Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Participación no Womex 2014 en Compostela

O próximo venres 18 de abril remata o prazo para os músicos que queiran presentarse en WOMEX
WOMEX é unha grande oportunidade de promoción internacional para os grupos galegos, xa que esta feira atrae a uns 2.500 profesionais de todo o mundo, entre os que se encontran 800 programadores e máis de 300 xornalistas


Tamén está aberta a convocatoria ata o 18 de abril para presentar propostas de conferencias e filmes relacionados coa ‘world music’
Ademais de na selección oficial, os músicos galegos poden optar a participar no escenario local, denominado ‘Atlantic Connections’
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2014. O vindeiro venres 18 de abril remata o prazo de presentación para artistas que queiran ofrecer un ‘showcase’ (concerto) no WOMEX 14, a maior feira mundial das músicas do mundo, que se celebrará en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro. A convocatoria tamén está aberta para propostas de conferencias e tamén de filmes relacionados coa ‘world music’.

WOMEX é unha extraordinaria oportunidade de proxección internacional para os músicos galegos, dado que inclúe unha feira profesional, uns 60 showcases (concertos), atrae a uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas (e 130 emisoras de radio). Ademais, tamén acolle un DJ WOMEX Summit, conferencias e ‘mentoring’ a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países; proxeccións de filmes, etc.

Como participar en WOMEX 14
Os músicos que queiran participar en WOMEX 14 poden facelo do seguinte xeito:

Presentarse á selección oficial de WOMEX, que é realizada cada ano por un xurado de sete membros destacados da comunidade musical internacional (os famosos 7 Samurais). Os seleccionados actuarán para unha audiencia de actores clave na industria musical global, que inclúe uns 800 programadores de todo o mundo (datos de WOMEX 13). A convocatoria pecha o 18 de abril.
Presentarse ao Atlantic Connections (escenario local), que amosará a escena musical da Península e latinoamericana, conectando as identidades culturais e musicais das distintas rexións. Os artistas destas áreas terán unha oportunidade adicional de conseguir participar nun showcase. Non hai que facer ningunha solicitude por separado. Os non seleccionados para a sección oficial serán automáticamente elixibles para este escenario local, que terá un xurado diferente. A convocatoria tamén pecha o 18 de abril.

Participar no offWOMEX Showcase: os músicos que non foron elixidos na selección oficial nin na selección local e aínda así queren amosar a súa música nun showcase a programadores e outros profesionais, podes facelo no escenario offWOMEX Showcase aboando unha cantidade á organización.

Participando na Feira profesional, á que asisten máis de 2.000 delegados de todo o mundo. Alí poderán reunirse con profesionais do sector a nivel internacional e dar a coñecer a súa música. Hai espazos para o networking, conferencias, filmes e mil e unha oportunidades para coñecer a todos os actores importantes deste eido.

Conferencias e filmes

Ademais, o 18 de abril tamén pecha a convocatoria de propostas para conferencias e filmes. WOMEX está buscando propostas de persoas representativas da música a nivel mundial que desexen presentar a súa visión, proposta ou idea sobre o mundo da música e da súa industria.

A organización anima particularmente a enviar propostas que examinen a variedade musical española (desde o flamenco ao folk de influencia céltica en Galicia, pasando pola música mestiza ou a electrónica) e como esas escenas e a súa estrutura comercial evolucionaron neste século. Os outros focos de interese de WOMEX Conference son a cultura de club global e as sinerxias entre jazz e world music. Na edición de 2013 participaron máis de 80 conferenciantes e mentores de 25 países en 20 conferencias e sesións de mentoring’.

En canto ao cinema, WOMEX acolle proxeccións de filmes de WOMEX (en colaboración con IMZ), onde se mostrarán os mellores documentais de músicas do mundo. As propostas son xulgadas de forma independente por un xurado formado por IMZ e o Media Centre de Viena. En 2013 víronse 17 películas doutros tantos países.

WOMEX 14 encherá Compostela de música durante cinco días nos seguintes espazos:

WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, premios, conferencias, networking...

WOMEX Night: os 60 showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol.

WOMEX leva celebradas 19 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff) e celebrará a súa vixésima edición en Santiago de Compostela, motivo polo cal acollerá unha programación especial.

WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde.

Como socio local forma parte da organización Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da "world music" en Galicia e na Península. Desenvolveu a súa actividade principalmente no ámbito do management, da produción de eventos e na distribución de artistas internacionais. Presente en WOMEX desde 1997, Nordesía ten un papel destacado na promoción internacional da música galega.

Como entidades patrocinadoras figuran a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e AGADIC, o Concello de Santiago e INCOLSA. E como colaboradoras están a SGAE, AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Clubtura (Asociación de Salas de Música ao Vivo), Músicos ao Vivo, ACCESS (Asociación Española de Salas de Música), a Asociación de Hostelería de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago.

Impacto na música e na economía de Galicia

En 2009 profesionais do sector musical co apoio da Consellería de Cultura acordan poñer en marcha unha estratexia destinada a impulsar a internacionalización da música galega e converter a Galicia en sede do WOMEX será o primeiro paso. Santiago de Compostela competiu con outras cidades como Dublín, Valencia, Glasgow ou Madrid para organizar esta edición, que conta cun amplo consenso social e sectorial.

WOMEX 14 é o máis importante evento cultural en Galicia dos últimos anos. Trátase dunha grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.

Ademais do valor cultural, o Womex supón un extraordinario efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda, que se valorou nas últimas edicións nun impacto positivo no PIB de máis de 2,5 millóns de euros. Ademais, aproximadamente un 80% do custe da produción reverte directamente nas empresas galegas. Asemade, hai que engadirlle o impacto na imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da visibilidade que produce o impacto internacional da Feira.

Máis información:
699945778
http://www.nordesia.com/womex14/ (en galego e español)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-04-2014 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer