Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Concerto `descubrindo aos Trinta´ (Compostela)
Luns 26 de maio
Salón Teatro ás 20:00

O Salón Teatro acolle esta tarde un concerto organizado polo Proxecto de Recuperación Musical coa colaboración do Centro Dramático Galego co que se pretende dar a coñecer a música dunha agrupación de gaiteiros ourensáns de finais do século XIX, Os Trintas de Trives.

É a finais do século XIX cando se establece o nacemento dos Trintas de Trives, coincidindo coa chegada á vila ourensá do músico coruñés Ricardo Courtier (1865-1922). A finais da década de 1880, Courtier establécese na vila como músico e funda varias agrupacións, entre as que se atopan os famosos gaiteiros Os Trintas, arranxando e compoñendo obras que os Álvarez se encargarán de trasladar ás vilas galegas.

Acadan tal sona que son requeridos dende Cuba, para onde embarcan a finais de 1910, participando no Centro Gallego. Esta viaxe e a recepción dos exóticos ritmos de ultramar fan que pouco a pouco o seu repertorio vaia incluíndo ritmos foráneos (rumbas, tangos…) que se amalgaman coa música máis tradicional. A súa traxectoria tamén os levará a Barcelona, Madrid, Bilbao, Astorga,… incluso chegando a participar no acto de proclamación do monarca Alfonso XIII.

Os Trintas de Trives constitúen para a música galega un claro referente: por unha parte no que respecta a un tipo de agrupación estable, o cuarteto de gaita, requinto, caixa e bombo; por outra parte en canto ao versátil repertorio configurado por obras compostas expresamente para a agrupación por un compositor de sólida formación musical, arranxos de obras musicais de moda en España e Europa (zarzuelas, polkas, valses, …) ou aquelas de máis fondo sabor popular.

Catro persoeiros no mundo da música galega serán os responsables de achegarnos e de recuperar a música destes senlleiros gaiteiros ourensáns:
- Óscar Ibáñez (gaita)
- Fernando Abreu (clarinete en mi b – requinto)
- Andrés Vilán (caixa)
- Julia Feijóo (bombo)

Cunhas traxectorias coñecidas e recoñecidas no panorama musical galego, desta vez únense os catro para trasladarnos aos inicios daqueles xenuínos músicos profesionais e das músicas que espallaban cos seus instrumentos.

O obxectivo primordial de 'Descubrindo as Nosas Músicas' é dar a coñecer compositores, intérpretes e obras galegas de relevancia, achegando estas músicas á poboación e enriquecendo o legado musical. Trátase de conectar ao público coa súa historia e tradición musical máis próxima, facendo que o espectador sexa parte activa e implicada na experiencia; por iso, a interacción entre músicos intérpretes e estudosos faise imprescindible.


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 26-05-2014 15:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer