Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Documental Fronteiras
"FRONTEIRAS"

O DOCUMENTAL FRONTEIRAS, DIRIXIDO POR RUBÉN PARDIÑAS. TRÁTASE DUN PERCORRIDO POLOS LÍMITES XEOGRÁFICOS E CULTURAIS DE GALICIA, E NEL INTERVEÑEN POLÍTICOS COMO XOSÉ MANUEL BEIRAS, MANUEL FRAGA, ESCRITORES COMO XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN E ANXO ANGUEIRA, ASÍ COMO OS VECIÑOS DAS TERRAS ESTREMEIRAS DO EO-NAVIA (ASTURIAS), BIERZO (LEÓN), AS PORTELAS (ZAMORA) E PORTUGAL.

No debate sobre a que comunidade político-cultural deben pertencer as rexións fronteirizas, todo o mundo ten unha opinión: desde as polémicas rifas entre historiadores, filólogos e políticos, ata as posturas máis desdramatizadoras dos propios habitantes destas zonas. Todos eles falan en Fronteiras de como perciben o feito de que as divisións administrativas non coincidan moitas veces coas lindes culturais. O documental é un achegamento á construcción das identidades colectivas a través das comarcas estremeiras de Galicia en Asturias, León, Zamora e Portugal.

O documental, producido por Pasacana Films, patrocinado por AVID Technology e dirixido por Rubén Pardiñas, é un percorrido polas fronteiras socioculturais de Galicia no Eo-Navia (Asturias), O Bierzo (León), As Portelas (Zamora) e Portugal. O proxecto recibiu en 2006 o Premio Xpréssate en Tui´06 ao mellor proxecto de documental no Festival Internacional de Documentais de Tui Play-Doc e estreouse en 2007 no mesmo festival.
O filme inclúe entrevistas aos habitantes de vilas e aldeas como Vilafranca do Bierzo e Ponferrada (León), Ibias e El Franco (Asturias), Hermisende e Lubián (Zamora) ou Castro Laboreiro (Portugal). As opinións sobre a propia identidade resultan do máis variadas en todos estes lugares; hai dende quen explica nun galego impecable que el non ten nada que ver coa cultura galega, ata quen reclama a anexión a Galicia.

Recóllense tamén declaracións de políticos como Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga ou Maurício Castro, e de escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Lluís Álvarez ou Xavier Frías Conde. Destacados filólogos, como Francisco Fernández Rei, Xosé Lluís García Arias ou Ramón d´Andrés tamén aportan o seu punto de vista, ademais dos presidentes da Real Academia Galega e da Academia de la Llingua Asturiana, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Ana Cano. O historiador Justo Beramendi, o politólogo Álvaro Xosé López Mira e o gaiteiro Bieito Romero son algúns outros dos persoeiros que falan en Fronteiras.

O documental reflicte tanto a convivencia cultural como as polémicas que xurden desta situación de “transición”. Así como no Bierzo e nas Portelas o feito cultural galego está máis ou menos asumido, o verdadeiro conflicto se produce en Asturias, onde a Academia de la Llingua Asturiana nega que o que se fala no Eo-Navia sexa galego (nunha rifa que se reproduce no eido da música co conflicto entre gaita galega e asturiana). O documental explica, por exemplo, o cambio de opinión que unha parte importante da filoloxía feita en Asturias experimentou desde os anos 80 con respecto á galeguidade da fala do Eo-Navia.

Fronteiras fai tamén un repaso polo proceso de creación da Comunidade Autónoma de Galicia, e como os seus actuais límites administrativos quedaron fixados polas mesmas fronteiras que no século XIX deixaran fóra territorios como o Bierzo.

Outro asunto espiñento é a especial relación, tanto idiomática como cultural, de Galicia con Portugal. O documental plantexa (de novo a través do testemuño dos habitantes da zona e de especialistas) ata que punto a fronteira do Miño e a raia seca ourensá separan realmente dous países e dous idiomas diferentes.
Fronteiras inclúe temas de grupos como Siniestro Total, Os Resentidos e A Banda de Poi.

Rubén Pardiñas (Vigo, 1976) é Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, e comezou a súa andaina no audiovisual como director artístico. Paralelamente foi desenvolvendo unha sólida traxectoria adicada á crítica de arte contemporánea, eido no que gañou o XII Premi Espais a la Crítica d´Art e o II Premio CajaMadrid de Ensayo.


FICHA TÉCNICA
Guión e dirección Rubén Pardiñas
Produtores Miguel Gavito e Carlos Aguilera
Cámara e montaxe Carlos Aguilera
Son Daviz López
Duración 58´


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-09-2007 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer