Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Gala XIII Premios Opinión (A Coruña)

A gala dos XIII PREMIOS OPINIÓN celebrarase o 30 de maio no Rosalía

Na cerimonia que premia aos mellores traballos do folk actuarán o gaiteiro Pablo Devigo, o cuarteto Saiva Nova, o trío PeldeNoz e Anxo Pintos acompañado pola voz de Serxo Ces


A décimo terceira edición dos PREMIOS OPINIÓN de música folk xa ten definido o seu programa de actuacións para a gala de entrega dos galardóns, que un ano máis se desenvolverá no teatro Rosalía de Castro. A data sinalada para festexar os mellores traballos da música de raíz elaborados durante o ano 2013 é a do 30 de maio, comezando o espectáculo ás 20.30 horas.

O ton das actuacións previstas aposta por amosar unhas caras diferentes do folk, afastándose dos canóns máis ortodoxos coñecidos noutras épocas para ofrecer unha variedade sonora que non fai máis que reflectir o que está a acontecer na propia escena musical galega ao longo dos últimos tempos.

Abrirá a noite o gaiteiro Pablo Devigo, un deses mozos virtuosos da gaita que honran ao instrumento tentando equiparalo a calquera outro. Gusta de emparellar á gaita co piano, unha parella de feito na música que está a dar froitos interesantes en Galicia. Devigo vén de gañar o prestixioso galardón Constantino Bellón e nese concurso amosou as súas grandes virtudes e enorme habelencia coa gaita ao interpretar un tema de Albéniz. Esa peza tamén se vai escoitar na cerimonia e vaise ser o punto de entrada perfecto para a segunda actuación da noite.

Ao longo destes anos, o público asistente tivo ocasión de escoitar moita variedade estilística enriba do escenario e nesta ocasión vaise tocar unha nova tecla sonora na historia da gala coa participación do cuarteto Saiva Nova. Será unha oportunidade para ver como se mestura o mundo da música clásica e as raíces musicais galegas. O grupo editou hai un par de anos o seu primeiro álbum, no que realizaban versións de pezas tradicionais galegas e de autores con vencellos a ese tipo de música. O cuarteto sabe unir con gusto e pericia eses dous mundos. Participaron como músicos no espectáculo Terra de Soños, que recuperaba con novos arranxos o repertorio máis coñecido do histórico grupo Fuxan os ventos.

Non será esta a única novidade estética que se vai propoñer na gala, xa que tamén haberá unha actuación ata o momento inédita na traxectoria dos galardóns. Os asistentes poderán escoitar unha vea creativa diferente dun dos mellores músicos do país. Anxo Pintos foi un dos sete compoñentes dos recentemente desaparecidos Berrogüetto e forma parte do trío Lizgairo. Ademais participa activamente nos traballos da orquestra folk SondeSeu, premiados en tres ocasións nos nosos galardóns. Por exemplo no álbum editado o ano pasado pola formación aparece o tema Sil lenzo, composición de Pintos, quen exerce como mestre na escola E_trad viguesa, lugar onde naceu unha orquestra composta fundamentalmente polo polo alumnado do centro educativo.

O artista realizou a banda sonora para unha curtametraxe documental de David Beriain titulada Percebeiros, no que o protagonista é Serxo Ces, cantante de Os Cempés que leva anos exercendo esa dura profesión. O músico vigués tocará as pezas que compoñen a banda sonora no escenario do teatro Rosalía de Castro e como broche final á súa intervención estará acompañado nun par de pezas pola voz de Serxo, quen interpretará a cantiga dos percebeiros coñecida xa de cando a comezou a interpretar hai anos cos Cempés.

O punto final da noite mesturará os elementos da tradición cos do jazz, outro estilo que tampouco tivera ocasión de ouvirse case nada nas doce galas de entrega anteriores. Co gallo da entrega do premio á traxectoria á musicóloga Dorothé Schuberth o grupo PeldeNoz interpretará algunha das pezas recollidas no monumental Cancioneiro elaborado pola suíza e Antón Santamarina, que formaban parte do repertorio da súa ópera prima editada hai dous anos. A formación tivo o mérito de facer convivir tradición e jazz dun xeito harmonioso, o que non resulta doado. O acordeonista Alonso Caxade fora finalista no apartado de mellor artista polo seu labor nesa obra.

Ese premio de mellor artista, xunto aos de canción orixinal e disco do ano serán os que se entreguen no decurso da cerimonia do 30 de maio.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 27-05-2014 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer