Con este EP, os de Vista Alegre (Compostela) volven o seu ollar irónico cara ao universo da verbena, recuperando o espírito das orquestras populares e convertendo o torreiro da festa nun lugar desde o que contemplar esta pequena traxedia persoal e colectiva que acabou por envolvelo todo.
O grupo visita con fachenda crooner xéneros tan variados como a cumbia e o krautrock, o bolero e o calipso, para celebrar o recordo das últimas noites do verán como ese momento no que os soños ou se fan realidade ou fican esquecidos para sempre no máis fondo do padal.
Con estas sete cancións, hedonistas e desesperadas, románticas e sempre de volta, feitas para bailar e aparearse, para botar unha gargallada veciñal ou para homenaxear a felicidade dun tempo de abundancia e paparota, o disco Noites de agosto con Ataque Escampe é, en definitiva, un palco desde o que entoar a coro a íntima melodía da resistencia, a promesa ambigua dunha estrela fugaz e derradeira.