Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sérgio Tannus en Compostela

Sérgio Tannus celebra o 25 de Abril cun concerto “brasilego” na Casa das Crechas

Este xoves día 25, a Casa das Crechas encherase de sambas, choros e outros ritmos durante o concerto de Sérgio Tannus cuarteto. Poderemos escoitar os temas do último disco do artista, 'Son brasilego', no que o artista de Niteroi se rodeou de máis de 40 colaboradores tales como Uxía, Carlos do Carmo, Antonio Zambujo, João Afonso, Narf, Ugia Pedreira e moitos outros. Será ás 22:30 horas.

Paulo Silva (voz e percusións), Pablo Seoane (piano) e Gutier Álvarez (zanfona e violino) acompañarán o multiinstrumentista brasileiro neste concerto. Será ás 22:30 horas e con entradas a 6 € (5 euros anticipada) cando poderemos escoitar as guitarras, voces e demais instrumentos destes xeniais músicos. Ademais, contará coas colaboracións de, entre outros músicos/as, Najla Shami, Serginho Sales e Uxía Senlle.

Logo do remate do concerto de Xosé Manuel Budiño no Teatro Principal, a música continúa na Casa das Crechas co concerto “brasilego” de Sérgio Tannus cuarteto e colaboradores/as seguido de unha simbólica jam session luso-brasilega con cancións de cantautores portugueses. Sen dúbida, un bo xeito de rematar a xornada do 25 de Abril, día no que se conmemora a 'Revolução dos Cravos”, que liberou Portugal da dictadura militar de Salazar no ano 1974.

Neste traballo quixo Tannus compartir pezas con artistas galegos cos que viviu “inesquecibles” momentos musicais nos anos que leva vivindo en Galiza: Ugia Pedreira, Óscar Fernández, Uxía, Najla Shami, Xabier Díaz, Narf e moitos outros, xunto con músicos portugueses, brasileiros, angolanos e doutras nacionalidades. 'Son brasilego' é, daquela, unha auténtica “ponte musical” entre os países lusófonos, especialmente Galiza e Brasil.

Ademais, o propio artista indica que “este disco soa a amizade”, xa que ata o de agora sempre foi el o que colaborou noutros traballos e agora “son eu o solista”, afirma. Sérgio Tannus di isto agradecendo a acollida que durante os anos que leva no país lle brindaron as e os artistas galegos.

A “brasileguidade”
Segundo Tannus, 'Son brasilego' “aposta polo intecambio, polo estreitamento do contacto cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns”, di. Alén da música, proponnos reflexionar sobre a nosa identidade e irmandade, especialmente sobre o futuro desta a través da música e da sonoridade atlántica que nos torna brasilegos. Pero, sobre todo, é un “agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico” de Sérgio Tannus desta beira do Atlántico.

Tannus leva desde 2006 vivindo en Galiza e desenvolvendo a súa faceta multiinstrumental no noso país. Colaborador co tecido cultural galego desde a súa chegada, soubo ver e valorar as e os artistas cos que se atopou durante todos estes anos, e cos que quixo establecer unha relación musical enriquecedora para ambas as dúas partes. Precisamente, é grazas a esa mesta rede musical e ao pulo que a súa mestría deu a moitas formacións e solistas galegos/as que nace este proxecto discográfico, “para que quede constancia delas e isto non sexa máis que un comezo”, indica o propio Sérgio Tannus.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-04-2013 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer