Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Xose Manuel Budiño

Xosé Manuel Budiño: «'Sotaque' é un disco conceptual, que afonda na percusión galega»

O gaiteiro de Moaña recupera a súa faceta como compositor no seu sexto traballo, no que tira de amigos como António Zambujo, Luís Tosar, os Cantareiros de O Fiadeiro, McGoldrick e Carlos Blanco«Pode haber unha crise de infraestrutura, pero agora se chega a calquera ouvinte en calquera parte do mundo. É moi relativo o da crise da música»


O sexto disco de Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) sae o martes a rúa. Un proxecto co que o gaiteiro tira de amigos nunha proposta na que di que quixo dar protagonismo á percusión galega. Gravouno no seu estudio, Ardora, e gábase de telo masterizado nos Atlântico Blue Studios de Lisboa, considerado un dos dez mellores de Europa.

-¿O título «Sotaque» é un aceno a Portugal?

-De sotaque podería ser 'de repente', pero utilízase moito como 'acento'. E saíu de António Zambujo, un convidado neste disco. Cantando a peza que lle tocaba, a de Carlos Blanco, unha das súas preocupacións era se estaba facendo ben a letra en galego e nun momento da gravación preguntoume: «¿Que tal o meu sotaque?». E xa lle quedou. Foi unha luz que se prendeu e vai moi ben porque estaba tratando de darlle o meu propio acento a todo o que estaba facendo. Son moitos anos traballando coa música. Comecei coa tradicional aos 7 anos. Pero tamén foron moitos anos traballando coa música electrónica e aprendendo moitas cousas, e quería aproveitar o xeito da música electrónica, pero levándoo ao mundo da percusión tradicional. Dándolle o meu propio acento.

-¿Que aporta este traballo?

-É un disco que tiña moitas ganas de facer porque o anterior, Volta, fora un disco en directo, gravado no festival de Ortigueira, e como unha escolma dos anteriores. Tiña ganas de traballar no estudio e de compoñer. É un disco de composición, como é habitual na miña carreira. O que máis me gusta é compoñer. E tamén afondar na percusión tradicional galega. É un disco basicamente de percusión, voces e gaitas. Un disco moi conceptual e nada ecléctico, onde todos os temas teñen raíz de percusión galega, traballada, pulida a man e feita por grandes percusionistas do tradicional. E traballo cunha serie de amigos que vas atopando polo camiño. Foi un disco moi meditado, un ano de traballo, e pensando en quen ía cantar cada canción ou quen ía facer a letra.

-Sobre o tema dos amigos, participa Luís Tosar.

-A intervención de Tosar nace dunha letra de Celso Emilio Ferreiro que atopamos e gustounos moito. Coñecémonos desde hai moitos anos, de cando el facía teatro. Presentáranos o director de cine Jorge Coira porque sabía que os dous eramos admiradores un do outro. E ao atopar esa letra de Celso Emilio comecei a pensar na súa voz. Hai moitos anos que quería facer algo con el e este foi o momento. Integrouse totalmente e penso que a xente vai quedar sorprendida co seu traballo. A enerxía que aporta é tremenda.

-¿As voces teñen máis peso neste disco?

-Máis ou menos, sempre adoita haber dous ou tres temas cantados. É certo que neste disco hai moitas voces, de feito está Zambujo, que tamén é un gran amigo e en Portugal neste momento está considerado coma un número un. Ter a António cantando é un luxo. E conto tamén cos Cantareiros de O Fiadeiro, que fan o único tema tradicional e decidín agasallarme a min e a eles para estar no disco. Apetecíame, despois de ver o seu traballo de moitos anos recollendo a música tradicional por Galicia.

-Hai unha colaboración a maiores que é McGoldrick.

-Si, Michael é amigo meu hai moitos anos, toca habitualmente coa banca escocesa Capercaillie e fai xiras con Mark Knoffler. Temos tocado moito cando coincidimos en festivais e tiña moitas ganas de que estivera neste disco. Atopámonos no verán en Lorient tocando e xurdiu a colaboración. El gravou desde Manchester e a tecnoloxía permitiu que nos remitise a súa pista para o tema que dá título o disco, Sotaque, que realmente é unha muiñeira, tocada con percusión tradicional e gaita e no que aporta esa frauta máxica.

-¿Unha definición do disco?

-Non sabería, prefiro que o disco empece a voar e que cada un lle poña a súa historia. É un disco moi galego.

-Aínda que saen novas propostas parece que o tema folk esmoreceu nos últimos anos. ¿Cre que pode rexurdir?

-É a pregunta do millón, pero nunca teño resposta para iso. Nunca a tiven tampouco, porque levo máis de 20 anos enriba dos escenarios e tocando por todo o mundo e só podería falar do meu traballo, e tanto está en Galicia como en Bretaña, México, Oriente Próximo ou Shanghai... Non me gusta etiquetarme, dicir que estou no folk ou noutra música: algún festival ao que imos é de jazz e noutros hai grupos de rock... Todo está moi aberto e o mundo é moi grande. Non sei se está en auxe ou deixa de estalo, non creo nas etiquetas, creo na individualidade de cada proxecto.

-¿Non nota a crise?

-O tema é complicado porque pode haber unha crise da infraestrutura do mundo da música, pero ao mesmo tempo agora se chega a calquera ouvinte en calquera parte do mundo. É moi relativo o da crise na música.

-Máis aló deste novo traballo, ¿que queda do proxecto iLalelo con Carlos Blanco?

-De iLalelo queda todo por vir, é un proxecto moi bonito feito cun amigo e que naceu dun concerto ao que o convidara para cantar e rapear comigo e de repente démonos conta, interpretándoo diante de 30.000 persoas, de que podía dar moito de si. Co paso dos anos chamoume e díxome que tiña un espectáculo en mente. Comezamos a traballar, estivemos un ano xirando e foi unha experiencia enriquecedora. E de aí parte a súa participación co tema que canta Zambujo. Agora el está co seu proxecto de sacar o deuvedé do seu espectáculo no Colón e eu estou co meu disco, pero iLalelo está aí permanente e en calquera momento irá saíndo.

SANTIAGO | Teatro Principal | Xoves 25 | 21 horas | 10 euros

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-04-2013 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer