Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Vituco Neira (Ruxe-Ruxe, Planeta Furancho)
Vituco Neira atópase nos últimos meses nunha encrucillada de micrófonos, equipos de son e técnicos que transforman a súa voz en Música do País e no voceiro dun País de Música. Xunto outros seis amigos (Alex Sevilla, Xaco Barona, Antón Torroncho, Miguel Duarte e Xan Pericán), os Ruxe Ruxe baixarán de Aríns a Compostela (Sala Capitol, 31 de marzo) a mostrar a súa oitava colleita musical.

P: Dixo Xavier Valiño no seu libro A paixón que queima o peito que era o 'bravú' un “rock sen capar, que xurdiu cando as guitarras chegárom às aldeias". ¿Que lle suxire?
R: O rock bravú foi un espello no que mirarse. Ata ese momento as referencias que nos chegaban eran do rock español e inglés. Os grupos do bravú facían música similar á que nos gustaba, achegada ao punk, empregaban instrumentos da tradición galega ou asimilados, coma o acordeón nos Diplomáticos de Monte Alto.

P: ¿Que foi o orixinal dos grupos deste movemento?
R: Falaban do que lles petaba, como lles petaba e en galego, empregándoo tamén como querían, o máis punki que escoitáramos nunca! Tivemos a sorte enorme de vivir esas bandas como público. Ruxe Ruxe naceu nesa época, cando o bravú case esmorecía. Queda todo do bravú, foi o camiño que escollemos.

P: A influencia desta corrente dilúese cada vez máis. ¿É unha vía rematada?
R: Seguimos con aquel espírito, entendendo o bravú como o movemento que enmarca as nosas intencións: música no noso idioma, falando do noso mundo e empregando instrumentos propios da nosa tradición. Evolucionamos moito, pero o xérmolo continúa intacto. Mirando atrás, sentímonos orgullosos do que fixemos cos poucos medios que tiñamos. A música é algo que sempre tivemos nun lado das nosas vidas, xa que temos outros traballos, non chega o tempo para mellorar a proposta.

P: A figura do gaiteiro en Ruxe Ruxe entra nas premisas, de habelas, do bravú. ¿É máis umha obriga ca un desexo?
R: Non, para nós xurde de algo máis sinxelo. O noso gaiteiro, Xaco, era un veciño da nosa quinta, e que o que tocaba era unha gaita. Se fose unha trompeta seguramente tamén estaría con nós. Sempre nos fascinou a figura e a sonoridade da gaita e coidamos que estivese presente nos discos. Non concibimos Ruxe Ruxe sen ela, é parte da nosa música e non tempos ningún tipo de presión de metela. Tampouco nos vemos obrigados a buscar os recursos técnicos. O grupo tirou cara a un ritmo máis rápido, máis punk, e soubemos seguir tirándolle proveito e Xaco, de formación tradicional, é quen máis disfruta desta evolución.

P: Esta relación non é tan prolífica en propostas de rock máis clásico. ¿É un problema de protagonismo que queren adquirir os gaiteiros nas formacións?
R: Iso depende de cada grupo, do gaiteiro e de que arranxos consigan. En definitiva de que preste ou non preste. O que pode haber é o que pasa coas cousas máis enraizadas no país: hai autoodio. A gaita ten moitos amantes, unha maioría, pero tamén ten os seus detractoressomos pouco imaxinativos.

P: ¿De onde sae entón Non hai novas de Gurb?
R: (Risos) Directamente do libro Sin noticias de Gurb, de Mendoza, que lemos os membros do grupo nun periodo determinado e a todos nos fixo moita graza. Estabamos lendo e acordounos cambiar un pouco a idea de Gurb sen ser fieis sequera ao argumento do libro, pois trasladámolo á Costa da Morte.

P: ¿Sabe algo da canción o propio Mendoza?
Non. ¡Nin lle pedimos permiso, nin sequera llo dixemos! Realmente teríamos que telo feito no seu día para que a escoitara, aínda que fóra só para ver que merda fixemos.



O NOVO DISCO
P: ¿Que hai de vello e de novo no traballo que van presentar?

R: De vello hai 2 cancións que recuperamos doutros anos, Que o demo me leve, grabada xa en 1997, e Os vellos punks nunca morren, que estaba aí nun caixón, sen grabar. En canto a novidades hai un estilo máis tranquilo ca 'Na fura de diante'. En canto a concepto probablemente sexa máis punk. En canto a temática está impregnado do que aconteceu no grupo nos dous anos previos. Pasaron cousas importantes para o grupo. Moi malas novas e moi boas tamén. Fala de xente que non está, xente que volve... Xa escoitaredes, son moi malo vendendo o noso propio grupo.

P: Na fura de diante ten un tinte menos reivindicativo nos seus temas. ¿Foi intencionado?
R: Non pensara niso, é probable que así sexa. A selección foi un proceso que dependeu de que nos prestara máis que de buscar a reivindicación. A disconformidade co mundo é unha constante que está implícita en todo canto facemos. Está claro que non funciona ben e todo, ou case todo, é decepcionante. Ás veces mola máis facer cousas de amor. Non tes por que estar sempre metendo o dedo na ferida.

P: Renovaron a interface de entrada á web e colgaron o primeiro videoclip. Rock do país, unha frase que di no sempre no programa. O título e a letra é case de himno, todo un manifesto.
R: Totalmente, pero o bravú xa era 'rock do país', non queremos rachar con el. É unha homenaxe a todos eses grupos que fan rock e punk en galego, e que seguirán facendo, que contra vento e marea, desde o underground e sen chegar a un gran número de xente. Seguen en loita e marcando camiño. Sentímonos moi en débeda, porque dan forza a seguir cando vén un momento frouxo. Skacha, que hai pouco que deixaron a actividade, e Zënzar, con 20 anos facendo rock desde o underground, son só dous exemplos de fidelidade a si mesmos. Por iso colaboran Esteban, de Skacha, e Bocixa, de Zënzar.

P: ¿Por que non tocades nunca Radio Ruxe ao vivo, aínda que os fans volo piden?
R: Sempre nos reclaman Radio Ruxe e Lobicán. ¡As dúas teñen unha chea de anos! Se son sinceiro, non as tocamos porque non somos capaces de facelas sonar ben. Cando as grabamos tíñamos menos experiencia, moitos menos recursos, pero agora, non sei por que non conseguimos ese resultado. Lobicán si que a tocamos hai pouco, na capitol en Compostela. Chamounos a atención que todo o mundo a sabía. Algún día tocaremos tamén Radio Ruxe... Temos 8 discos e máis de 100 cancións editadas. Tocarlle a cada fan a súa canción preferida sería perfecto, un premio para eles e para nós.

P: ¿A industria galega é autosuficiente en canto a estudos, calidade e saída comercial das produtoras?
R: Si que se podería facer todo. O problema da industria é quen a consome. Todos os procesos costan diñeiro e o problema é que non consome cultura propia. Estamos condenados a contar cun público que si é moi fiel, pero moi pequeniño. O potencial cultural neste país é moito maior. A cultura de aquí ten un nivel é bastante alto e sobresaliente. Á xente gústalle, pero os medios miran para outro lado, non temos demasiada repercusión, non nos deixan demasiados espazos...



A REDE, EN POSITIVO
P: Teñen toda a discografía colgada na rede.

¿Foi unha decisión que tomastes desde o inicio? R: Somos pro descarga total, aínda que nos colle o proceso no medio da historia do grupo. Na rede se a xente pode conseguilo gratis é complicado que pague. É lóxico, ademais. Nós decidimos que a nosa música é para que se escoite. Desde aí, se gusta, van mercar. Ruxe Ruxe vendeu máis no último disco que co anterior, que non estivo na rede desde o principio. Os fans saben que colaboran co grupo con cada camisola ou disco que mercan ou a cada concerto que van.

P: ¿Internet beneficiou mais do que prexudicou?
R: Internet é unha boa ferramenta. As redes socais son incribles para darse difusión. Rock do País nunha semana ten 4.000 visitas. Que o poñan nunha tele é impensable. Aínda así, segue sendo un geto. Podemos escoitar unha canción ou un grupo caralludo, pero non sabemos onde atopalo, aínda que posiblemente estea dispoñible para descargalo. Seguimos precisando dos medios convencionais.

P: Nos últimos tempos foron tocar a Madrid, anos atrás a Milán e Porto. ¿É máis doado saír agora cara ao exterior ca nos primeiros anos?
R:Non temos ningún tipo de traballo de management, ninguén que nos venda no exterior, mais todos os anos vimos tendo algunha actuación lonxe. Nalgunhas ocasións non podemos ir. ¡Un mércores por aí adiante é incompatible co traballo! Pasounos desde o comezo, sen ser unha gran banda nin tendo un grande impacto comercial.

P: ¿Que anécdotas vos deixaron nas actuacións fóra de Galicia?
R: En Madrid tocamos moito e sempre está cheo de galegos. Hai un pequeno grupo que sempre nos vai ver e é coma estar na casa. E respecto ao do gaiteiro precisamente, en Cantabria, a gaita é o reclamo, Xan era o xefe do pobo, era moi atractivo para a xente levar un instrumento máis descoñecido, sobre todo en contextos rock, que se considera máis estrano.

PROXECTOS E ILUSIÓNS

P: Detrás de Lobicán Records, ¿Están vostedes?

R: Si, é un selo noso. A idea que tíñamos era editar moitos discos e editamos algúns, outros máis ben usaron o selo e editaron eles. Era un selo en principio para nós, sacamos Na fura de diante e este tamén. Xa estivemos con discográficas e sabemos o que é, queremos currar nós o proceso todo. É un soño, que non dá beneficio económico, máis ben o contrario, pero fainos felices ter o seliño.
P: ¿Hai algún escenario que se vos resista? Por exemplo, o palco dunha verbena, algún enclave no que sempre quixésedes actuar...
R: Hai moitas ilusións que nos quedan por cumprir, tocamos en moitos festivais e escenarios, pero falta moitos. Non tocamos na Carballeira de Zas, no Festival de Ortigueira...

P: ¿E en Aríns?
R: [Risos]¡Alí tocaremos cando nos paguen máis ca na Panorama!. É difícil a condición, pero hai que intentalo. Ademais, alí están ata o carallo de nós, trátannos moi ben, non temos nada que dicir. Tamén quereríamos facer un disco en vinilo.

P: ¿Sae tan caro?
R: Non é tanto iso, non nos cadrou. Supoño que o cumpriremos pronto. Para este último xa non vai ser posible, xa que estamos con outras loitas económicas, e un vinilo agora sáese do orzamento.

P: ¿Un disco ao vivo?
R: É algo que leva na cabeza do grupo desde hai 4 ou 5 anos. Eu son un dos que está en contra de facelo, que conste. Gústame a idea de que a xente que te viu en directo te recorde por aquilo. Se o grabas creo que se perde esa maxia.

P: Pero o público afín xa o vai ter, e para o resto é coma un cebo...
R: Hai moita ilusión no grupo. Hai xa algún festival onde temos a vista posta. Hai unha ducia deles, que lle temos moito aprecio e que sería o sitio perfecto para facelo. Outro plan a medio prazo.

PLANETA FURANCHO, 'MÚSICA DO PAÍS'
P: ¿Contabas ter un espazo na Radio Galega despois de teren cancelado 'Aberto por reformas'?

R: Foi unha nova moi mala a do peche, triste para a música do país. Tiven a sorte de compartir tempo con Xurxo, unha honra enorme, e ver o orgullo que se pode ter nunha radio pública pola súa música é algo obrigatorio. ¡Todo o que non sexa facer iso é un atentado! Pola nosa parte presentáramos xa algúns proxectos á Radio Galega e presentamos naquel momento un, sen pensar demasiado se sairía, e ao pouco déronnos o visto e prace.

P: ¿Cal foi o concepto que manexastes ao comezo?
R: Desde o primeiro minuto o obxectivo era que fose un programa dos músicos, con nós como simples intermediarios. Fixemos máis de 300 entrevistas, programas especiais, indo a concertos e facéndoos na propia Radio. O único que facemos é poñer o micro e abrilo para que a xente amose o que ten. Como a música e os contidos son moi bos, o programa funciona moi ben. O mérito é da música galega.

P: Depois de 2 anos e medio, ¿cal é o balance?
R: Estamos encantados polo trato e a liberdade para facer o programa como queremos e con toda a música que queremos. Sería ideal que houbese máis destes programas, que a RG Música tivese 24 horas ao día con programación de música do país. A ver se co tempo se mellora isto.

P: ¿Ten algún proxecto en mente para renovar a proposta?
R: O programa préstame que siga sendo un programa de radio, que funcione como tal, esa maxia, que a xente saiba que lle ten que dar á rosca do aparello... ou buscar o podcast. O proxecto máis importante é continuar coñecendo grupos. Non todos saen no Furancho, polo que estamos ás expensas de todo o que nos chega para darlle difusión.

P: Grupos coma The Homens toman un respiro, Quempallou volve con disco de estudo, Machina volve ás andadas, Os Cempés están en fase de grabación... ¡A cabeza non para!
R: Non para porque hai moito talento e porque vivimos un momento cultural moi activo desde hai moitos anos. É normal que agromen cousas e se fagan cousas, ademais de que cada vez a técnica é máis doada. Talento hai a esgalla. Despois, como a propia vida: uns nacen, outros morren, algún retorna... The Homens e Skacha deixan atrás unha traxectoria incrible cun feixazo de cancións. Calquera día o retomarán e aí estará o público para seguilos. O que precisamos é medios de comunicación para espallala. Os medios do país, públicos e privados, teñen que facerlle caso á música e cultura do país, esa é a batalla e témola que ter sempre.

P:¿ Anti-SGAE ou pro-SGAE?
R:Unha cousa son os dereitos de autor e outra esta entidade. A SGAE non trata demasiado ben nin os autores nin os dereitos, por iso está sempre en tea de xuízo. Outra cousa é o que decide facer un autor: o que se pode e que non se pode facer coa súa creación. Os dereitos de autor hai que coidalos e sobre a súa obra ten que haber uns dereitos, dun tipo ou doutro.

P: ¿Unha noticia recente do mundo musical que che chamase a atención?
R: A volta dos Cempés fíxome moita ilusión, é unha superbanda que eu xa non contaba velo tan pronto. Tamén a dos Diplomáticos.

P: Unha recomendación da túa discografía privada?
R: Galegos non digo ningún para non mollarme, préstanme todos e faríamos unha lista... De fóra, nada novo, clásicos coma The Clash, sobre todo punk inglés dos 70. Ultimamente Jonnhy Cash, o último disco que gravou con Rick Rubin. É moi difícil tamén atopar algo que non me guste, non soporto a Muse, que lle gusta a todo o mundo. Eu vinos en directo, escoiteinos e non me gustaron. Non sei se será mellor que non sei se está ben que o poñas ou non (risos).

www.galiciae.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2012 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer