O 16 de Xuño chega LOBOS o novo disco de DAVIDE SALVADO, unha das voces máis carismáticas da World Music. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas na busca de ritmos, coplas e danzas.
LOBOS está composto de 10 temas cheos de amor pola tradición, por Galicia, pola súa lingua e as súas xentes. Os lobos inspiran este disco como parte da Galicia máis pura e salvaxe. Está feito dende o corazón, é un agradecemento a todas esas pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é. E dende esa enerxía local a súa música transfórmase nun son global.
LOBOS, está producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful), e colaboran músicos do talle de Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrra), entre outros.
Davide foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de WOMEX 2014, a feira de World Music máis importante do mundo. Grazas a isto, conseguiu unha gran presenza nos medios especializados de todo o mundo e xa comezou a súa carreira internacional con datas confirmadas en festivais e concertos de diferentes países. En febreiro de 2015 editou o disco RÚSTICA (Fol Música 2015), un proxecto compartido xunto a Cristina Pato, Ánxo Pintos e Roberto Comesaña.