Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Milladoiro
Inauguraron o venres na praza da Quintana as festas do Apóstolo e hoxe recollen a Medalla de Galicia, pero coa mirada alén dos fastos, os seis músicos de Milladoiro dinse conscientes do ermo ao que as contas públicas someten as propostas culturais. Hai moitos músicos ben formados, pero faltan os cartos de quen contrata e, avisan, o desafío é sobrevivir.

Pregunta. A Medalla de Galicia recoñece unha traxectoria. Que balance fan da súa?

Pepe Ferreirós. Entendo que este é un premio ao traballo feito dentro do campo da música tradicional, da música popular. A música dentro das artes sempre é a parente pobre e, se é música popular, máis pobre aínda. Facer un recoñecemento á música do propio país é importante.

P. Goza de boa saúde a música tradicional?
Nando Casal. A nivel artístico está nun momento extraordinario, pódese dicir que está no mellor momento da historia. O que pasa é que a outros niveis é outro cantar. Esta crise traslada, en canto á industria, a música tradicional ao nivel de cando comezaba a democracia.

P.F. Os momentos nos que comezou Milladoiro eran moi críticos. Estaban desaparecendo os vellos gaiteiros, a cualificación na música tradicional non era valorada, dicíase, bah, é unha cousa menor, e nós unha das cousas nas que puxemos maior empeño foi normalizar ese aspecto da cultura. Nunca houbo tantos músicos coma hoxe, tanta xente dedicada ao estudo serio e riguroso, nunca houbo tantos grupos de baile. O cambio nestes 30 e pico de anos foi abismal.

P. Pero hai risco de involución polos recortes en cultura?
N.C. Nestes momentos de crise nos que se dedica menos diñeiro a programación cultural en xeral, estamos detectando que lle afecta especialmente á música galega. Se ves as programacións das grandes festas dos concellos, parece que aproveitan para que a música galega volva a tempos que estaban case esquecidos.

Moncho García. Houbo un momento no que valía todo. Aínda que soe mal, o mercado vai decidir quen sube a un escenario e quen non. Creo que unha das cousas que máis aportou Milladoro á música galega foi darlle unha gran profesionalidade. Nós queríamos usar equipos tan bos como os dos mellores artistas que viñan de Madrid.

P. Como lle afecta a Milladoiro o recorte orzamentario?
P.F. Hai moitísimas menos actuacións. Algúns concellos, se algún grupo vai tocar gratis, non o poden levar porque non teñen para pagar a luz. Estamos nun momento de ruína das institucións que se dedicaban a programar concertos. Esas institucións están nunha situación absolutamente paupérrima.

M.G. A pesar de que a situación é a que é, penso que a xente que está á fronte das institucións ten a obriga moral de defender o que é propio do país e que levou tanto traballo revivir. Non falo só da música. Esta crise golpea non só ao músico, senón o que hai arredor del, e é importante que este sector dunha cultura minoritaria non reciba un dobre golpe. Os poderes públicos téñense que dar conta.

P. Foron sempre moi prudentes á fusión. Por que?
M.G. O tema da fusión é un concepto que non manexamos, é un concepto de marketing.

N.C. Non facemos nada forzado para ver se se venden máis discos poque na portada aparece fulanito de tal. O tempo deunos a razón: moita xente que fixo fusión, ou máis ben confusión, foi flor dun día.

P. Malia ter un traballo integramente vocal, Unha estrela por guía, sempre defenderon o carácter instrumental de Milladoiro.
P.F. En ningún momento pretendemos ser un grupo vocal. Ese disco foi un encargo para facer un disco sobre textos de Manuel María e, obviamente, tiña que ser cantado. Foi un reto que naquel momento nos pareceu interesante.

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 26-07-2012 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer