña de nacer.
O BNG saíu de Riazor camiñando.
Para ver o artigo completo:www.gznacion.com |
|
|
|
2 Comentario(s) |
|
1 |
Parabéns por este Aniversario.
Se non houbese BNG habería que inventalo.
"Non lle poñades tachas á obra namentras non #blgtk08#se remata. O que pense que vai mal que traballe nela. Hai sitio para todos"
Castelao
Adiante co BNG!!!
|
|
|
Comentario por Xan de Arzúa (26-09-2007 21:03) |
|
|
2 |
A cultura en Galicia - Querida Ánxela:
Eu tiña un soño, soñaba que a cultura neste país galego collería un rumbo distinto, e cando me refiro a distinto, non penso en deixar de facer o que o PP no seu momento facía ben.
Onde quedou o traxe tradicional galego? Gustaríame unha resposta, eu, e como min moitos e moitas amigos e amigas do traxe, non a atopamos. Non fai falla que sexa de palabra, cun feito sobraba.
Pensaba verte algún día vestida de galega, galega que sempre defenderon mulleres como Rosalia de Castro ou a grandísima Emilia Pardo Bazán. Si, si, ela non o visteu, pero defendeuno e impulsouno falando del, para que nunca quedase esquecido. Hoxe en día, o traxe tradicional galego, segue a ser do último que e#blgtk08#n cultura se fala, eu polo menos non me enterei. Somos oito artesáns do traxe, e polo que a min se refire síntome moi defraudado de que nunca se contase con nós para implicar ao ben amado traxe patrimonial. Publicanse libros, con que rigor? danse coferencias, quen as imparte? e non falemos dos presupostos que nos piden aos talleres para confeccionar traxe galego:
-Hola, chamo do centro galego de... Precisamos un presuposto para pedir unha subención á Consellería de Cultura. Pois ben, eu dou o presuposto, pero: quen fai a roupa? quen fai o seguimento de que eses cartos se empregan para ese fin e que o traballo se lle da aos artesáns que figuran no rexistro xeral de artesanía de Galicia da Conselleria de Innovación e Industria? |
|
|
Comentario por (11-02-2009 13:24) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|