Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

THE HOMENS: Entrevista e novo disco
www.gznacion.com

Volve o home, os homens, mellor dito. No 15 de outubro The Homens publicarán o seu primeiro álbum, chamado "Tres". Once novas cancións, despois dos dous ep's que levaron aos "tíos das raias" a se converteren en estandartes do pop-rock galego. A Roi, Xocas e Martiño coñécennos en todos os bares de Galiza, por tocar neles, como é obvio. O pasado ano deron máis de corenta concertos, o que lles serviu para poderen pagar a gravación do seu LP. Foi en Catalunya, en San Feliu de Guixols, no estudio de Santi García. Alí Sandra Dee converteuse nun Calamar, single de apresentación que xa se pode ouvir libremente na páxina de Falcatruada. No 15 de Outubro estará nas tendas, en CD, en vinilo, e en descarga gratuíta na súa páxina. Este verán escoitei dicir que o máis importante de que houbese pop e rock en Galego era poder berrar, na nosa lingua, “Non podo máis” nun concerto de rock. Nun concerto de The Homens.


A primeira pregunta é obrigada: Por que cantades en Galego? Cando dades o salto ao castelán?
... (Silencio. Sorprendido e incómodo)... Martiño: Por favor, non...

Non, é broma. Supoño que cada vez vos fan menos esa pregunta, non? Sinal de normalidade, de que comeza a ser habitual que se faga música en galego en todos os estilos, tratando todos os temas...
M: Eu aspiro a que a pregunta desapareza por completo, a que sexa totalmente normal. Para nós é algo absolutamente normal, é o noso idioma, é o que mellor dominamos e por iso nos manexamos en Galego.
Roi: O fundamental é iso, que se diversifique, que se use o Galego en todos os estilos, e xa está pasando.

Sacades o disco no 15 de Outubro, mais xa subistes á rede esta semana unha canción nova: “Calamar”,... vai ser o primeiro single?
Xocas: É bastante probábel, é a canción que abre o disco, e é probábel que sexa o single.

Terá vídeo, finalmente? Creo que estabades gravando un...
X: Estabamos facendo un, pero retrasouse todo, non o temos aínda e realmente non sabemos se se vai editar finalmente ou non. Non temos plantexado nada aínda, pero supoño que algo faremos.
M: Os tipos de Audiência Zero estaban traballando nun vídeo, para “Ungría”, pero levan bastantes meses con iso, e creo que quedou un pouco parado...

Tamén lle podedes pedir a algún fan que vos faga un vídeo, como xa pasou con Uh, Uh, Uh, que fixeran un clip en Ribadeo...
R: Si iso estaría xenial. Fíxate por exemplo en Modest Mouse, que non fan vídeos, son os fans quen llos envían.
X: Bueno, a nós mandárannos un vídeo dende Alemaña, un rapaz que fixera un mesturando dúas cancións nosas: “Non podo máis” e outra. Estaba guai, eran dous gusanos de plastilina que namoraban... Ou se non, chamamos a Michel Gondry e que nos faga un
R: Si, facendo un cubo de Rubik cos pés... (risos)

O disco vaise editar en varios formatos, non si?
M: Si, ímolo sacar en vinilo, cunha edición moi coidada, cun póster, e cun cd coas canción ripeadas en mp3, serán unhas 500 copias de inicio; tamén en cd, unhas mil copias para comezar. E despois poderase descargar libremente na nosa páxina, como sempre.
R: Os prezos serán moi asequíbeis, ademais. En principio o vinilo vai estar nos 18 euros e o CD en 10, e o CD ten unha edición moi coidada.

Cantas descargas tivestes dos dous primeiros ep's?
M: Non o sei, varios miles, pero non o sabemos. Do segundo ep vendemos máis de mil copias só nos concertos.
X: Iso é unha mostra de que é compatíbel oferecer gratis as túas cancións e seguir vendendo discos
R: Iso entendérono moi ben en Falcatruada, que apostaron moi forte polo vinilo
X: O vinilo é o formato do futuro. Os discos pasan a ter un valor obxectual
R: Non lembro a cifra de descargas. O que me sorprendía era que tiñamos moitísimas visitas dende Xapón e de feito as nosas cancións podíanse descargar en varias páxinas xaponesas

Pois se vos convertides nun grupo de culto en Xapón, tedes a vida asegurada...
M: Si, imos de xira: Live in Japan, he, he...

Como foi a gravación en San Feliu de Guixols?
M: Foi de puta madre
R: Fantástica, mellor do que esperabamos, incluso...
X: Moi ben, moi ben. Iso vaise notar no disco, que damos un salto cualitativo en canto a son. Gravar quince días con todos os medios e cun tipo que controla tanto como Santi (S.García, voz e guitarra de No More Lies) e o seu irmán, dáche un acabado moi bo.

Modificou moito a idea que levabades?
M: El é un tipo que ten mogollón de talento, non só para sacar sons, senón para ver cousas: “molaba un arreglito aquí”
X: Nós levabamos unha pregravación, e os nosos arranxos, pero el claro que contribuiu, porque é un monstro.

Como era un día normal na gravación? Cantas horas estabades alí?
X: Era unha xornada de sete horas, pola mañá e pola tarde. Cunha dinámica de traballo cojonuda, estaba todo moi ben planificado.

A gravación foi moi perfeccionista? Repetistes moito as cancións ou houbo primeiras tomas?
M: Non, o que pasa é que o disco levábamolo moi traballado xa.
R: Tamén foi moi distinto o proceso de gravación. Normalmente gravabamos todos xuntos, tamén por cuestións de tempo, e a gravación era moi rápida, o primeiro ep fixémolo nun día e o segundo en dous días. E esta vez foi por partes.

No disco hai máis instrumentación,... colaborou xente no disco, tocando estes instrumentos?
X: No disco colabora Eugeni Bigas, que toca as trompetas en tres temas, e Cristina Pujol, que meteu o acordeón en dous temas, e o propio Santi, que meteu unhas percusións e un glockenspiel, que é como un metalófono pequeno.

Levabades aforrando un tempo para gravar o disco. Non sei se pode dicir canto vos custou a gravación...
X: Costounos dous anos de aforrar, de tocar por aí.
M: Fundimos todo, até a última peseta. De todos os xeitos non nos valeu máis pasta que se tivesemos gravado aquí
R: Tamén os cartos eran para estar aí, tranquilos...

...e comer de restaurante e non de bocadillo...
R: Iso é fundamental neste grupo
M: Até catro quilos engordei... (risas)

Podedes adiantar as cancións que entran no disco? Cantas son?
X: Gravamos trece, mais van once no disco, tamén polo asunto da duración do vinilo, que é limitada. Son todas novas, e xa as estivemos tocando este verán. E despois hai dúas que nunca tocamos en directo.

Coas que non entraron no disco ides facer algo? Un ep?
R: Temos un proxecto de gravar un ep conxunto con Samesugas, con catro cancións, unha nosa e outra deles, e despois nos versionaremos unha canción deles e eles unha nosa.

Para cando?
X: Decembro, ou Xaneiro, pero aínda non é seguro.

E despois do disco,... xira?
M: Agora teñen que saír as datas
X: Temos que planificalo e comezaranos a chamar
R: En novembro comezaremos a andar por aí

Porque,... cantos concertos fixestes nestes meses?
M: No último ano corenta e pico

Un grupo faise nos bares?
M: Evidentemente, e de feito nótase. Cando levas un tempo sen tocar é coma os futbolistas, fáltache ritmo de partido.
X: Ademais nós somos da idea de que hai que estar coa xente, e hai que dar concertos. Se non, para que o fas? Non tería sentido. Ademais, nós levamos xa bastante tempo na música, e temos moitos contactos. E sempre hai xente que te chama dun sitio e doutro.

Compénsavos? Como o compaxinades cos vosos traballos?
M: Compensa. É que estar aí arriba tocando, no escenario, para min é o mellor, é o que nos compensa os quince días anteriores que estivemos nos nosos traballos.

Haberá concerto de presentación?
R: Haberá unha festa, pero aínda estamos mirando que facer. Algo que sexa especial, algunha colaboración...

...A festa non será en Capitol...
R: ...Creo que non chegamos a tempo. Eu de todos os xeito tampouco estou seguro de que Capitol deixe de dar concertos. Ao mellor é unha manobra, para presionar.

Como vedes a oferta de salas para tocar en directo en Galiza?
M: Nese sentido esta cidade é unha puta miseria...
R: Ben, en Compostela aínda hai un par de salas grandes...
M: Non Roi, agora non vai haber nada en Compostela, aparte da Cidade da Cultura. Vou montar unha plataforma en contra das plataformas a favor e en contra.
X: Compostela ten o problema dos espazos medios. Ou te vas a capacidades de máis de 200 persoas ou nada.
M: En Compostela a única alternativa de lecer e tempo libre que existe é chuzarse; e iso conseguírono a base de cortarlles as ás a calquera que intenta facer cousas. Se iso é o que queren, facernos unha panda de chuzas, de puta madre.

Que opinades das iniciativas postas en marcha pola Xunta: a Rede Galega de Salas e a Rede Galega de Locais de Ensaio?
X: O primeiro paso está dado, os locais de ensaio, porque ademais críase unha dinámica de relación entre os grupos. Agora hai que potenciar uns criterios mínimos para mellorar a rede de salas.

E o papel da TVG e a Radio Galega? Están apoiando como deberían?
X: A radio máis que a tele, hai varios programas, con bastante éxito, e que xa se están estabilizando na programación.
R: O tema da tele, da posibilidade de crear un programa de música, parece que non están pola labor, polo que me comenta xente que está aí
X: E na tele tampouco lle costaría tanto. Simplemente con ir cunha cámara gravando polos locais de ensaio..., xa non estou dicindo que fagan un Chambo...
R: ...que tampouco lles costaría moito.

Estivo o intento este de “LUBA”, no que actuaban grupos...
X: ...Si, non estaba mal, integrar actuacións nun programa para xente nova, pero tamén desapareceu.

E Radio Galega Música?
R: ...Está Radio Oceánica...
M: Si, é que o interesante é que haxa programas como ese, e non como até agora, que é un fío musical sen moito xeito.

O novo goberno está cumprindo as expectativas? Está apoiando ao movemento asociativo, ás agrupacións culturais, á xente?
X: Unha sociedade, canto máis artellada está socialmente, mellor funciona a todos os níveis. Por unha banda débese incentivar iso, e non creo que iso sexa un obxectivo do novo goberno. Afortunadamente a dinámica cambiou a nível social, e o cambio xeracional fixo que o movemento asociativo sexa hoxe moi forte en Galiza.
R: A nível político máis que apoiar, quizais teñen que deixar facer. Non pedimos cartos, senón que nos dean liberdade. Aquí, as iniciativas culturais están criminalizadas, case.
X: Aquí montas un concerto e venche a policía...

Entre os outros grupos galegos,... tedes algún favorito?
M: Os Samesugas, sen dúbida.
R: Son os mellores
X: Son uns auténticos monstros, son unha banda que ten un directo acojonante, e non teñen o recoñecemento que se merecerían, porque para min son a mellor banda de rock and roll de Galiza e das mellores da Península.

E dos grupos que están saíndo?
R: Pois o Projecto Mourente, que comezamos a facer cousas con el, e as súas cancións son incríbeis e, ademais, é un tipo xenial, encantador. E ben, démoslle o empurrón para que comezase a tocar en directo, ben, case o secuestramos...

De feito no concerto da Nasa, que foi a primeira vez que tocou con vós, unha hora antes do seu concerto, dicía: “non subo, non subo...”
M: ...E agora non hai quen o baixe (risos)

E a que grupo teloneariades?

R: Temos moita vontade de facermos algo con No More Lies, o grupo de Santi. Desde o comezo conectamos moi ben, e podería ser que viñesen por aquí e faríamos algo xuntos. Teñen unha filosofía moi parecida á nosa.

Estase a preparar unha homenaxe para Os Diplomáticos,... a que grupo galego homenaxeariades?
R: Os Fullsomes
M: Os Néboa
X: Dirty Barriguitas, Fame Neghra, os Eskornabois... Eses grupos que tocaron nunha época moi fodida, que estiveron resistindo, e que se nós estamos aquí é grazas a eles. Foron pioneiros e tiñan moita calidade. O conxunto de grupos dos noventa, e toda a estrutura que se criou, sen nengún apoio institucional ou político.
M: En Galiza houbo unha escena de hardcore moi potente, e nós mamamos de aí.

Como xurdiu a idea das camisolas de raias?
R: Foi casual. Martiño e eu tiñamos dúas camisolas iguais e mercámoslle outra ao Xocas. E funcionou. O que pasa é que agora non podemos vestir de raias pola rúa... (risos)

Cantas camisolas tendes cada un?
M: Agora quédannos poucas, un par a cada un. Hoxe encarguei unha ducia.

Contentos coa inauguración da nova sede da SGAE?
X: Creo que até nos van mandar un convite para irmos alí e todo
M: Ti sabes que ocuparon a beirarrúa? Aínda por riba nos quitan metros, vas camiñando por aí e de súpeto veste dentro do inferno. Vaia tropa... (risos)

www.gznacion.com


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-09-2007 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer