Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Brais Monxardín

Interpretando unha aria de Bach e unha peza propia, «Aires de San Martín», vén de gañar o Constantino Bellón en Ferrol.

Monxardín, natural da Fonsagrada luguesa, toca a gaita desde que tiña 13 anos. Pero, como el mesmo sinala, o galardón gañado a noite do venres no Teatro Jofre de Ferrol, un dos máis prestixiosos premios da música tradicional galega, vaille franquear portas que ata agora estaban sen abrir.

-E a partir deste momento, ¿que...?
-O meu proxecto máis inmediato, máis alá dos concursos, é, ao tempo que remato a carreira de piano, cristalizar a creación dun grupo que aínda non ten nome, pero que se sae adiante terá gaita, frauta, percusión, guitarra e catro bailaríns.

-Aos 25 anos de idade, que son os que vostede ten, ¿que se lle pide á gaita na que un toca a Bach?
-Que o seu son sexa redondo e potente.

-¿Que sensación produce interpretar música tradicional no Jofre, nun «teatro á italiana» construído no século XIX?
-Eu nunca tocara alí, e impresiona ver toda aquela xente escoitando. O Jofre ten unha acústica perfecta, é un dos mellores lugares, dos que coñezo, que pode haber para tocar. E ademais é un espazo moi acolledor

-Toca desde neno. ¿Como empezou todo...?
-Empecei nunha asociación cultural da Fonsagrada, que se chama Antaruxas e Sorteiros. Empecei a tocar con Juanjo Fernández, un gaiteiro que tamén gañou un ano o Premio Constantino Bellón. E despois continuei a miña formación con Pepe Baamonde, que gañou o Bellón tres veces, e co que toco con frecuencia aínda hoxe, porque somos moi amigos e ademais temos un cuarteto, que se chama Seineira e do que tamén forman parte André Vilán e Manuel Sánchez Rei.

-Así que precedentes, co do Constantino Bellón, no seu entorno xa había...
-¡Vaia se había...! O Bellón é un premio moi buscado polos gaiteiros, sobre todo polo prestixio que conleva gañalo. Xa é un clásico. E del saíu xente moi importante.

-¿Confiaba en gañar?

-A sorte inflúe moito, e ademais todos os que están na final do premio son moi bos gaiteiros. Entón, nunca se pode falar de confianza. Porque entran en xogo moitos factores.

-¿Que futuro lle agarda á gaita galega?
-A gaita galega é hoxe un instrumento cheo de futuro, porque a xente tecnicamente toca cada vez mellor e ademais no instrumento está habendo unha evolución constante. Eu, por exemplo, no concurso de Ferrol toquei cun punteiro afinable, que é un invento de Lis Latas e de Pepe Baamonde, que che permite buscar a afinación a temperaturas moi variables. Porque xa sabes que a afinación de gaita é bastante complexa, e depende de cuestións como a temperatura ou a humidade, e entón isto permite afinar dun xeito máis preciso e rápido.

-Vostede fórmase academicamente no ámbito do piano...
-A formación clásica permíteme achegar novos elementos e novos recursos ao mundo da gaita, ao da música tradicional. E tamén unha perspectiva diferente, que enriquece. A fusión, se está ben feita, é benvida.

-¿Que é o que fai que as tradicións sobrevivan?
-Inxectarlles aire novo. Hai que buscar nas orixes, afondar no que antes se facía, pero non por iso se poden deixar de buscar cousas novas. Non se pode caer no inmobilismo, nin na monotonía. Todo está cambiando constantemente, e non se pode saber a día de hoxe como se tocará dentro de vinte anos. Os cambios, no estilo, son moi rápidos. Pero a liña é boa. Hoxe a gaita está chegando a mundos que ata hai ben pouco eran por completo impensables.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-09-2007 01:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer